Xoves 25 Abril 2024

Unha invasión do leste substituíu hai 4.500 anos aos homes de Iberia

Science publica unha gran investigación internacional que estudou o ADN de 270 habitantes ibéricos de diferentes épocas da Prehistoria

Hai varios meses, o investigador David Reich, da Harvard Medical School, xerou un importante debate ao avanzar os resultados dun estudo xenético sobre os habitantes prehistóricos de Iberia. Naquel momento xa se adiantaba que o traballo podería mudar notablemente a concepción daquela etapa. E esta semana Science publicou finalmente o traballo, no que participan numeros equipos de investigación españois, que confirma o avanzado por Reich.

Hai 4.500 anos, un grupo con xenes semellantes aos que emigraran anteriormente das estepas do leste a Europa Central apareceu en Iberia. Tiñan trazos distintos aos habitantes da Península, que eran procedentes de cazadores-recolectores chegados miles de anos antes desde a zona da actual Turquía. E os achados revelan que, despois de séculos de convivencia sen apenas mestizaxe, algo curioso aconteceu cando comezou a mestura: fixérono cun importante sesgo polo sexo; o cromosoma Y dos novos poboadores acabou por ‘exterminar’ ao anterior. É dicir, por algunha razón, os varóns esteparios tiñan máis fillos ca os varóns que estaban antes en Iberia.

Publicidade

Incógnitas

Con todo, non tivo porque ser necesariamente un feito violento o que provocou isto: “Sería un erro chegar á conclusión de que os homes ibéricos foron asasinados ou desprazados pola forza; o rexistro arqueolóxico non dá probas claras dun estourido violento nese período”, conta a Harvard Magazine Íñigo Olalde, investigador posdoutoral no equipo de David Reich en Harvard e autor principal do traballo. Así, a investigación pode achegar datos de cando, pero non de como aconteceu esta substitución.

Imaxes do xacemento de Castillejo del Bonete. Fonte: CSIC.
Imaxes do xacemento de Castillejo del Bonete. Fonte: CSIC.

Non en tanto, as conclusión só poden aplicarse á mostra estudada: “Non fixemos mostraxes de toda a poboación masculina da época, así que non podemos dicir que o 100% fose substituída”, explica á Axencia Sinc Íñigo Olalde. Non en tanto, nos casos estudados, “ningún ten as liñaxes locais presentes anteriormente, sabemos que a substitución foi practicamente total”, engade Olalde. E esta nova liñaxe é a que hoxe segue sendo maioritaria na Península Ibérica.

Estes poboadores da estepa, con todo, xa non eran os mesmos que partiran tempo antes do leste. Ao atravesaren Europa foron mesturándose coas poboacións locais, polo que en Iberia xa tiñan ascendencia europea, e mudaran tamén a súa cultura.

Hipóteses

Mais ante a ausencia de razóns que poidan explicar o que aconteceu, os investigadores propoñen varias hipóteses. Alén da substitución violenta, a máis simple aínda que non cadre co rexistro arqueolóxico, os científicos valoran outras posibilidades. Unha delas é que os novos poboadores trouxeran enfermidades para as que os organismos ibéricos non estaban preparados; mais tampouco hai probas de enfermidades infecciosas que afectaran a homes e non a mulleres (xa que os seus xenes si permaneceron).

Outra das hipóteses é a dunha estratificación social moi forte pola cal os novos ibéricos terían un estatus social moito maior, hereditario, e que se impuxo aos locais. “Estas poboacións que entraron na Península eran nómades e tiñan unha estrutura xerarquizada que non existía antes”, conta a Sinc Carles Lalueza-Fox, outro dos autores do estudo, do Instituto de Bioloxía Evolutiva de Barcelona.

Como exemplo deste fenómeno que diferencia entre sexos, o estudo afonda nunha sepultura atopada nun xacemento de Castillejo del Bonete (Ciudad Real): o home presenta ascendencia da estepa, mentres que a muller é xenéticamente semellante aos ibéricos anteriores ao Neolítico tardío.

O caso vasco

Outro dos achados importantes do estudo foi a diferenza coa ascendencia da poboación do que hoxe é o País Vasco. Os trazos xenéticos nesta zona son máis semellantes aos dos habitantes de Iberia durante a Idade de Ferro (desde o 900 antes de Cristo ata a conquista romana), mentres que para explicar a do resto de poboacións hai que ter en conta as chegadas posteriores de pobos como os fenicios, os cartaxineses, os propios romanos e os norteafricanos); uns avances que chegaron en menor medida a área vasca. Un feito que pode conectar coa pervivencia do euskera como a única lingua non romance de Iberia.

O traballo tamén revela que a distribución da corrente xenética desde África cara á Península é moito máis antiga do documentado ata o momento

Migracións milenarias

O traballo tamén revela que a distribución da corrente xenética desde África cara á Península é moito máis antiga do documentado ata o momento. O estudo rexistra a presenza no centro da península Ibérica, no xacemento de Camino de las Yeseras (Madrid), dun individuo procedente do norte de África que viviu hai uns 4.000 anos, así como dun neto de emigrante africano nun xacemento gaditano da mesma época. Os dous individuos portaban considerables proporcións de ancestros subsaharianos. Con todo, trátase de contactos esporádicos que deixaron pouca pegada xenética nas poboacións ibéricas da Idade do Cobre e do Bronce.

Ademais, os resultados indican que houbo fluxo de xenes norteafricanos no sueste da Península en época púnica e romana, moito antes da chegada dos musulmáns á Península no século VIII.

A análise do mapa xenético amosa profundas modificacións de poboación na península Ibérica en períodos históricos máis recentes. “Documentamos por primeira vez o impacto xenético destes grandes acontecementos. Os resultados mostran que para cando comezou a Idade Media, polo menos un cuarto da ancestralidade ibérica fora substituída por novos fluxos de poboación procedentes do Mediterráneo oriental (romanos, gregos e fenicios), o que revela que as migracións durante este período seguían tendo unha gran forza na formación da poboación mediterránea”, explica o investigador Olalde.

Un dos exemplos deste fenómeno mencionados no traballo é a colonia grega de Ampurias, en Girona, entre os anos 600 antes de nosa era e o período tardorromano. Os 24 individuos analizados divídense en dous grupos de herdanza xenética distinta: un composto por individuos cunha ancestralidade típica grega e outro composto por poboación xeneticamente indistinguible dos íberos do próximo poboado de Ullastret.

“O artigo analiza tamén a chegada á Península dos visigodos e os musulmáns. Entre os primeiros localizáronse dous individuos no xacemento de Pla de l’ Horta (Girona) con clara ancestralidade do leste de Europa e un ADN mitocondrial típico de Asia. Do período islámico analizáronse individuos de Granada, Valencia, Castelló e Vinaroz, que mostran un compoñente norteafricano próximo ao 50%, moito maior que o residual 5% que se observa na poboación ibérica actual. Neste caso trátase dunha ancestralidade que foi case eliminada durante a posterior expulsión dos moriscos”, comenta Lalueza-Fox.

Estrutura da poboación da Iberia Mesolítica

Este estudo, xunto con outro publicado o mesmo día en Current Biology, identifica por primeira vez a presenza dunha estrutura xenética espacial e temporal entre os cazadores recolectores da península Ibérica durante o Mesolítico (hai aproximadamente 8.000 anos). No noroeste, os cazadores mesolíticos que viviron poucos séculos antes da chegada dos primeiros agricultores mostran unha afinidade xenética cos cazadores recolectores centroeuropeos. Esa ancestralidade non estaba presente nos anteriores cazadores recolectores desa mesma rexión nin nos cazadores recolectores contemporáneos do sueste de Iberia a finais do Mesolítico.

A investigación foi financiada por “la Caixa”, FEDER-MINECO, o National Institutes of Health, a Paul G. Allen Family Foundation e o Howard Hughes Medical Institute, entre outros.


Referencias: The genomic history of the Iberian Peninsula over the past 8000 years (Publicado en Science o 15 de marzo de 2019).

Ler máis (en inglés): The Lost History of Iberia, en Harvard Magazine.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopados os vestixios máis antigos da presenza humana en Europa nunha zona de Ucraína

As ferramentas paleolíticas achadas no xacemento de Korolevo quedaron enterradas hai 1,42 millóns de anos