Sábado 20 Abril 2024

Frei Gregorio Balboa, o primeiro contrabandista galego

O primeiro contrabandista galego – ou, polo menos, o primeiro contrabandista do que hai probas documentais – xa descargaba tabaco de contrabando 300 anos antes da Operación Nécora. Frei Gregorio Balboa, un monxe beneditino nacido en Monforte de Lemos, foi o líder dunha vasta rede de relixiosos, criados, mariñeiros e porteadores que organizaba descargas nas rías de Arousa e Muros e Noia, valéndose da recortada costa da zona. Unha historia que evoca ás andanzas de Sito Miñanco ou Laureano Oubiña.

A vida de Balboa cóntaa o historiador Baudilio Barreiro Mallón no seu libro El tabaco y el incienso. Un episodio compostelano del siglo XVII (Nigratrea). O xornalista e profesor Manuel Gago menciona tamén o caso na súa ruta sobre a Compostela negra. Porque os feitos que acabaron condenando ao freire aconteceron no mosteiro de San Martiño Pinario, fronte á catedral. Pero iso é o final da historia.

Publicidade

O libro de Baudilio Barreiro ‘El tabaco y el incienso’ conta a vida e as peripecias de Balboa

A comezos do século XVII, o tabaco converteuse na Península nun produto moi importante para as arcas estatais. Era un monopolio do Estado, e a súa popularización, despois de comezar a ser consumido polas clases altas, tamén atraeu aos contrabandistas. Desde Vilanova de Arousa, o priorato da orde dos beneditinos controlaba o comercio da zona, onde os negocios á marxe do control estatal xa tiñan unha longa traxectoria. E alí chegou frei Gregorio Balboa en 1689.

O monxe monfortino era unha figura controvertida desde os seus comezos na Orde. A finais da década de 1660 enviárano a Alemaña a predicar xunto a outros monxes, pero os informes remitidos desde o país xermano falaban dunha personalidade conflitiva e das súas argucias respecto do tráfico de influencias e bens. Ante isto, foi chamado de volta a España e enviado a prioratos menores, como Bribes (Cambre) e Obona, no occidente asturiano, afastados dos centros de influencia polos que parecía ter apego, ata que apareceu en Arousa.

Nas súas andanzas polos outros prioratos deixou mostra de malas artes, como a chantaxe, e dun carácter moitas veces agresivo e violento, pero ao tempo foi quen de tecer unhas redes de confianza que acabaría aproveitando para o seu desempeño como contrabandista. Con todo, segundo sinala Baudilio Barreiro no libro, á hora de entender á personaxe hai que ter en conta as loitas dos distintos bandos dentro dos beneditinos, que se trasladaban, en casos como os de Balboa, a esferas máis persoais.

Como prior de Vilanova de Arousa, Balboa controlaba o comercio de toda a ría

En xuño de 1692, despois de case tres anos como prior de Vilanova, hai constancia de que Balboa asinou en Pontevedra a constitución dunha compañía que sería a pantalla para os seus negocios de contrabando. Asociouse con Pedro Blanco Inclán, mariñeiro asturiano, patrón dunha chalupa que levaba por nome Espíritu Santo. Sobre o papel, o acordo contemplaba o comercio por mar, cara Asturias, Cantabria e Bizkaia, de produtos do priorato (trigo, millo e viño, entre outros) e traer de volta xénero propio das importacións galegas desde os portos cantábricos, como ferro, aceiro ou pipas para viño.

Pero as autoridades xa tiñan marcado a Balboa polas súas andanzas anteriores e sospeitaron daquel contrato. Chegaron aos seus oídos rumores de que a chalupa ía volver cunha carga sospeitosamente lixeira, polo menos no que ían declarar os asinantes do acordo comercial. Algunhas pipas que sobre o papel deberían volver baleiras, viaxaban, en realidade, cargadas de decenas de quilos de tabaco. Cando Pedro Blanco puxo rumbo ao Cantábrico para cumprir coa primeira parte da viaxe, en Arousa e no Barbanza púxose en marcha un labor de vixilancia propio dun filme de espías.

Mais os vixilantes, como en moitas operacións policiais contra o narcotráfico, tamén estaban sendo vixiados. Balboa tiña informantes en cada recuncho do Barbanza e O Salnés. Bastantes párrocos, como os de Artes, Olveira e Oleiros, en Ribeira, eran da súa máxima confianza. E había xente sobre aviso en terra, como tiñan e teñen os grandes contrabandistas, para orientar á chalupa e realizar a descarga a toda velocidade lonxe das autoridades.

Pero os funcionarios da renda do tabaco tamén estaban facendo os deberes para impedir o éxito do contrabandista. Durante o verán chegaron a poñer unha pequena lancha patrullando durante dous meses na boca das rías de Arousa e Noia, á espera do Espíritu Santo. Pero ao pasar o tempo e non aparecer a chalupa, desistiron deste operativo debido aos gastos que implicaba.

Igrexa da parroquia de Oleiros (Ribeira), en cuxa casa reitoral se gardou parte do alixo tabaco no desembarco que dirixiu Balboa. Imaxe: Adrián Estévez.
Igrexa da parroquia de Oleiros (Ribeira), en cuxa casa reitoral se gardou parte do alixo tabaco no desembarco que dirixiu Balboa. Imaxe: Adrián Estévez.

Finalmente, o Espíritu Santo apareceu a finais de outubro bordeando o Barbanza. A primeira opción para a descarga foi o porto de Corrubedo, na zona de influencia dos cregos afíns a Balboa. Pero os rumores e a persecución dos funcionarios e da Administración eran xa bastante intensos como para que o segredo ficase a salvo, a pesar da astucia do freire.

Aínda así, o contrabandista volveu estar, unha vez máis, por diante das autoridades. A figura clave no desembarco foi Domingo González, criado de Balboa, que viaxara por mar coa tripulación do Espíritu Santo desde Bizkaia ata Asturias. Alí separáronse, e o criado continuou por terra para tentear o dispositivo de vixilancia que estaban facendo os gardas e os funcionarios. E así González soubo que a garda esperaba o desembarco en Corrubedo. E mudou os plans. Ordenou facer a descarga ao abrigo da ría, nalgún punto da costa de Porto do Son. E desde alí, levaron gran parte do alixo ata a casa reitoral de Oleiros, onde o cura Fernando Antonio de Quiroga, cómplice de Balboa, agochou o tabaco.

Tras deixar case todo o alixo en terra, o barco seguiu cara Corrubedo, como parte da estratexia de Balboa e González. A bordo quedaba aínda unha pequena parte do tabaco, que funcionou como cebo para as autoridades, facéndolles crer que tiveran éxito na operación. Porén, as sospeitas sobre o contrabandista eran demasiado grandes como para contentarse cun alixo tan pequeno, e as pescudas continuaron. Balboa negou os feitos e reaccionou desafiante. E acabouse librando. Vendo que o escándalo podería afectar mesmo á imaxe da orde e da Igrexa, varios monxes mediaron para chegar a un pacto de silencio entre o contrabandista e as autoridades, polo cal os colaboradores do freire pagaron unha multa de 600 reais e a entrega de parte do tabaco a cambio da liberación da tripulación do Espíritu Santo e a devolución do buque e dos bens incautados a bordo.

O episodio de San Martiño

Posiblemente, aquela descarga non foi a única dirixida polo freire. E os desafíos de Balboa á xustiza e aos seus rivais na Orde non comezaron nin remataron co episodio do contrabando. Ao ano seguinte, en 1693, deixou o priorato de Arousa. En abril de 1694, vítima dun “mal de ouriños“, estaba no mosteiro de San Martiño, en Compostela, a punto de partir a Melón para tomar as augas e tratar a súa doenza.

Facíase acompañar no cuarto por Jacinto Fasán, un mozo criado de 14 anos, natural de Vilagarcía. E tamén había outro axudante que chegara cunha mula para trasladalo ao día seguinte a Melón. Era o 12 de abril daquel ano, e o abade de San Martiño, Juan de Landa, enemistado desde había tempo con Balboa, non estaba disposto a deixar que o freire marchase sen ser investigado. Landa fixera reconto das pertenzas e bens dos monxes, e estrañoulle o pouco patrimonio que declarara Balboa, dada a súa intensa e coñecida actividade comercial no pasado.

Pola tarde, o abade chamou ao freire á súa cela para esixirlle que declarase o que se lle pedía. De novo, Balboa reaccionou irado e ofendido. E de novo, foi máis rápido. Sabedor de que Landa non deixaría morrer o asunto, regresou ao seu cuarto e puxo en marcha o seu plan. No medio da equipaxe disposta para partir a Melón, agochaba nun ouriñal 250 dobróns, unha cantidade importante para a época.

Agochaba nun ouriñal unha fortuna gañada como comerciante e contrabandista

Cando o abade e varios monxes foron á cela de Balboa, dispostos a collelo por fin nun ‘renuncio‘, comezou unha discusión que acabaría de xeito precipitado. Nun momento, o freire escusouse e apartouse xunto á fiestra para aliviar o seu mal de ouriños. E de súpeto, lanzou pola fiestra, desde 30 metros de altura, o penico no que agochaba os cartos. Por fóra, na parede do mosteiro, o seu criado Jacinto, cheo de medo, comezaba a descender por unha corda que armaran de forma improvisada. Tiña orde de fuxir cos cartos e agocharse ata que Balboa partira a Melón. Porén, os freires, alertados polo ruído metálico do ouriñal contra o chan, saíron á présa ao exterior e apresaron ao mozo.

Ante as evidencias, o abade Landa decidiu encerrar ao freire contrabandista na cela, á espera de tramitar o proceso. Alén dos cartos, incautáronlle bastante documentación e correspondencia que sería despois utilizada contra el. Culpábano dunha falta grave contra o voto de pobreza e de vicio propietario, ademais de atentar contra os dereitos da Coroa e dos administradores e arrendatarios por ocultar os seus bens.

Lateral do mosteiro de San Martiño, en Compostela. Desde unha das fiestras superiores crese que o contrabandista Balboa tirou o penico cheo de dobróns. Imaxe: R. Pan.
Lateral do mosteiro de San Martiño, en Compostela. Desde unha das fiestras superiores crese que o contrabandista Balboa tirou o penico cheo de dobróns. Imaxe: R. Pan.

A finais de 1694 dictouse sentenza contra Balboa e foi declarado culpable. Tomáronse contra el varias medidas privativas de liberdade e a retirada dos seus privilexios na Orde de San Bieito. Pero o freire contrabandista aínda non dixera a súa última palabra, e recurriu a decisión.

Alegando o agravamento da súa doenza e movendo influencias e contactos que aínda mantiña, conseguiu que o deixaran, por fin, ir tomar as augas a Melón. As testemuñas sinalan que xa naquel momento era “un moribundo que non podía entrar nin saír da cama sen que tres ou catro homes o asistiran e levaran”. Aínda así, ía vixilado por un freire da orde. Pero Balboa esquivou de novo a vixilancia.

Unha vez en Melón, e co proceso xudicial aínda aberto, conseguiu enganar aos seus vixiantes e, despois de varias escalas no camiño, fuxiu a Madrid, unha cidade que era unha vella ambición para el. E acadou unha última ‘vitoria’. Unha vez estudados os recursos de Balboa sobre a sentenza que o condenaba, a Nunciatura deulle en parte a razón ao freire e absolveuno do “delito de comerciante” vinculado ao seu papel como contrabandista. O 3 de novembro de 1696, Gregorio Balboa morreu en Madrid, poñendo fin a unha vida de novela.

Para máis información: El tabaco y el incienso. Un episodio compostelano del siglo XVII, de Baudilio Barreiro Mallón. Edicións Nigratrea.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crise da ameixa na ría de Arousa: “Se non actuamos, en 10 anos non quedará nada”

O termómetro de Cortegada, un dos viveiros máis ricos en ameixa, chegou a marcar 24 graos e medio de temperatura na superficie da auga

María, a mariscadora do vídeo viral: “Ninguén soña con este oficio”

Unha gravación dela traballando nunhas duras condicións atmosféricas difundiuse hai uns días e agora acumula miles de seguidores

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

Mexillón de Cabo de Cruz: ouro negro que admite infinitas preparacións

Os seus 230 quilómetros cadrados de superficie fan da ría de...