Xoves 25 Abril 2024

Lomba do Mouro, o campamento romano máis grande e antigo da Gallaecia

As datacións do grupo de investigación Romanarmy sitúan a fundación do enclave, entre Verea e Melgaço, ao redor do século II a.C,

En setembro de 2020 desenvolveuse na raia, entre os municipios de Verea e Melgaço, a procura do que, xa daquela, se contemplaba como o maior campamento romano do noroeste peninsular, no que na época do esplendor da civilización romana se correspondería coa Gallaecia. E esta semana, o grupo de investigación Romanarmy confirmou, mediante datacións, aquela hipótese, e mesmo achegou novos e moi relevantes datos: o enclave de Lomba do Mouro non só é o maior da Gallaecia, senón tamén o máis antigo. Os resultados das análises realizadas por luminiscencia ópticamente estimulada (OSL) expoñen que a edificación das dúas liñas de muralla se sitúan no século II a.C.

Lomba do Mouro convértese, por tanto, no campamento romano máis antigo identificado científicamente en Galicia e norte de Portugal. Isto, segundo informa o grupo Romanarmy, “pode conectar a súa construción coas primeiras campañas militares romanas en Gallaecia, segundo narran os historiadores romanos”. Crese que Lomba de Mouro, cun tamaño superior ás 20 hectáreas, foi levantado durante o desprazamento dun enorme continxente de tropas romanas (aproximadamente 10.000 soldados) que atravesaba a serra do Leboreiro e que o ergueron como fortificación temporal.

Publicidade

Intervención arqueolóxica

Estes relevantes achados son froito da campaña de intervención arqueolóxica desenvolvida en setembro do pasado ano, e liderada polo arqueólogo da Universidade de Exeter João Fonte, como parte do proxecto europeo Finisterrae financiado pola Comisión Europea a través dunha bolsa individual Marie Skłodowska-Curie. As análises foron realizadas polo grupo de investigación C2TN (Center for Nuclear Sciences and Technologies) do Instituto Superior Técnico da Universidade de Lisboa.

Aquelas prospeccións confirmaran a existencia das dúas liñas de muralla de pedra que puideron ser ben caracterizadas, incluíndo elementos defensivos singulares, como as ‘pedras fincadas’ ou ‘cabalos de frisia’, un sistema para deter o avance da cabaleiría ou as tropas do exército inimigo. Daquela recolléronse mostras de sedimentos que podían ser analizados. A través da luminiscencia, pode datarse o último momento no que os cristais de cuarzo estiveron expostos á luz solar e, polo tanto, o momento no que foron soterrados baixo unha estrutura. A media das datacións permitiu aos investigadores obter o dato fundacional do século II a.C.

Detalle dunha das sondaxes realizadas na Lomba do Mouro. Foto: Era-Arqueologia.
Detalle dunha das sondaxes realizadas na Lomba do Mouro. Foto: Era-Arqueologia.

Aínda que nos últimos anos romanarmy.eu ten localizados numerosos campamentos militares no noroeste peninsular, a súa datación é moi complexa. Ao ser recintos de campaña, atópanse neles moi poucas evidencias materiais ou orgánicas que permitan obter unha datación con validez científica. Ata o momento, o campamento romano máis antigo datado, que tamén investigou este grupo, era o de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), no que puideron ser localizadas moedas que vinculaban ese recinto coas campañas bélicas coñecidas como as Guerras Cántabras (29 a.C.-19 a.C.), coas que o emperador Octavio Augusto finalizou o proceso de conquista de Hispania. Mais agora, as novas datacións expoñen que Lomba do Mouro foi construído cen anos antes que Penedo dos Lobos.

Os resultados obtidos no enclave da serra do Leboreiro sitúan o xacemento nun contexto histórico coñecido polas fontes clásicas: a crecente presión de Roma sobre o noroeste peninsular e o primeiro avance das súas lexións para someter o territorio dos galaicos. Deste contexto de confrontación, o episodio máis coñecido é a campaña levada a cabo no 137 a.C. polo cónsul romano Décimo Xuño Bruto, coñecido como O Galaico polo seu éxito nesta campaña, que se internou con dúas lexións en Gallaecia, cruzando os ríos Douro e Limia e alcanzando o Miño. Foi no río Limia onde as fontes clásicas narran o lexendario episodio do Río do Esquecemento (Lethes). As dúas datacións absolutas da muralla, xunto coas grandes dimensións do recinto, apoian a hipótese de que o campamento puido ser levantado por un continxente vinculado a estes momentos, aínda que debido ao grao de incerteza das datacións é difícil facer por agora unha asociación directa co episodio de Decimo Xuño Bruto.

Estrea dun documental

Co gallo dos achados, Romanarmy presentou este mesmo mércores un documental no que se resume a investigación nas montañas da raia. Tralos pasos da primeira guerra, narrado en inglés e con subtítulos en galego, percorre o estudo dos campamentos romanos, amosando as conexións entre arqueoloxía, historia e lendas arredor da Lomba do Mouro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea