A paparroiba Tchac-Tchac é a guía que aconsella aos lectores na obra sobre a arte rupestre. Fonte: UVigo / Víctor Vázquez.
A paparroiba Tchac-Tchac é a guía que aconsella aos lectores na obra sobre a arte rupestre. Fonte: UVigo / Víctor Vázquez.

O que debes facer (e o que non) ao visitar enclaves de arte rupestre

O Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da UVigo publica unha guía de recomendacións enfocada cara ao público escolar

Na actualidade, explican desde o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo, existe información sobre sitios con arte rupestre que se poden visitar en Galicia pero hai unha carencia de información sobre como visitalos axeitadamente. Tendo en conta esta situación, o grupo realizou e publicou recentemente unha Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre.

O caderno, indícase na súa presentación, pretende ser unha breve guía de boas prácticas para a visita aos enclaves con arte rupestre, sexan estes gravados ou pintados, tendo en conta que “non son frecuentes os materiais educativos orientados a traballar previamente as visitas ou que ofrecen actividades á volta das mesmas”. O documento, sinalan os seus promotores, está orientado aos nenos e nenas pero tamén aos adultos, e de xeito especial ao alumnado de Educación Infantil e Primaria e docentes en xeral que queiran traballar con contidos transversais en educación patrimonial dentro e fóra das aulas. Así, a guía ten dous niveis de lectura, unha para mestras e mestres e outro para rapazas e rapaces.

A edición científica, autoría de textos e maquetación da guía corre a cargo de Beatriz Comendador, coordinadora do grupo e profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, sendo os debuxos de Víctor Vázquez e a revisión de textos de Isabel Mociño, Begoña Garrido e Andrea Mouriño, membros do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial, e de Rosa Brañas e Adrián Estévez.

A iniciativa, indican os seus responsables, enmárcase na liña de traballo dun grupo de innovación docente que xurdiu “da necesidade de establecer unha estrutura de traballo estable de profesorado universitario que ten como finalidade desenvolver accións dirixidas á formación, innovación e renovación do modelo educativo en relación coa educación patrimonial”. A guía, engaden, xorde tamén ao abeiro da Rede Galega de Patrimonio, da que forma parte este grupo da Universidade de Vigo.

Información e actividades

Cun carácter moi visual e didáctico, a guía propón “coñecer sitios con arte rupestre acompañados da nosa paparroiba Tchac-Tchac”. A elección desta personaxe, indican desde o grupo, xurdiu coa idea de “traballar a unión entre o patrimonio cultural indisociado do patrimonio natural, pois en xeral a maior parte do patrimonio rupestre está no monte” e de reflectir “a fraxilidade deste patrimonio”.

O caderno arranca presentando como “a nosa paisaxe foi marcada desde tempos prehistóricos polos grupos de humanos que habitaron neste territorio”, explicando a existencia de arte rupestre gravada e pintada que perdurou no tempo. O texto lembra como “non se pode comprender a nosa arte rupestre sen entender a paisaxe na que se enmarca”, tanto terrestre como celeste, dando algunhas claves ao respecto, e como as rochas “contan relatos”, en relación ás lendas ou historias asociadas a elas. Ao longo das súas páxinas, o caderno permite aprender como ver mellor os gravados e pinturas rupestres, describindo ademais materiais existentes que poden axudar nesta tarefa, sen faltar un apartado de recomendacións fundamentais sobre o que non se pode facer nesta observación, como marcar pedras con xiz ou mollar as pinturas.

A Guía de boas prácticas na visita aos sitios con arte rupestre tamén inclúe diversas actividades prácticas que poden realizar os seus usuarios e usuarias. Concretamente, proporciona un modelo de ficha que pode cubrir calquera persoa na súa visita a un enclave con arte rupestre, un pasatempo temático e indicacións de como pintar a cara como un ídolo da prehistoria. Non faltan un glosario, enlaces de interese e unha listaxe de sitios para visitar en Galicia. O caderno está dispoñible on line na web do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial e del editáronse 150 exemplares impresos. Os seus promotores convidan aos centros educativos a que se animen a facer uso desta guía co seu alumnado, apuntando como premiarán cunha copia impresa da mesma ata esgotamento de exemplares aos que fagan as súas fichas e remitan ao enderezo electrónico gidep@uvigo.es un dosier das actividades realizadas co caderno.


Podes descargar a guía (en PDF) nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.