Un dos libros con arsénico atopados na biblioteca. Imaxe: SDU.

Un dos libros con arsénico atopados na biblioteca. Imaxe: SDU.

Descobren tres libros velenosos nunha biblioteca danesa

Os volumes, dos séculos XVI e XVII, contiñan altos niveis de arsénico, un elemento químico que pode causar graves intoxicacións

Un equipo de investigadores daneses atoparon na biblioteca dunha universidade de Odense, no sur de Dinamarca, tres libros dos séculos XVI e XVII con elevadas concentracións de arsénico, un elemento químico empregado como veleno. O arsénico estaba nas capas, e foi detectado grazas a unhas análises de fluorescencia mediante raios X. A través desta tecnoloxía, os científicos Jakob Povl Holck e Kaare Lund Rasmussen atoparon o espectro químico do veleno.

A biblioteca advertiu das peculiaridades de tres libros cando descubriron que as obras, dos séculos XVI e XVII, estaban forradas con fragmentos de manuscritos medievais, unha práctica habitual naquel tempo. Ao tratar de identificar os textos, viron que era difícil lelos debido a unha capa de pintura verde que escurecía os manuscritos.

Foi entón cando decidiron analizar os materiais no laboratorio para coñecer a súa composición. A sorpresa foi que naquela pintura había importantes cantidades de arsénico, un elemento tóxico e utilizado moitas veces como veleno.

Normalmente, na natureza adoita aparecer asociado a elementos como o carbono e o hidróxeno. Porén, a súa forma máis daniña é como composto puro, e pode causar problemas de saúde como a irritación do aparello dixestivo, náuseas, diarrea, erupcións cutáneas e problemas respiratorios.

Antigo pigmento

Antes de descubrirse a súa toxicidade, os pigmentos baseados en arsénico eran habituais. Algúns pintores do impresionismo empregárono para crear os seus cadros. Porén, a partir da segunda metade do século XIX, cando se comezaron a detectar e estudar os seus efectos velenosos, parouse o arsénico deixouse de utilizar como pigmento e pasou a ser usado como pesticida nas explotacións agrícolas, aínda que no século XX tamén se deixaría de usar neste eido.

No caso dos libros, os científicos din que a explicación máis plausible é que o arsénico cumpría a función de protexelos contra os vermes e insectos que puideran degradar as páxinas. Os volumes descubertos en Dinamarca xa foron apartados e introducidos en recipientes separados e en estancias ventiladas para preservalos. Do mesmo xeito, foron dixitalizados para evitar o contacto físico e previr posibles intoxicacións.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.