Sábado 20 Abril 2024

Os leóns do Pasatempo: de Betanzos a Covadonga

Á entrada do Real Sitio de Covadonga, onde a lenda católica da Reconquista conta que Don Pelayo se refuxiou xunto ao seu exército e foi axudado pola virxe para vencer aos musulmáns, hai dous magníficos leóns de mármore custodiando o acceso. Son unha réplica dos que están no Vaticano, no monumento funerario do papa Clemente XIII. Podería parecer que, nun lugar tan solemne, os leóns levan alí séculos. Porén, pouca xente da que visita Covadonga sabe que ata 1970 eses leóns estiveron en Betanzos.

Juan García Naveira encargou unha réplica despois de ver os leóns que custodiaban a tumba do papa Clemente XIII

En 1899, os irmáns García Naveira, benefactores da vila betanceira, visitaron Roma nunha das súas moitas viaxes polo mundo. Un deles, Juan, o impulsor do parque do Pasatempo, tomaba sempre nota dos lugares e obras de arte que atopaba nestas expedicións, e moitas destas ideas trasladounas ao célebre parque cando o comezou a construír. En Roma quedou marabillado na basílica de San Pedro polos dous leóns que protexían a tumba do pontífice. Así que decidiu reproducilos tamén en Betanzos.

Publicidade

Encargoullos a un escultor italiano, que deu forma aos leóns con mármore de Carrara, a mesma pedra coa que está feita o David de Miguel Ánxel. E unha vez rematados, saíron por mar cara ao porto da Coruña, onde desembarcaron.

Debido ao peso e tamaño das esculturas, contan en Betanzos que houbo que reforzar a estrutura da ponte do Carregal sobre o río Mendo, que une o casco histórico da vila co parque, para previr accidentes. Unha vez salvados os obstáculos, os dous leóns quedaron instalados a modo de gardiáns na porta da entrada da finca do parque, que existía antes de que se destruíse gran parte da súa extensión orixinal. Estaban situados sobre dous pedestais, decorados á súa vez con azulexos.

Crise e venda

Á morte de Juan García Naveira, os seus herdeiros quedaron coa propiedade do parque. Ante o elevado gasto de mantelo, e á imposibilidade do Concello de adquirilo, decidiron poñer á venda os leóns, uns dos elementos máis prezados do Pasatempo.

Así, a finais dos anos 60, no marco da reconstrución que se estaba levando a cabo en Covadonga, chega a oídos dalgúns dos membros do patronato a posibilidade de mercar os leóns. E así, no ano 1968, por 500.000 pesetas da época, as dúas esculturas foron parar á entrada do santuario, onde seguen hoxe.

Levan en Covadonga, por tanto, case 50 anos. En 2016, o Concello de Betanzos fixo saber que ía reclamar ao Arcebispado de Oviedo a devolución dos leóns, pedindo incluso a mediación do arcebispo de Santiago. Naquel momento, o abade do santuario asturiano, Juan José Tuñón, declarou que “están moi ben onde están, e forman parte da paisaxe emblemática de Covadonga”.

E alí seguen porque meses despois, segundo recollía La Opinión de A Coruña, o arcebispo santiagués Julián Barrio contestou por carta ao Concello de Betanzos para transmitirlle a negativa da curia asturiana a devolver os leóns. Na resposta, dicían que “forman parte do entorno natural” do santuario e que, ademais, no seu momento “foron adquiridos, non doados”. É, por agora, o último capítulo desta curiosa historia. E a restauración do parque do Pasatempo, golpeado polo abandono e o vandalismo, segue pendente.

3 COMENTÁRIOS

  1. Me gustan esos leones,y ahora que conozco su historia,mucho más;gracias galicia,por comparturlos con nosotros.

  2. Los.brigantinos debemos de estar orgullosos de nuestro Pasatiempo; yo propongo, aún que se tarde tiempo y a través de los medios políticos y ciudadanos, hacer algo para que tengamos una réplica mediante donaciones de todos los ciudadanos no solamente de BETANZOS si no de toda España, incluso del extranjero. Ahí lo dejo.

  3. A mi me parece muy bien que sigan donde están. Soy gallega pero por desgracia aquí no se respeta el Patrimono que tenemos,no se cuida,sólo se deja olvidado para acaba en la finca de cualquiera q se lo lleve o simplemente acaba desteuyendose por el tiempo y la pasividad de los mandatarios.
    Si hubiesen quedado aquí en estos momentos estarían todos rotos y pintados con spray de colores,la gente se llevaría pedacitos del mármol como trofeo para sus casas ,así que señores déjenlos donde están para que sigan vivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que apareceron torques nunha finca de Betanzos? A ofrenda ritual e outras hipóteses do sorprendente achado

As pezas atopáronse por casualidade nunha parcela das Mariñas coruñesas mentres se realizaban labores no campo

Os dous torques de ouro achados en Betanzos datan da Idade do Ferro

Un equipo técnico do CSIC determina o bo estado de conservación das xoias, depositadas no museo coruñés de San Antón

Que é o norovirus? O patóxeno que deixa 440 casos de gastroenterite en Betanzos

O virus é altamente contaxioso e a principal hipótese baralla a posibilidade de que proceda dalgunha vertedura urbana ou de augas negras

Cando os campos eran de lúpulo e non de eucalipto: “Foi unha revolución na Galicia dos 50”

Un estudo da USC analiza o auxe e o declive dun cultivo industrial que prometía sacara da pobreza a poboación na comarca de Betanzos