Sábado 20 Abril 2024

Joaquín Balboa: o perruqueiro galego de Mauthausen

Joaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa, emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunta coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución e nun relatorio impartido este xoves polo profesor Eladio Anxo Fernández Manso. Estas actividades, impulsadas polos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da liña de investigación Memoria e Tradución do seu grupo.

Fernández Manso, Garrido e Yuste.
Fernández Manso, Garrido e Yuste.

Como destacaba o director do grupo, José Yuste, na inauguración desta actividade, “para interpretar a experiencia do exilio hai que conxugar as identidades de partida e de chegada, suscitando e expoñendo unha dinámica de multipertenencia cuxa complexidade non sempre é comprendida pola lóxica cidadá dos estados”. Lembraba que, se ben entre xaneiro e febreiro de 1939 450.000 republicanos, militares e civís, cruzaron a fronteira con Francia, “estamos tamén na actualidade en tempo de migración e exilio masivos”.

Publicidade

Eladio Anxo Fernández Manso é natural de Monterrei, igual que Balboa e por iso decidiu comezar a investigar para recuperar a súa historia, para contala, para que as novas xeracións a coñezan. “É o noso deber moral”, destacaba, que a xente teña presente as vidas destas persoas “que sufriron fame, enfermidades, violencia, torturas por parte de ditaduras sanguinarias, e non podemos esquecer que Franco foi cómplice necesario para que os republicanos españois acabasen nos campos de concentración”.

Balboa naceu en Monterrei e foi un sobrevivente do campo de exterminio de Mauthausen

A historia de Joaquín Balboa comeza na parroquia de Albarellos pero vese obrigado a marchar a Barcelona na procura dun futuro mellor traballando de perruqueiro, profesión que sería determinante para que sobrevivise en Mauthausen. Casa e ten un fillo e en 1936 únese ás brigadas mixtas de carabineiros do exército republicano pero, cando en 1939 Barcelona cae en mans franquistas, Balboa como outros miles de españois vese obrigado a cruzar a fronteira francesa a pé, polo coñecido como Camiño da Retirada. Lonxe de rematar o seu sufrimento, en territorio francés os exiliados españois son recluídos en campos de refuxiados, “moi similares aos que en pleno 2017 seguimos vendo en Europa”, apuntaba. Con todo non seren campos de exterminio como os que posteriormente crean os nazis, “si eran campos de concentración”, nos que a xente tiña que sobrevivir en condicións insalubres e de fame nas praias, á intemperie e sen apenas comida nin hixiene. Pero a inminencia da guerra con Alemaña fixo que o goberno francés crease as chamadas compañías de traballo, e nunha delas foi destinado Balboa. Cando o exército alemán invade Francia son feitos prisioneiros e comeza o seu periplo polos campos de concentración e exterminio que o levaría, un ano despois, en 1941 a Mauthausen, onde permanece ata que o campo é liberado en 1945.

Balboa pasou a súa vida no campo rapando as cabezas dos presos que chegaban

O campo de Mauthausen, en Austria, era en realidade unha rede de campos de concentración e exterminio. A el chegaron deportados 7000 españois, dos que tan só 2000 sobreviviron. Alí, Joaquín Balboa comezou realizando traballos forzados na canteira, para despois ser trasladado a Sankt Lambrecht, un campo satélite empregado como granxa. Pero foi precisamente o utilitarismo nazi o que lle salvou a vida a Balboa, “a súa profesión de perruqueiro era unha das máis demandadas, xa que era necesario rapar a todos nos novos presos” dun campo que comezou con 5000 persoas e chegou a ter 21.000. O profesor Fernández Manso tamén destacou que, a pesar de seren españois, no campo as SS lles outorgaron o triángulo azul de apátridas “pero dun xeito moi paradóxico, cunha S no medio que determinaba a procedencia, Spanier”. Isto foi, segundo o docente, froito da actitude do goberno franquista, coñecedor da situación do presos republicanos, lembraba.

“Os alemáns preguntaron ao réxime franquista que facer cos republicanos presos, e este respondeu alegando que fóra de España non había españois”. Neste sentido, tanto Fernández como o profesor Garrido e o director do grupo de Tradución e Paratradución José Yuste, fixeron fincapé na responsabilidade da ditadura franquista e na necesidade de recuperar a memoria histórica como único camiño para evitar que se repitan feitos coma estes, unha memoria que segue sen ser respectada, sen ser lembrada e que mesmo vive nunha clandestinidade que a afasta, por exemplo, de colexios e institutos. É por iso, lembraba Fernández Manso, polo que un deportado español lle puntualizou nunha conversa: “non fomos esquecidos, fomos ignorados, porque so se pode esquecer aquilo que se coñece”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204