Representación artística da cara dun
Representación artística da cara dun "Gigantopithecus" e mandíbula usada na investigación. Créditos: Ikumi Kayama / Wei Wang, edición de Theis Jensen.

Reconstrúen a historia do “Gigantopithecus”, o curmán xigante dos orangutáns

Unha técnica para reconstruír proteínas do esmalte molar do primate permite recuperar a evidencia molecular máis antiga sobre a evolución dos homínidos

O xénero Gigantopithecus abrangue a un grupo de primates que viviu entre dous millóns e 300.000 anos antes de agora nos bosques do que hoxe é China, India e Vietnam. Era enorme, de aí o seu nome, xa que acadaba os tres metros de altura ao erguerse sobre as súas patas, e pesaba ata 500 quilos, o dobre dos actuais gorilas.

Ata hai algo menos de 90 anos, as súas moas chegaron a venderse como un remedio tradicional, co nome de dentes de dragón. Entón, na década dos 30, o paleontólogo Ralph von Koenigswald identificou un dos molares, de máis de 2,5 cm de ancho e propuxo que fose a peza dun enorme primate ao que chamou Gigantophitecus por primeira vez. Seguiron aparecendo fósiles de mandíbulas, e estudos máis recentes revelaron que os Gigantophitecus eran herbívoros, combinando o estudo da forma ancha e plana dos molares atopados, a súa composición química e a análise de fósiles de plantas microscópicas atopados nalgúns dentes.

Con todo, ata o de agora nada se sabía de certo sobre a súa extinción ou en torno ao parentesco deste gran simio co resto da liñaxe humana, e non se puido avanzar máis no seu estudo ata que a xenética derrubou barreiras insuperables ata hai poucos anos.

Recreación artística do tamaño dun "Gigantopithecus" fronte a un H. sapiens.
Recreación artística do tamaño dun “Gigantopithecus” fronte a un H. sapiens.

É agora, co desenvolvemento das novas técnicas de análise, é posible por fin saber algo máis daquel xigante que hai moito, moito tempo, foi parente noso. Un equipo de investigadores do Instituto de Bioloxía Evolutiva, centro mixto da Universitat Pompeu Fabra e o CSIC, xunto con científicos do Global Institute da Universidade de Copenhague conseguiu restituír por primeira vez as proteínas do molar fósil, de aproximadamente dous millóns de anos de antigüidade, para esclarecer a historia antiga da evolución humana.

É, por tanto, a primeira evidencia molecular que permite clarificar a evolución da liñaxe humana e dos grande simios alén do que permiten as técnicas de ADN antigo. Esta técnica, segundo adiantan os autores do traballo, que publica Nature, podería usarse na análise de moitos outros restos, botando luz na historia evolutiva dos homínidos. “Por agora, a técnica permitiunos recuperar proteínas fosilizadas no esmalte dos molares, pero podería utilizarse con moitos outros restos óseos para revelar a antigüidade da evolución humana, que aínda descoñecemos en gran medida”, explica Tomàs Marquès-Bonet, investigador do IBE e do Institut Català de Paleontologia Miquel Crusafont (ICP), e colíder do traballo.

Molar inferior de "Gigantopithecus". Fonte: Wei Wan.
Molar inferior de “Gigantopithecus”. Fonte: Wei Wan.

“Ata o de agora, todo o que se sabía sobre esta especie baseábase na morfoloxía dos dentes e mandíbulas atopados, propios dun herbívoro”, comenta Enrico Cappellini, investigador na Universidade de Copenhague. “Agora, a análise das proteínas antigas do seu esmalte, ou análise paleoproteómico, permitiunos reconstruír a antiquísima historia evolutiva deste parente afastado”, engade.

Grazas a esta técnica, o equipo logrou comparar o proteoma –totalidade de proteínas expresadas– reconstruído do fósil cunha base de datos de proteínas de homínidos coñecidos, podendo clarificar a posición do Gigantopithecus na historia evolutiva e resolvendo a dúbida de se pertenceu ou non á liñaxe humana.

“A análise revelou que o parente vivo máis próximo de G. blacki é o orangután, aínda que a súa separación cos actuais é moi afastada, o que explica a anterior confusión no campo”, explica Marquès Bonet. Segundo o biólogo, ambos diverxeron pronto no Mioceno, hai máis de 10 millóns de anos, “pero sen dúbida compartían un devanceiro común”.


Referencia: Enamel proteome shows that Gigantopithecus was an early diverging pongine (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.