Jimena Fernández de la Vega, unha pioneira da investigación

A xenetista foi, xunto á súa irmá Elisa, a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, e acadou gran notoriedade investigadora

Jimena Fernández de la Vega, no ano 1960 en Lanjarón, Granada, onde se xubilou como directora do balneario. Imaxe: Arquivo familiar.
Jimena Fernández de la Vega, no ano 1960 en Lanjarón, Granada, onde se xubilou como directora do balneario. Imaxe: Arquivo familiar.

Foi unha pioneira, unha científica que abriu portas daquela pechadas para as mulleres na investigación. Porque a xenetista Jimena Fernández de la Vega foi, xunto á súa irmá Elisa, a primeira licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, e mantivo logo unha senlleira carreira investigadora na que acadou gran notoriedade. Celebrada neste 2021 como a Científica Galega do ano, a RAGC valorou especialmente “o seu carácter loitador”, xunguido ao feito de que “tivo o grande acerto de incorporar a xenética ao ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España”. Posteriormente, os seus traballos no campo da hidroloxía aplicada á saúde foron tamén de enorme valía. A Real Academia Galega de Ciencias quixo por iso “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica, en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.

Jimena e a súa irmá xemelga Elisa naceron en Vegadeo (Asturias) en 1895, tras un complicado parto da súa nai, Dolores Lombán Cotarelo. O seu pai era Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, un médico liberal de Castroverde (Lugo) especializado en hidroloxía, que durante algunhas etapas dirixiu o balneario de Guitiriz e que pertencía a Institución Libre de Enseñanza. Toda a familia estaba ligada á provincia de Lugo, xa que os avós paternos de Elisa e Jimena eran de Castroverde e A Fonsagrada, e o seu tío Hixinio era notario en Friol. Tiña outros dous irmáns, Virxilio e Wenceslao.

Despois de realizar o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, cursando todas as materias en ensinanza non oficial e non colexiada, Jimena obtivo a cualificación de sobresaínte no exame de grao tanto na Sección de Ciencias como na de Letras. Durante o último curso do bacharelato preparou no Instituto de Santiago a materia de alemán en ensinanza libre, un coñecemento que será fundamental no que foi a súa traxectoria posterior, ao ser a lingua na que se xeraron moitos dos avances científicos da época.

Jimena Fernández de la Vega, nos anos 20 cando estudaba en Berlín.

En 1913, con dezaoito anos, matriculouse na Facultade de Medicina da USC como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas de francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. Tres anos máis tarde doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade Central en Madrid, coa tese Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico, baixo a dirección do doutor Pittaluga, da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.

Dos seus estudos composteláns hai que dicir que supuxeron todo un desafío para Jimena e para Elisa. Daquela só transcorreran tres anos desde que o Goberno español levantara as restricións para a matriculación das mulleres na universidade. Antes de 1910 deberían cursar unha autorización para comezar a estudar nela, un trámite que, unido á discriminación da época, provocaba que as aulas universitarias estiveran practicamente baleiras de mulleres. Ata 1900, co fito de Manuela Barreiro Pico, ningunha muller se graduara na institución compostelá. Pero houbo que agardar ata 1919, coa licenciatura de Elisa e Jimena, para que dúas mulleres se converteran nas primeiras tituladas en Medicina en Galicia.

Porén, no día a día das aulas, a situación estaba lonxe da igualdade. Elisa e Jimena tiñan que ir ata as aulas acompañadas por un compañeiro debido aos comentarios que recibían. “Jimena era alta, de mirada directa, face rosada e xesto serio; Elisa, delgada, de faccións finas, cos ollos máis tristes. Ante os comentarios despectivos, levantaban a cabeza e seguían adiante”, conta a xornalista Josefa Paredes nunha crónica, citando a fontes familiares .

Formación en Alemaña, Austria e Italia

Jimena foi unha das cincuenta científicas ás que a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) lles concedeu bolsas de investigación para estudar fóra de España. Así, foi destinataria de sucesivas bolsas en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para traballar cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur. Neste período realizou estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e súa relación coa herdanza (xenotipo), publicando numerosas contribucións.

Jimena Fernández de la Vega, nun homenaxe no Clínico.

A súa volta a España, observou un certo descoñecemento dos fundamentos da xenética aplicada á saúde polo que desenvolveu unha intensa labor de divulgación. Así, animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón, ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou diversos traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos no exterior. Como resultado deste traballo, creouse en Madrid a “Sección de Xenética e Constitución” en 1933 da que Fernández de la Vega foi nomeada directora.

Un dos seus Mestres, Gregorio Marañón, convidouna a dirixir un curso sobre herdanza e xenética humana. Daquelas clases xurdiu o libro “La herencia fisiopatológica de la especie humana”, publicado en 1935, que supón unha achega orixinal e moi relevante para a literatura científica en España. No prólogo, Marañón escribe sobre Jimena: “É galega, e con isto quere dicirse que é aguda, intelixente e pouco dada a levarse de arroutadas imaxinativas. Cualidades todas excepcionais para o cultivo da ciencia”.

En novembro dese mesmo ano falecía a súa irmá xemelga, Elisa, con só 38 anos. Nese momento aspiraba a ser a primeira catedrática de España, xa que estaba preparando as oposicións ás catedras de Medicina Legal en Santiago e Salamanca. Elisa morreu en Zaragoza, onde residía co seu marido, Gumersindo Sánchez Guisande, médico e membro de Izquierda Republicana, que posteriormente se tivo que exiliar na Arxentina por mor do golpe de Estado do 1936. En Buenos Aires teceu amizade con persoeiros como Luís Seoane ou Castelao, a quen atendería ata a súa morte.

Despois da traxedia da morte da súa irmá, Elisa seguiu adiante coa súa carreira. Realizou unha segunda estadía de investigacións en centros punteiros de Alemaña e Italia no curso 1933-1934, para afondar no eido da herdanza e constitución, realizando estudos sobre endocrinoloxía e constitución no Istituto di Clinica Medica de Xénova e no Kaiser Wilhelm Institut, en Berlín, onde desenvolveu un traballo de investigación sobre a herdanza das formas dos glóbulos vermellos no sangue humano, empregando o método dos xemelgos, traballos que foron recollidos en diversas publicacións.

Regreso a España

Ao seu regreso, a ciencia oficial en España decidiu un cambio radical da orientación da xenética, abandonando a metodoloxía experimental e transformando o Seminario nun centro de estudos xenéticos teóricos. Desgustada con esta orientación, Jimena foi pouco a pouco abandonando o interese pola xenética, orientando a súa vida profesional a aplicación da hidroloxía no campo da saúde, campo ao que destinou todo o seu entusiasmo, exercendo como médica do balneario de Guitiriz, onde traballara o seu pai, dirixindo posteriormente os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipúzkoa) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou. Para acadar estes traballos, en 1945, xa con 55 anos, Jimena opositara ao corpo de Baños, seguindo a tradición familiar. E o seu primeiro destino no balneario de Guitiriz permitiulle tamén estar preto da súa nai, Dolores Lombán, xa anciá.

As irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

A meirande parte deste traballo na hidroloxía realizábao durante os meses de verán, polo que seguía ligada á investigación xenética a través da cátedra de Patoloxía, na que ficou ata a xubilación, en 1966, con 71 anos. En 1963 sae outro dos seus libros, Teoría de la herencia y herencia molecular. Acabaría publicando máis de 30 artigos de investigación. E alén disto, consta que participou en iniciativas de emprendemento como a creación dun salto de auga que subministraba enerxía a unha aldea da provincia de Ávila. En 1984, Jimena faleceu debido a unha enfermidade cerebrovascular nun sanatorio de Santiago de Compostela, e foi enterrada no cemiterio de Boisaca.

Despois dun tempo de esquecemento público, o recoñecemento cara ás irmás Fernández de la Vega desde as institucións públicas dos lugares nos que residiron é cada vez maior. En 1996, con motivo da celebración dos cincocentos anos da Universidade de Santiago de Compostela, a institución dedicoulles un vítor, o primeiro dedicado a mulleres en toda a súa historia. Na súa localidade natal, Vegadeo, unha rúa leva o nome Hermanas Fernández de la Vega. En Gijón, no Parque Científico Tecnolóxico da cidade, outra das vías ten o nome de Jimena. E en 2006, a Universidade de Santiago de Compostela inaugurou na rúa das Casas Reais a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega, onde se situaron varias dependencias da administración universitaria.

No acto de apertura destas últimas dependencias, en 2006, estaban dous dos tres fillos de Elisa, a que levaba o seu mesmo nome e Wenceslao, que chegaran desde Arxentina. Tamén estaba, emocionada, María Teresa, unha das súas sobriñas, filla do seu irmán Wenceslao, quen deu un discurso no que dixo delas que foron “dúas mulleres excepcionais, loitadoras, apaixonadas e comprometidas, un exemplo constante, e as súas vidas foron un espello diante do que fun conformando a miña propia”. Como Elisa e Jimena, ela tamén rachou barreiras: foi a primeira vicepresidenta do Goberno español e a primeira presidenta do Consello de Estado.

A xenetista Jimena Fernández de la Vega “foi un referente extraordinario demostrando o enorme potencial da realización de estadías en centros referenciais para desenvolver frutíferas traxectorias profesionais que permitiron darlle unha salientable visibilidade ás científicas da época”, afirmou a Real Academia Galega de Ciencias co gallo da concesión da distinción como Científica do Ano 2021.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.