Xoves 18 Abril 2024

Gómez de Bedoya, o médico que clasificou as augas minerais

Este hidrólogo ilustrado deixou pegada en Compostela, onde avanzou na cirurxía, buscou moitas polémicas e cantou ás súas fontes medicinais

Foi un clásico produto da Ilustración, un sabio en temas diversos,  polemista e partidario entusiasta da investigación científica. Non sabemos onde naceu en 1699, aínda que moitos o supoñen galego, mentres outros sinalan o seu berce en Plasencia ou en Alcalá de Henares, en cuxa universidade se titulou en Medicina. Pero o indiscutible é que Pedro Gómez de Bedoya y Paredes foi todo un personaxe na Compostela do século  XVIII, onde faleceu en 1776. Ligado á súa universidade, está considerado o fundador da especialidade de  cirurxía en Galicia. Pero foi tamén un médico controvertido, á vez que un  hidrólogo impulsor do maior tratado de augas medicinais ata a súa época: a monumental Historia Universal das Fontes Minerais en España.

“Non hai cousa na Natureza, que se achegue máis a ser remedio universal, que as augas minerais, principalmente nos males longos e rebeldes…. ditas augas curan as doenzas con prontitude e felicidade, sen menoscabar as forzas do enfermo… pódense administrar a toda sorte de persoas en todas idades e estacións do ano”, explica Bedoya no primeiro tomo da súa magna obra.

Publicidade

Sabemos que Bedoya enviou máis de 3.000 cartas impresas a médicos e farmacéuticos de toda España, ao tempo que custeou as viaxes de polo menos dous médicos durante un ano, visitando mananciais por medio país. E, con iso, publicou en 1764 e 1765 os dous primeiros tomos da súa obra, cuxo título completo era: “Historia universal de las fuentes minerales de España, sitios en que se hallan, principios de que constan, analyses y virtudes de sus aguas, modo de administrarlas y de ocurrir a los accidentes que suelen nacer de su abuso, todo deducido de la observación, y experiencia; descripción de los lugares de su situación, con una buena parte de la Historia natural del término de cada pueblo, y explicación de las curiosidades que contienen”.

O  hercúleo traballo tiña forma de dicionario alfabético de lugares e seica foi animado a realizalo polo propio rei Carlos III, de quen era médico persoal cando menos desde 1752, aínda que entrara antes no servizo de palacio. Consérvanse moitas das cartas que lle remitiron os seus colegas, contestando as súas preguntas sobre augas minerais próximas. Tamén fixo un traballo con pretensións científicas: “Bedoya seguiu o método de Friedrich Hoffmann, realizando experiencias coa agua, o sedimento e o residuo seco por evaporación”, sinala Alfonso de las Llanderas nunha monografía.

Por desgraza, a gran obra de Bedoya uedou inconclusa e o percorrido alfabético remata na letra ‘F’, coas augas do manancial de Furraqueira no concello de Ribadeo.

Con todo, fixo logo un tratado de augas minerais exclusivamente sobre Galicia, que se conserva na Biblioteca Nacional, nun manuscrito titulado “Descrición de 54 fontes minerais do Reyno de Galicia”, que está datado en 1772. Foi a súa derradeira obra e dise que nos seus últimos anos manifestaba a súa amargura porque pasaban os seus últimos anos sen poder terminar a súa ‘historia universal’ das augas minerais. Falecería pouco despois, en 1776.

Pero Gómez de  Bedoya foi moito máis que un  hidrólogo. Tras doutorarse en Alcalá, exerceu a medicina en Madrid e foi nomeado médico da Casa Real.

Xa dende os seus primeiros anos de exercicio, “participou en numerosas polémicas científicas. Comezou no Examen crítico de la Sangría artificial (1740), publicación na que Bedoya amósase partidario das teorías de Galeno e de Boerhaave”, anotan Fausto Galdo, Francisco Díaz Fierros y Carlos González Guitián nunha monografía sobre o insigne médico.

En abril de 1754, Gómez de  Bedoya é nomeado primeiro médico do Cabildo da Igrexa Metropolitana de Santiago de Compostela, recomendado polo propio Nuncio Pontificio. Para asentarse en Santiago argumenta problemas de saúde que fan que o clima galego lle sexa especialmente propicio. Estas razóns resultan desde logo sorprendentes e, en parte, axudan a pensar que era de orixe galega e quería regresar á súa terra.

Retrato de Gómez de Bedoya.

Ademais, o 7 de febreiro de 1755 solicita a Cátedra de Cirurxía e Anatomía na Universidade de Santiago, que finalmente consegue e que lle converterá no primeiro impulsor destas disciplinas en Galicia. Ademais, dise que protagoniza algunhas polémicas cando pide un axudante para a disección de cadáveres, que solicita ao Hospital Real para que lle sexan fornecidos no seu gabinete para avanzar nas súas investigacións.

Non menos polémica é a súa paixón polas sangrías, que mesmo provocarán que circulen por Galicia certas coplillas contra Gómez de  Bedoya, pois xa desde o século  XVII había unha medicina científica que refutaba categóricamente que sangrar a un paciente tivese ningún efectos positivo para ningunha doenza. Díaz-Ferros, Galdo e González Guitián recollen un destes versos  satíricos da época: “Quen quixer morrerse / presto  á moda / para iso en Santiago / ten a  Bedoya…”

Pero, a pesar das bromas, a realidade é que estivo considerado como un gran médico, durante décadas a máxima autoridade en medicina en Compostela, mesmo no Gran Hospital, ao que non pertencía pero onde se lle consultaban nos momentos máis complicados, por exemplo na gran fame negra de 1767 a 1769, que encheu a cidade de enfermos e de mortos.

Pero a paixón de Pedro Gómez de Bedoya y Paredes foi a auga. A das fontes minerais ás que atribuía importantes beneficios para a saúde. Tentou recompilalas nunha magna obra con vocación universal. E, aínda que non conseguiu concluíla, segue estando considerado como un dos pais da moderna  hidroloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023