Venres 19 Abril 2024

Galicia, nos extraordinarios mapas de Pedro Teixeira

Pronto cumprirá 400 anos unha obra mestra da cartografía que retrata a nosa costa. Porque o portugués Pedro Teixeira acometeu, dende 1622, o traballo titánico de trazar os principais portos de España e Portugal. Fíxoo por encargo de Felipe IV, o Rei Planeta, o último que gobernou conxuntamente os dous países ibéricos. E o seu nivel de detalle, o seu peculiar estilo e a súa perspectiva deron fama á súa obra, a pesar de que estivo perdida durante séculos, ata que foi recuperada nunha biblioteca de Viena.

Mapa da Coruña.

A “Descrición de España e das costas e portos dos seus reinos” foi publicada en 1634 en Anveres e vén ser o Google Earth da Idade Moderna. E, para retratar Galicia, pateou arreo o seu litoral. Sabemos que estivo aquí porque, para realizar a súa obra, iniciou unha viaxe en 1622 en Hondarribia (Guipúscoa) e deu a volta á península Ibérica, legua tras legua, ata rematar na costa mediterránea.

Publicidade

Por desgraza, non se conserva ningún documento sobre o seu periplo nin sobre o seu paso por Galicia. Pero, por fortuna, quédanos a súa obra. A arte de Pedro Teixeira (Lisboa, 1595) víñalle de familia. O seu pai, Luís Teixeira, era tamén xeógrafo e participara nas Descobertas portuguesas. O fillo inclinouse primeiro pola artillería, para pasar a facerse logo experto en fortificacións militares. E, dende a arquitectura e a xeometría, pasou á xeografía.

Teixeira fíxose discípulo de Joao Bautista Lavanha, tamén portugués, que daba clases na Academia Real Mathematica de Madrid. O seu mapa das costas de España e Portugal foi un encargo ao seu mestre, que finalmente tivo que asumir el mesmo. Felipe IV pretendía ter unha descrición precisa dos principais portos do seu reino. E para facelo Teixeira percorreu durante sete anos toda a costa da península Ibérica, entre 1622 e 1629. Logo, investiu outros cinco anos en elaborar o Atlas, que presentou no ano 1634, marabillando ao monarca, quen máis tarde lle encargaría o primeiro gran plano de Madrid, a ” Mantua Carpetanorum sive Matritum Urbs Rexia”, de 1656.

Os mapas eran segredo de Estado e pertencían á colección particular do rei Felipe IV

A “Descrición de España e das costas e portos dos seus reinos” constaba de dous partes: unha meramente cartográfica, e outra literaria, con información sobre historia, poboación e xeografía. Esta parte era a única que se conservaba, ata que apareceron os mapas nuns arquivos en Viena. Algúns cren que estes planos foron roubados polo archiduque Carlos, pretendente ao trono de España na Guerra de Sucesión. Porque, ademais, de ser moi fermosos tamén conteñen información militar moi relevante.

O Atlas consistía en 173 páxinas, con 116 imaxes a toda cor de mapas de España e do mundo, así como os escudos dos seus reinos, provincias e señoríos. Entre as imaxes figuran 11 de Guipúscoa; 5 de Biscaia; 5 de Castela; 9 de León; 19 de Galicia; 21 de Portugal; 16 de Andalucía; 2 de Murcia; 5 de Valencia e 7 de Cataluña.

O Miño e A Guarda.
O Miño e A Guarda.

Un aspecto interesante dos mapas é que imaxinan perspectivas aéreas imposibles para a súa época. En certo sentido, teñen un aire con Google Maps. E, aínda que o deseño semella un chisco infantil, están perfectamente sinalados todos os accidentes xeográficos, como as praias, cabos, penínsulas e lugares de fondeo.

“O Atlas pretendía ofrecer ao rei un coñecemento completo de todo o litoral peninsular sendo, por tanto, un instrumento de defensa moi importante que permitía á monarquía establecer estratexias á hora de resgardarse dos ataques marítimos”, explica o historiador Pablo Cisneros, nunha monografía publicada en 2003.

É interesante saber que o atlas non era unha obra dirixida ao gran público, senón directamente ao rei, xa que “non debía ser coñecida por moitos, sendo para uso practicamente exclusivo da coroa, converténdose nun auténtico tesouro nacional que o estado debía de protexer debido ao seu carácter político, militar e estratéxico”.

Os mapas desapareceron varios séculos e foron atopados de novo en Viena

De Galicia, consérvanse 18 planos, que cobren o litoral da Coruña, Arousa, Baiona, A Guarda, illas Cíes, Camariñas, Betanzos, Ortigueira, Corcubión, Cedeira, Corme e Laxe, Ferrol, Pontevedra, Muros e Noia, Ribadeo, Fisterra, Viveiro e Vigo. O plano xeral da ría de Vigo amosa como vila independente a Bouzas (como é lóxico: o era nesa época) e tamén debuxa Redondela e Cangas, ademais de accidentes como a praia de Rodeira ou Cabo Home.

É así mesmo moi interesante o mapa titulado Illas Cíes, Baiona e Cangas, onde se pode observar o arquipélago vigués en primeiro termo. E tamén é destacado o plano da Guarda, onde aparece tamén reflectida a vila portuguesa de Caminha.

Pedro Teixeira morrería en Madrid en 1662. Tras a nova independencia de Portugal, en 1640, continúa vivindo na Vila e Corte, recoñecido como unha auténtica autoridade e premiado polo rei Felipe IV polos seus brillantes traballos. Entre eles, están estes dezaoito retratos de Galicia, que pronto cumprirán catro séculos.

Aquí podes ver e descargar os mapas de Galicia trazados por Pedro Teixeira,  segundo compilación do profesor da USC Alfredo Vigo Trasancos xunto a Jesús Ángel García e Miguel Taín Guzmán.

2 COMENTÁRIOS

  1. Documento gráfico extraordinario.
    Onde se podería consultar a parte “literaria, con información sobre historia, poboación e xeografía”?
    Obrigado

  2. Estupendos los mapas y el resumen final con todos ellos. Excelente el artículo de Eduardo Rolland. Enhorabuena a a GCiencia, cada vez mejor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204