Aldeas de Montaña e Montañó, na parroquia de Lampón (Concello de Boiro). Foto: Adrián Capelo para a Fundación RIA.
Aldeas de Montaña e Montañó, na parroquia de Lampón (Concello de Boiro). Foto: Adrián Capelo para a Fundación RIA.

Laboratorio Ecosocial do Barbanza: a semente para un futuro asentado nas orixes

Unha investigación arredor de tres espazos da península procura rescatar prácticas sustentables impulsadas polas propias comunidades

Baroña (Porto do Son), Froxán (Lousame) e Laíño (Dodro) son tres das arredor de 500 aldeas que se atopan na península do Barbanza. Cada un deles ten a súa historia, os seus condicionantes xeográficos e sociodemográficos, que os levaron ata a situación na que se atopan hoxe. Que se pode aprender da súa paisaxe, da memoria da xente que habitou e habita neles? E que ferramentas conservan estes lugares e as comunidades que viven neles para afrontar un futuro sustentable? Partindo destas preguntas, puxéronse a buscar respostas un equipo de investigadores do grupo Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC, co financiamento da Fundación Santander e a colaboración da Fundación Juana de Vega, baixo a coordinación da Fundación RIA (Rede de Innovación Arousa), entidade impulsada polo arquitecto David Chipperfield. Todos estes axentes desevolveron un traballo de campo que agora quere sementar o aprendido sobre o territorio. O proxecto, denominado Laboratorio Ecosocial do Barbanza, mantén aberta ata o 31 de maio a convocatoria de proxectos semente, nos que calquera persoa física ou entidade pode presentar iniciativas a desenvolver nos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro ou Lousame, que conforman a rexión.

“O que queremos é extraer a mellor capa da historia destes territorios, a que fixo posible un desenvolvemento das súas comunidades antes de que se producisen os danos e o abandono que determinadas políticas causaron neles, e crear novas iniciativas neles”, resume Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e un dos investigadores que impulsa o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, xunto ao profesor David Soto do Grupo de Estudos de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria Comercio (GESPIC) tamén da USC. “Tiñamos moito coñecemento acumulado doutras experiencias previas, como a Rede Revolta, para levar á terra as investigacións que fixemos arredor da historia agraria de Galicia. E sobre esta idea nace o proxecto”.

Este obxectivo, di Fernández Prieto é froito da fusión de dúas lóxicas: “xerar espazos para contribuír ao futuro da mocidade en Galicia e para o aproveitamento das oportunidades ambientais, non só turísticas, senón tamén produtivas, do territorio”.

Aldea de Froxán, un dos casos de estudo do Laboratorio, que foi recoñecida pola ONU polas boas prácticas de xestión do territorio. Imaxe: Adrián Capelo para a Fundación RIA.
Aldea de Froxán, un dos casos de estudo do Laboratorio, que foi recoñecida pola ONU polas boas prácticas de xestión do territorio. Imaxe: Adrián Capelo para a Fundación RIA.

Mirar ao pasado para recuperarse

A convocatoria para os proxectos que queiran integrarse na investigación do Laboratorio Ecosocial do Barbanza supón o paso á fase de acción desta iniciativa, a segunda, despois dunha primeira etapa de investigación, na que se compilou información dos arquivos históricos, se revisou a evolución do territorio e os usos do solo a través dos mapas e se realizaron máis de 30 entrevistas a máis de medio cento de persoas da veciñanza de Laíño, Froxán e Baroña. “Queremos rachar cos muros cos que moitas veces se atopa a universidade para conseguir a aplicación real no territorio das súas investigacións”, explica David Fontán Bestilleiro, un dos investigadores participantes no proxecto. Esta fase culminou cunha obra titulada Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, na que se sentan as bases da acción que agora comeza, coas premisas de recuperar o equilibrio e a sustentabilidade nas áreas rurais.

Os tres lugares, “distintos e complementarios” que funcionaron como ‘piloto’ para o Laboratorio teñen cadansúas particularidades, no marco dunha rexión cunha importante ocupación e transformación antrópica desde moitos séculos atrás. “O Barbanza, en concreto, é un territorio hiperpoboado desde tempos moi antigos, non tan afectado polo despoboamento como outras rexións; e dentro del xérase unha interrelación moi grande entre territorios. Vese en detalles, por exemplo, como o uso do argazo recollido nas praias para estercar as leiras; hai unha capacidade moi grande de compartir coñecemento”, engade Fontán. A localización e orientación da península, do mesmo xeito, inflúe decisivamente nas actividades que se desenvolven no territorio: escoltada por dúas das rías de maior produtividade pesqueira da península, condicións microclimáticas diversas e unha intensa actividade agrogandeira e forestal.

Foi precisamente a transformación forestal imposta ás comunidades locais por parte da ditadura franquista a que provoca, segundo os investigadores unha “desordenación do territorio”. As terras de monte dedicadas á agricultura, ao gando, a producir fertilizante ou madeira son tranformadas forzosamente en cultivos forestais de piñeiros, e posteriormente eucaliptos, que xeraron unha fenda social na rexión, explican.

“Obrigouse ás comunidades a asumir unha nova posición diante do territorio, que rachaba cun proceso de varios séculos nos que a multifuncionalidade e a diversificación de actividades contribuíran a construír un territorio resiliente”, engade David Fontán. Así o rescatan, segundo lembra, as testemuñas da veciñanza entrevistada na primeira fase do proxecto, que se viron forzadas a transformar as súas actividades diante da planificación estatal.

Un dos exemplos estudados no proxecto é o de Baroña, en Porto do Son. Na imaxe, extracción de resina de piñeiros combinada con couto micolóxico e silvopastoreo. Imaxe: Adrián Capelo para a Fundación RIA.
Un dos exemplos estudados no proxecto é o de Baroña, en Porto do Son. Na imaxe, extracción de resina de piñeiros combinada con couto micolóxico e silvopastoreo. Imaxe: Adrián Capelo para a Fundación RIA.

Neste escenario puxéronse en marcha as investigacións en cada un dos casos de estudo. Laíño e as súas brañas, en Dodro, son hoxe, un “non lugar comunal“, en palabras de Fernández Prieto: boa  parte do terreo que desde finais do século XVIII se usou para a gandería, e que impulsou o asentamento, moi preto de aquí, das factorías de Nestlé ou Larsa, hoxe fica abandonado. Fronte a isto, o Laboratorio estudou en detalle dous casos de éxito nos últimos anos: o de Froxán, en Lousame, cunha iniciativa veciñal de recuperación do monte e a aposta por plantacións de frondosas que lles valeu o recoñecemento da ONU; e o de Baroña, onde a diversificación de actividades, desde a recollida de resina, o uso do gando para o mantemento dos pastizais ou a creación de postos de traballo a partir das rendas pola instalación de aeroxeradores converteron á parroquia nun exemplo de sustentabilidade.

Aposta polo común

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é tamén unha aposta por recuperar as actividades en común que trascendan máis alá do traballo nos montes veciñais. “O común é unha realidade que vai alén da organización do territorio, moito máis que a xestión dun determinado espazo ou de calquera recurso material, e ten que ver coa forma de entender o mundo que foi hexemónica na historia recente do rural”, explican os investigadores.

Así, no marco da transición ecosocial que se afrontará nos vindeiros anos, os investigadores expoñen: “Precisamos o común, e non chega con atendermos á potencial riqueza dun determinado recurso colectivo nin tampouco ao grao de democracia na súa xestión. Temos que pensar nos valores que definen ese común: os coidados, as interdependencias, a entreaxuda… Están presentes na historia das aldeas que estamos a rastrexar; no manexo do territorio, na organización do traballo ou na celebración das festas. Tamén deberán estalo no seu futuro se queremos comunidades máis cohesionadas e sostibles no social, no económico e no ambiental”.

Deste xeito, as iniciativas que queiran optar ao financiamento do Laboratorio deberán apostar por principios como a xestión comunitaria pola propia veciñanza, o coidado do territorio e aproveitamento produtivo, o establecemento de cadeas agroalimentarias curtas, a diversificación e pluriactividade, o uso de enerxía limpa de orixe local, a baixa pegada ecolóxica e economía circular e a xeración de capital social e espazos de relación na rexión.

Os exemplos

Ademais do aprendido en Laíño, Froxán e Baroña, o Laboratorio marca o camiño aos proxectos semente cos exemplos doutras exitosas iniciativas en Galicia, coñecidas como Experiencias Produtivas Innovadoras (EPIs). Son proxectos xa identificados polo traballo da Rede Revolta: dúas naceron ao abeiro de comunidades de montes veciñais, a do Carballo, en Friol, e a de Couso, en Gondomar, que apostaron por unha xestión activa do territorio a través da diversificación das súas actividades; e outras dúas (SAT A Pementeira, en Herbón-Padrón, e Bico de Xeado, en Babío-Bergondo), son iniciativas empresariais de xestión cooperativa centradas na procura de valor engadido para os seus produtos mediante unha alta calidade na produción, a transformación e a distribución.

“O que nos interesa, en resumo, é aprender das comunidades locais e ‘represtixiar’ o que eles mesmos saben, coñecen e practican desde hai moito tempo. O que nós achegamos é devolverlle a lóxica agroecolóxica a estes espazos”, conclúe Lourenzo Fernández Prieto.

O prazo de presentación de propostas, cun orzamento total de 15.000 euros destinado a tres iniciativas, está aberto ata o 31 de maio.


Máis información:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.