Os principais focos da actividade cereira situáronse nos concellos da zona de Terra de Montes, con Forcarei como centro de referencia, e o de Covelo. Fonte: Duvi.
Os principais focos da actividade cereira situáronse nos concellos da zona de Terra de Montes, con Forcarei como centro de referencia, e o de Covelo. Fonte: Duvi.

A industria cereira, un motor económico na Galicia rural desde o século XVII

No ano 1913 no rural galego identificáronse máis de 130 cererías, unha cifra que confirma a grande importancia que a actividade cereira rexistrou, así como o seu vínculo cos espazos rurais, sobre todo no relativo aos procesos de prensado e branqueo de cera de abella, para a os que se precisaba a utilización de infraestruturas específicas como lagares de cera e eiras de branqueo. Estas son algunhas das conclusións do traballo La industria apícola cerera en el rural de Galicia (1750-1950), desenvolvido polo investigador Damián Copena do Grupo de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo e que recentemente apareceu publicado na Revista de Historia Industrial.

Lagar de cera do centro de interpretación de Paraños (Covelo). Foto: Duvi.
Lagar de cera do centro de interpretación de Paraños (Covelo). Foto: Duvi.

“O traballo realizado posibilitou a caracterización das diferentes fases da industria da cera de abella, das principais infraestruturas específicas da industria apícola cereira e dos manexos e coñecementos asociados a esta actividade económica”, explica Copena, que centrou a súa análise no período comprendido entre mediados do século XVIII e ate mediados do XX, considerándose a etapa de maior esplendor a comprendida entre a metade do XVIII e a metade do XIX. “O inicio do período elixiuse ao existir fontes de referencia con información relevante sobre esta actividade e por ser un momento de grande importancia da industria da cera de abella. Mentres, o final está vinculado coa desaparición da industria apícola cereira tradicional no rural”, sinala o investigador.

O traballo confirma que aínda que a actividade da industria apícola cereira estivo presente en moitos concellos rurais de Galicia, os principais focos da actividade situáronse nos da zona de Terra de Montes, con Forcarei como centro de referencia, e o de Covelo, que destaca nas referencias históricas pola actividade de branqueo da cera.

Produtos para consumo interno e exportación

A investigación de Damián Copena caracteriza as fases da industria apícola cereira, así como as súas infraestruturas específicas e coñecementos asociados. “Na primeira fase de obtención de materia prima temos como necesarias protagonistas ás abellas e ás colmeas tradicionais fixistas nas que viven. Despois, para o prensado da cera, están os lagares ou prensas, sendo o principal expoñente o lagar de cera de prensa de viga, que contaba cunha serie de singularidades vinculadas coa materia a prensar, como unha caldeira para ferver os favos das colmeas; un sistema de pías para separar a cera da auga e das impurezas, por diferente densidade, e o esparto como elemento filtrante”, detalla o investigador da Universidade de Vigo.

Damián Copena, autor do estudo sobre a industria cereira. Foto: Duvi.
Damián Copena, autor do estudo sobre a industria cereira. Foto: Duvi.

A continuación, no proceso de branqueo da cera empregábanse as eiras e as pías de branqueo e no manufacturado, que se facía no obradoiro cereiro, utilizábanse a roda cereira e a paila. “Todos estes procesos e infraestruturas precisaban dun coñecemento tradicional e dun patrimonio inmaterial para poder desenvolver as súas funcións e acadar os obxectivos perseguidos no oficio”, explica Copena.

A cera manufacturada nos obradoiros empregábase para a fabricación de candeas e exvotos, aínda que os bloques tamén podían comercializarse directamente e usarse noutras actividades industriais. “O consumo principal era interno, pero existe constancia de exportación a outros lugares do Estado”, sinala o autor do artigo, que lembra a existencia, desde o ano 2012, dun centro de interpretación do oficio da cerería apícola desenvolvido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños no concello de Covelo, no que se pode ver un lagar de cera de prensa de viga, eiras de branqueo e diferentes pezas orixinais do obradoiro cereiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.