Venres 29 Marzo 2024

Gallaecia: unha potencia pesqueira no Imperio Romano

As Rías Baixas, en especial as de Vigo e Pontevedra, aglutinan nas últimas décadas importantes achados de instalacións industriais romanas dedicadas á obtención de sal e á produción de conservas de peixe para a exportación a longa distancia. As factorías romanas en Vigo atopadas na rúa Marqués de Valladares ou na praza de Compostela, as salinas de Rosalía Castro, O Areal e da vila de Toralla, así como as instalacións radicadas na praia do Cocho, Sobreira, Nerga ou O Canexol, na illa de Ons, reforzan o papel “salineiro” das Rías Baixas na época romana e a súa vocación como produtoras de salgaduras de peixe no ámbito industrial, o que tamén marcará o devir desta rexión nos seguintes séculos.

Investigadores reunidos en Vigo no Museo do Mar de Galicia.
Investigadores reunidos en Vigo no Museo do Mar de Galicia.

Gallaecia, unha zona afastada da área do Mare Nostrum, foi, non obstante, segundo confirman os estudos que se están a realizar desde hai 20 e 30 anos, unha provincia importantísima na explotación dos recursos do mar nos séculos de presenza romana”, explica Darío Bernal, docente e investigador da Universidad de Cádiz e director de Ramppa, Red de Excelencia Atlántico-Mediterránea del Patrimonio Pesquero de la Antigüedad, que asegura que “estes estudos permitirán situar Galicia no lugar que lle corresponde na economía do mundo antigo”. Bernal participa ata o vindeiro venres, no workshop internacional Xeografía da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade entre o Atlántico e o Mediterráneo, que organiza xunto ao investigador da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e o director de Estudios para las épocas antigua y medieval da Casa Velázquez en Madrid, Laurent Callegarin e que reúne en Vigo e Bueu a expertas e expertos de España, Francia, Portugal e Marrocos no estudo da economía pesqueiro-conserveira na antigüidade.

Publicidade

O proxecto Galtfish estuda as orixes romanas da industria pesqueira en Galicia

Na inauguración do encontro no Museo do Mar de Galicia, o director da rede Ramppa, destacou a importancia dunha actividade económica que “xerou un sinal de identidade que se mantivo ao longo do tempo” e tamén puxo en valor o papel dos campus de excelencia internacional e das redes temáticas, que no caso concreto de Ramppa, permiten reflexionar sobre a xeografía da produción e explotación dos recursos marítimo-pesqueiros.

O estudo dunha importante parte do patrimonio antigo nas costas galegas, como é o da produción pesqueiro-conserveira na antigüidade, verase substancialmente reforzado co desenvolvemento do proxecto Galtfish, Salt and fish saltin in Ancient Gallecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, liderado por Adolfo Fernández membro do grupo Geaat da Universidade de Vigo, recentemente incorporado ao Campus do Mar.

O proxecto, cuxo proceso de documentación que xa está finalizado e no que as prospeccións comezarán en primavera de 2017, aborda diferentes aspectos do patrimonio arqueolóxico no ámbito costeiro, que non só se limitan ao estudo dos sitios produtivos, como salinas e fábricas de salgadura de peixe ou habitacionais, como castros, vilas ou vicus, senón que tamén aborda os modelos produtivos antigos, a exportación dos produtos ou ás técnicas da produción de conservas de peixe en época romana.

Denominada nos seus inicios Salsamenta, a Red Ramppa, atópase neste intre, segundo lembrou Laurent Callegarin, nunha segunda etapa, na que o seu ámbito de traballo estenderase a outras zonas do Mediterráneo como o sur da Galia, Italia, Sicilia e a África Proconsularis.

“A carne de atún en salgadura, o garum, o licuamen ou a muria, produtos perdidos desde a época medieval, eran na antigüidade moi consumidos por toda a sociedade, como subministradores de sal e vitaminas e hoxe en día a salgadura é case un produto gourmet”, lembrou Darío Bernal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.