Restos líticos feitos por homínidos e atopados no norte de Alxeria. Fonte: Cenieh.
Restos líticos feitos por homínidos e atopados no norte de Alxeria. Fonte: Cenieh.

Os primeiros homínidos tamén estaban no norte de África

Os primeiros homínidos que fabricaron ferramentas líticas chegaron máis ao norte do que se cría ata agora. A só 100 quilómetros do mar Mediterráneo, nos xacementos de Ain Hanech (Alxeria), científicos do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) atoparon artefactos líticos e ósos de animais con marcas de corte de ferramentas de pedra, cunha cronoloxía estimada en 2,4 e 1,9 millóns de anos, respectivamente, achados en dous niveis do xacementos de Ain Boucherit, nesta mesma zona.

O achado do equipo liderado por Mohamed Sahnouni, e publicado en Science, “rompe co paradigma de que o berce da Humanidade se atopaba en África Oriental”, segundo informa o CENIEH. Así, estes restos son os máis antigos localizados ata agora no norte do continente. E son case contemporáneos cos primeiros utensilios líticos coñecidos, datados en 2,6 millóns de anos.

A datación realizouse mediante técnicas de Paleomagnetismo, Resonancia Paramagnética Electrónica (RPE) e a Biocronoloxía de grandes mamíferos escavados xunto cos materiais arqueolóxicos. Os fósiles de animais como porcos, cabalos e elefantes, procedente de xacementos moi antigos, foron utilizados polo paleontólogo Jan van der Made, do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid (CSIC), para corroborar a idade derivada do Paleomagnetismo obtida polo geocronólogo do CENIEH Josep Parés e da RPE levada a cabo por Mathieu Duval, da Universidade de Griffith.

Os artefactos de Ain Boucherit fabricábanse con pedra calcaria e sílex dispoñibles localmente e inclúe cantos tallados, así como ferramentas de corte de bordos afiados utilizadas para despezar cadáveres de animais. Estes artefactos son típicos da tecnoloxía lítica olduvaiense, coñecida desde fai de 1,9 a 2,6 millóns de anos en África Oriental, aínda que os de Ain Boucherit mostran sutís variacións. “A industria lítica de Ain Boucherit, que é tecnoloxicamente similar á de Gona e Olduvai, demostra que os nosos antepasados aventuráronse en todos os recunchos de África, non só na parte oriental. A evidencia de Alxeria cambia a visión anterior de que África Oriental é o berce da humanidade. En realidade, toda África é o berce da humanidade”,afirma Mohamed Sahnouni.

Homínidos que xa non son preeiros

Ain Boucherit é un dos poucos xacementos arqueolóxicos de África que proporcionou probas de ósos con marcas de corte e percusión asociadas in situ coas ferramentas líticas, que mostran que os homínidos ancestrais aproveitaban a carne e a médula ósea dos animais de todos os tamaños e as partes esqueléticas, o que implicaba esfolar, destripar e descarnar as extremidades superiores e intermedias.

Isabel Cáceres, tafónoma do IPHES, comentou respecto diso que o uso eficaz de ferramentas líticas con cortes afiados en Ain Boucherit suxire que os nosos antecesores non eran meros preeiros. “Non está claro neste momento se cazaban ou non, pero as probas demostran claramente que estaban a competir de forma exitosa cos carnívoros e que gozaban do acceso prioritario á carne dos animais”, afirma.

Traballos no xacemento de Ain Hanech. Fonte: Cenieh.

Neste momento, a pregunta máis importante para os científicos é quen fabricou as ferramentas de pedra descubertas en Alxeria. Aínda non se atoparon restos de homínidos no Norte de África que sexan contemporáneos dos primeiros artefactos líticos. De feito, tampouco se documentou ningún homínido en asociación directa coas primeiras ferramentas líticas coñecidas no leste de África. Con todo, un descubrimento recente en Etiopía puxo de manifesto a presenza do primeiro Homo fai aproximadamente 2,8 millóns de anos, con moita probabilidade, o mellor candidato tamén para os materiais achados tanto ao leste como ao norte do continente.

Durante moito tempo, os científicos creron que os homínidos e a súa cultura material orixináronse no val do Rift do África Oriental. Sorprendentemente, o primeiro homínido coñecido datado en aproximadamente 7 millóns de anos, e o Australopithecus bahrelghazali, de 3,3 millóns de anos antes de agora, foron descubertos en Chad, situado no Sahara, a 3.000 quilómetros das fosas tectónicas do leste de África. Como explica Sileshi Semaw, científico do CENIEH que tamén participou neste artigo, os homínidos contemporáneos de Lucy, de aproximadamente 3,2 millóns de anos, probablemente deambulaban polo Sahara, e os seus descendentes poderían ser os responsables de deixar os retos arqueolóxicos agora descubertos en Alxeria, que son case contemporáneos dos de África Oriental. “As próximas investigacións centraranse na procura de fósiles de homínidos nos xacementos próximos do Mioceno e o Plio-Pleistoceno, en busca dos fabricantes de utensilios e mesmo de ferramentas líticas máis antigas”, conclúe Sahnouni.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.