Un retrato do bispo Quintero, xunto a Jesús de Juana.

Un libro descobre a Pedro Quevedo, bispo de Orense e xefe de Estado

Pedro Quevedo, obispo de Ourense y regente de España (1736-1818). Con este título preséntase a última obra do historiador do campus de Ourense Jesús de Juana. A publicación, editada pola Deputación de Ourense, aborda a figura do bispo Quevedo, “protagonista de importantes acontecementos históricos” dos séculos XVIII e XIX, segundo explica o autor do libro.

Pedro Quevedo, aínda que naceu en Badaxoz, indican en nota de prensa desde a Deputación de Ourense, estivo 43 anos de bispo en Ourense, os dous últimos tamén como cardeal, e deixou unha gran pegada na cidade e na provincia por feitos singulares como acoller a máis de 300 clérigos franceses que chegaron escapando da Revolución Francesa; a construción e mantemento da escola-taller para expósitas nas Mercedes ou a creación do Seminario de San Fernando, entre outras.

Durante a rolda de prensa deste luns, Jesús de Juana explicou que cando chegou a Ourense na década dos 70 comezou a interesarse por personaxes de Galicia e, sobre todo, de Ourense, descoñecidos na súa etapa formativa. “Entre eles estaba Pedro Quevedo, que nos estudos publicados sobre a Guerra da Independencia aparecía sempre como o bispo de Ourense, levando, daquela, o nome desta provincia no ámbito nacional e incluso internacional”, sinalou o autor.

“Na provincia de Ourense houbo notables representantes, pero foi Pedro Quevedo quen chegou ao cumio da política española, como xefe de estado, ao ser nomeado en 1810 presidente da Rexencia de España pola súa defensa dos valores patrióticos”, lembrou Jesús de Juana, que destacou, ademais do labor político de Quevedo a súa faceta como docente. “Pedro Quevedo foi un home do seu tempo, ancorado no antigo réxime, o que lle levou a vivir episodios de enfrontamento coas Cortes e a ser expatriado a Portugal, sendo un dos máis ilustres intelectuais daquela época”, explicou Jesús de Juana.

A publicación foi presentada este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo seu autor e por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, que destacou que se trata “dun libro sobre un personaxe de relevancia na historia ourensá, que foi bispo de Ourense durante máis de catro décadas e de quen este ano se conmemora o bicentenario do seu pasamento”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.