La Oliva, o xornal do Rexurdimento e dos futuros Cantares Gallegos

Primeira páxina de 'La Oliva', xornal capital no Rexurdimento.
Primeira páxina de 'La Oliva', xornal capital no Rexurdimento.

Coa publicación en 1863 dos Cantares Gallegos de Rosalía, considérase inaugurado o Rexurdimento, movemento senlleiro no espertar da lingua, da cultura e da sociedade galega. Os anos previos a esta data amosan o mudar das cousas para dar paso a un cambio substancial na contorna. Daquela, publicábase en Vigo o xornal galeguista e progresista La Oliva, que agora o investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo Xurxo Martínez trata de recuperar a través da súa tese de doutoramento. No seu estudo, dirixido polo profesor Gonzalo Navaza, amplía o foco de estudo aos anos previos á publicación de Cantares Gallegos. Explica que esta análise do xornal lle permitiu identificar “a conformación dos círculos sociais, coas súas novas formas de expresión e sociabilidade, e relatamos a tradición existente dende o século XVIII dun pensamento provincialista (entendido como defensa e progreso de Galiza), subliñamos as condicións e os debates políticos que delimitaban a actividade pública, analizamos os elementos culturais que participaron na idea do que era o Rexurdimento, anotamos os trazos que axudaron a compor o imaxinario colectivo nacional etc”. Segundo o investigador, o estudo realizouse co propósito “de achegarnos moito mellor ao coñecemento dos anos previos á publicación da obra rosaliana e tamén para nutrir o máximo posible o estudo do propio Rexurdimento nos seus anos centrais”.

Gonzalo Navaza e Xurxo Martínez.
Gonzalo Navaza e Xurxo Martínez.

Este traballo responde ao feito de que, segundo Martínez, o Rexurdimento é un movemento decisivo na historia galega que “aínda hoxe ofrece moitas preguntas sen respostas” e sostén que a metade do século XIX é unha etapa, en certa medida, descoñecida dende o punto de vista sociocultural, desta ca o filólogo. “Quixemos retratar aquela sociedade galega e viguesa a partir da investigación da historia social, política, comunicativa, cultural e ideolóxica. Con isto pretendemos completar o retrato e indicar as ligazóns existentes que se produce entre a cultura, a sociedade e a política nun capítulo da historia de afianzamento da modernidade” fronte ao Antigo Réxime, lembra Xurxo Martínez.
O investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución apunta a tres razóns básicas para a escolla deste xornal para o seu estudo. Salienta por unha banda o “interese e a necesidade de coñecer máis a fondo a situación sociocultural galega da metade do século XIX, que coincide cos anos do Rexurdimento e previos á publicación de Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro”. Como segundo motivo apunta ao interese por ofrecer “unha investigación multidisciplinar deste período a partir do estudo completo dun periódico” e como terceiro, “situar a Vigo e a súa intelectualidade no relato do Rexurdimento”.
A investigación permite debuxar a situación sociocultural galega da metade do século XIX

No seu estudo, Martínez apostou por recuperar varias figuras e suxeitos que, como el mesmo explica, “dende Vigo tiveron unha especial relevancia e incidencia no Rexurdimento”. O seu obxectivo era facer visible a achega realizada dende a cidade olívica “á renacenza galega, poñendo en paralelo o despegue industrial e modernizador coas novas formas de expresión sociocultural”. Entre outras conclusións, o filólogo destaca o papel do editor Juan Compañel (director de La Oliva e impresor das primeiras obras de Rosalía e Murguía), a importancia do aporte económico de José Ramón Fernández (presidente do Casino de Vigo, avogado e xuíz) e a influencia de Murguía (director literario). Pero se algún apelido desta neste estudo é Chao. Xurxo Martínez pon en valor o papel de Eduardo Chao como “protector ideolóxico” e destaca tamén a Alejandro Chao, un dos redactores principais. “Concluímos, pois, que Vigo colaborou activamente no espertar sociocultural e político galegos e que en La Oliva se deron encontro todos e todas as principais escritores da cultura galega de entón, o que á súa vez tamén permitiu que a liña editorial (ideolóxica e política) fose hexemónica dentro do Rexurdimento”.
Cantares gallegos orixinal da imprenta Compañel.
Cantares gallegos orixinal da imprenta Compañel.

A investigación contou con capítulos distintos para cada perspectiva científica: histórica (repaso en arquivos públicos e privados con documentación inédita), comunicativa (aplicación da teoría da esfera e opinión públicas segundo Jürgen Habermas), sociolóxica (aplicación da teoría da sociabilidade de Maurice Agulhon), identitaria (identificación dos elementos que configuraron o relato nacional e o imaxinario colectivo nacional) e literaria (como dende La Oliva se ofrece unha definición do que debía ser a literatura galega). Para iso o xornal foi radiografiado completamente e como apunta o investigador analizáronse completamente todos os contidos, seccións, tipoloxía, maquetación, papel, vías de financiamento, anuncios etc.). “Resultou ser un obxecto de traballo que, á hora de aplicar todas estas teorías, ofrecía un escenario moi relevante para os estudos socioculturais galegos non só pola información e conclusións obtidas senón pola mesma metodoloxía, pioneira con respecto á prensa decimonónica galega, e polas futuras liñas de investigación que se deixan abertas”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.