Fragmento do Livro da Montaria roubado en 1995 e recuperado pola Policía Nacional en 2014. Fonte: Ministerio de Cultura.
Fragmento do Livro da Montaria roubado en 1995 e recuperado pola Policía Nacional en 2014. Fonte: Ministerio de Cultura.

Livro da Montaria: punto e á parte na historia de película dunha xoia medieval

O Ministerio de Cultura entrega este xoves un fragmento da obra ao Arquivo Provincial de Lugo xunto a outros 23 documentos vinculados a Monforte de Lemos

Entre 1415 e 1433, na corte do rei João I de Portugal, redactouse, ao parecer por orde directa do monarca, unha obra que abordaba a montaría, unha modalidade de caza maior moi habitual na nobreza da Idade Media. Aquela obra, o Livro da Montaria, está considerada unha das obras portuguesas máis salientables da literatura do século XV, pero considerábase desaparecida ata finais do século XX cando se localizou un manuscrito en Monforte de Lemos. Despois dunha curiosa historia, o Ministerio de Cultura devolverá este xoves a obra ao Arquivo Provincial Histórico de Lugo, tras restaurar, estudar e dixitalizar o documento durante cinco anos.

O único que se sabía dela dela ata o ano 2000 era que había unha copia conservada na Biblioteca Nacional de Lisboa realizada arredor de 1800, procedente á súa vez doutra copia que Manoel Serrão de Paz fixera en 1626 dun exemplar ubicado no colexio da Compañía de Xesús de Monforte de Lemos.

Fragmento do Livro da Montaria atopado en 2014 no Arquivo Provincial de Lugo. Fonte: Anabad Galicia.
Fragmento do Livro da Montaria atopado en 2014 no Arquivo Provincial de Lugo. Fonte: Anabad Galicia.

Críase perdido pero é entón cando Ramón Lorenzo, investigador da USC experto na literatura galega e portuguesa medieval, publica no ano 2000 un artigo no que dá a coñecer o descubrimento “do único fragmento conservado do manuscito medieval do Livro da Montaria“. Tivo coñecemento del despois de que un particular contactara con el, amosándolle unha fotocopia do manuscrito, co que marchara do Concello de Monforte de Lemos despois estar analizando uns documentos antigos, e que estaban servindo de cuberta a outros textos. E así chégase a 2014.

En febreiro daquel ano, dúas arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial de Lugo atoparon máis fragmentos do Livro da Montaria (non sen polémica, como recolleu Praza Pública, sobre a autoría do achado) ao revisaren uns documentos notariais de Monforte de Lemos do século XVIII nos que aparecían como cuberta uns pergamiños con escritura gótica. Eran 10 pregos enteiros, 10 medios pregos e catro fragmentos con pasaxes dos tres libros dos que consta a obra, sobre todo do I e do III.

Como chegou o Livro da Montaria a Monforte?

A partir do achado, conxectúrase como puido chegar ao colexio dos xesuitas Monforte de Lemos este manuscrito. As hipóteses falan das estreitas relacións entre a Compañía de Xesús e a monarquía portuguesa, e do fundador do colexio, Rodrigo de Castro, coa casa de Bragança. Pasou o tempo e a historia, e os cambios de ubicación do concello monfortino e outras vicisitudes impiden clarexar como e por que apareceron aquí os fragmentos, e por que foron usados como cuberta.

Unha vez coñecido o achado, tomou parte no asunto a Policía Nacional. Cando se localizan os outros fragmentos do Livro da Montaria (que seguen conservándose no Arquivo Provincial de Lugo), a subdireccións xerais de Arquivos Estatais e Protección do Patrimonio descobren que “anos antes se producira o expolio doutro fragmento da mesma obra no depósito notarial de Monforte de Lemos” e abren unha investigación. Era, precisamente, o fragmento que lle fixeran chegar a Ramón Lorenzo. Na mesma operación, recuperáronse 23 documentos máis relativos ao concello de Monforte, datados en tre o século XII e XVI.

En agosto de 2014, a Brigada de Patrimonio Histórico da Policía Nacional retoma o caso e identifica á persoa que realizara o expolio, xa falecida, e a familia entregou voluntariamente todos os documentos que foran substraídos, segundo a propia Policía, no ano 1995. Un mes despois, en setembro de 2014, as autoridades policiais entregan o fragmento do Livro da Montaria, xunto ao resto de documentos, á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio, que os depositou no Arquivo Histórico Nacional para a restauración, estudo e dixitalización, ata agora.

Este xoves 4 de abril, o Ministerio de Cultura entregará ao arquivo lucense os arquivos restaurados no Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, no marco da celebración do Consello de Patrimonio Histórico. Unha reunión na que se falará tamén doutra decisión clave para a zona: a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.