Venres 19 Abril 2024

Identificada en Galicia unha nova especie de cetáceo de hai uns 8 millóns de anos

Un equipo de investigación internacional dirixido por Ismael Miján da Sociedade Galega de Historia Natural e integrado por Olivier Lambert do Museo Real de Ciencias Naturais de Bélxica e Stephan Louwye da Universidade de Gante, fai público o achado dunha nova especie de cetáceo cuxa datación se estima entre catro e oito millóns de anos na revista científica Acta Paleontologica Polonica. Dous dos autores do traballo, Ismael Miján e Olivier Lambert, publicaron no 2013 o descubrimento de catro novas especies descoñecidas achadas na Península Ibérica o que supuxo un gran descubrimento, ao que se foron sumando outros traballos sobre histoloxía e mineraloxía publicados nos últimos anos.

Ismael Miján. Foto: SGHN.
Ismael Miján. Foto: SGHN.

Esta nova especie foi bautizada co nome de Beneziphius cetariensis, de Cetaria, nome orixinal da vila galega de Cedeira, un dos pobos pesqueiros de Galicia de onde proceden moitos dos exemplares que se investigaron no últimos dez anos. O único exemplar achado ata o momento e que foi utilizado para a descrición desta nova especie foi doado por Gerardo González e Carmen Rodríguez despois de gardalo durante anos tras recuperalo dos fondos mariños a uns 500 metros de profundidade ao norte de Cabo Ortegal.

Publicidade

O exemplar foi estudado durante o últimos tres anos e comparado con outros exemplares da mesma familia (dos zifios) que se atopan cercanamente emparentados xeneticamente e que foron achados en Bélxica e os Países Baixos e que se atopan custodiados no Museo de Ciencias Naturais de Bruxelas. O achado reforza a teoría xa exposta no traballo previo de 2013 sobre a alta diversidade de especies da familia dos zifios no Atlántico Norte durante o período xeolóxico coñecido como Mioceno.

A SGHN ten unha das 5 mellores coleccións do mundo de fósiles de cetáceos

“Podemos datar o Beneziphius cetariensis nun rango entre os 4 e os 8 millóns de anos”, explica a GCiencia o paleontólogo Ismael Miján, “para facer a datación empregamos os sedimentos que acompañan ós fósiles, e nesta investigación coseguimos tamén datar o fósil de Bruxelas, que consideramos dun zifio que viviu hai uns 12 millóns de anos”.

A familia dos zifios actuais, a pesar de ser a segunda máis diversa dos cetáceos en canto especies, é moi pouco coñecida. Hoxe en día conta con 22 especies en todo o planeta, unha delas foi descuberta este mesmo ano no Pacífico Norte.

No ano 2007 Ismael Miján publicou un estudo preliminar sobre os dous primeiros cranios entregados á SGHN o que abriu as portas a unha serie de investigacións durante os últimos 10 anos que non deixaron de achegar importantísima información. Durante este período o equipo conseguiu examinar máis dun cento de cranios depositados en coleccións oficiais (almacenados e, en moitos casos, esquecidos; a maioría están na SGHN cuxa colección de fósiles de cetáceos atópase entre as cinco máis importantes do mundo) así como ao redor dun centenar de especímenes en coleccións particulares, moitas delas correspondentes a especies descoñecidas para a ciencia.

A Sociedade Galega de Historia Natural agradece nunha nota “a colaboración aos pescadores que doaron exemplares ao museo, xa que a súa contribución foi imprescindible para levar a cabo os estudos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Atopada en Cedeira a primeira forxa completa da época galaico-romana de Galicia

O achado súmase a outros destacados como a estrutura dun balneario castrexo, unha pedra formosa ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas