Novas incógnitas arredor do singular templo de Santalla de Bóveda

Os achados dun equipo de expertos levan a reinterpretar o contexto histórico do monumento, con orixe na época tardorromana

Interior do templo de Santalla de Bóveda. Fonte: Rebeca Blanco-Rotea.
Interior do templo de Santalla de Bóveda. Fonte: Rebeca Blanco-Rotea.

Un equipo interdisciplinar das universidades da Coruña e Santiago de Compostela conseguiu determinar, a través dunha combinación de diferentes metodoloxías arqueolóxicas, xeolóxicas e xeocronolóxicas, as principais fases construtivas do monumento de Santalla de Bóveda. Este enclave, unha das edificacións máis senlleiras e enigmáticas do noroeste peninsular, xerou un continuo debate entre expertos desde comezos do século XX.

Este debate deu pé a todo tipo de interpretacións históricas que tentaban explicar a singularidade e orixe dun monumento único no noroeste peninsular e con escasos paralelos en Europa occidental. Da relevancia do monumento dá conta que xa foi declarado Monumento Nacional en 1931 e Ben de Interese Cultural en 1996. A interpretación máis estendida sobre a súa función é a de que se trata dun templo pagán de época romana, posteriormente reconvertido ao culto cristián. A partir desta asociación de Bóveda cun espazo relixioso romano, téñense interpretado os seus elementos decorativos, como os frescos interiores ou os relevos da entrada, desde unha perspectiva da relixión e mitoloxía romanas.

As datacións revelan tres fases principais

As novas datacións permitiron determinar que o monumento en realidade pasou por tres fases principais. A fundación do edificio visible hoxe en día corresponde á época romana baixo imperial (na segunda metade do século IV d. C.), na liña do argumentado por diversos investigadores ata hoxe.

Porén, as análises tamén revelan que as famosas pinturas da bóveda da aula subterránea que sostén o edificio son ben posteriores á época romana. Realizáronse no século VII, durante o dominio xermánico de Gallaecia. Convértense, así, na máis destacada mostra da escasa pintura cristiá tardoantiga e altomedieval do noroeste peninsular e pode mesmo ser un precedente da pintura prerrománica mural asturiana.

Traballos en Santalla de Bóveda. Fonte: Rebeca Blanco-Rotea.
Traballos en Santalla de Bóveda. Fonte: Rebeca Blanco-Rotea.

As datacións tamén sinalan que Santalla de Bóveda conta cunha importante fase de desenvolvemento altomedieval: a bóveda da planta superior foi construída entre os séculos X e XI, nun momento de especial desenvolvemento económico e político do reino de Galicia. Esta cronoloxía coincide con otras datacións obtidas en varias iglesias altomedievais galegas. Posteriormente a estas datas, producíronse outras reformas e accións de mantemento no edificio.

Desde un punto de vista histórico, os resultados deste proxecto de investigación abren novas incógnitas e preguntas ao redor da construción e reconstrución de Santalla de Bóveda e a súa relación cos poderes e a relixiosidade da primeira Idade Media galega e, por tanto, obrigan a repensar as orixes do edificio e a súa transformación.

Técnicas pioneiras

Os achados puideron ser realizados grazas a unha combinación de técnicas do ámbito da Arqueoloxía da Arquitectura: desde a lectura detallada dos paramentos realizada pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e o equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Incipit-CSIC ata a análise dos morteiros e material cerámico dos muros levado a cabo polo investigador Jorge Sanjurjo-Sánchez, da Universidade da Coruña (UdC), ou o estudo petrográfico por parte de David Freire-Lista da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e do Centro de Geociencias da Universidade de Coimbra (CGeo). Isto converte ao estudo en pioneiro en Europa no seu alcance.

Así, recolléronse 25 mostras de morteiro e tixolos de diferentes puntos do monumento e dos restos conservados no Museo Provincial de Lugo da bóveda central, hoxe desaparecida, no 2007 e 2020. As mostras datáronse por Luminiscencia Opticamente Estimulada (OSL) e Termoluminiscencia (TL) no Instituto de Xeocronoloxía da Universidade da Coruña. Segundo explican os responsables da investigación, a OSL é unha técnica de análise por luminiscencia que permite datar os áridos dun morteiro sen necesidade de que exista materia orgánica, como era imprescindible no ámbito da arqueoloxía ata hai pouco tempo. A OSL permite coñecer cando o cuarzo que constitúe o árido dun morteiro estivo exposto á luz do sol por última vez, momento no cal se comeza a contar o tempo de fabricación dese morteiro ou tixolo ata a actualidade.

Alén disto, as datacións das últimas mostraxes foron complementadas e contrastadas con outra técnica xa máis coñecida, o Carbono 14, mais analizando dous tipos de materia: carbón e carbonato. A partir de carbóns localizados nos muros e da separación do ‘carbonato arqueolóxico’ dos morteiros, un laboratorio norteamericano externo, ICA (Florida), obtivo tamén datacións que constataron a coherencia dos resultados entre os dous tipos de mostras e os dous laboratorios. A metodoloxía científica empregada e o volume de mostras analizado converten a Santalla de Bóveda nunha referencia internacional pioneira na combinación destas novas técnicas de datación de edificios. As mostras de morteiro foron caracterizadas con microscopía óptica de polarización e difracción de raios X, o que permitiu identificar os materiais utilizados en cada unha das fases construtivas.

Esta estratexia foi posible grazas á obtención dunha axuda da Fundación Palarq que permitiu desenvolver o proxecto “Cronología de las iglesias altomedievales de Santalla de Bóveda y San Breixo de Ouvigo” do que é Investigador Principal Jorge Sanjurjo-Sánchez, cuxa dirección arqueolóxica corresponde a Rebeca Blanco-Rotea, e no que participan José Carlos Sánchez Pardo (USC) e David Martín Freire-Lista (UTAD e CGeo). Todos estes investigadores contan cunha ampla e contrastada traxectoria no eido da arqueoloxía, a xeocronoloxía ou a petroloxía.

As conclusións do estudo foron presentadas este mércores no Museo Provincial de Lugo, nun acto no que ademais de Blanco-Rotea, directora arqueolóxica do proxecto, estiveron Maite Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo, Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.