Galicia estrea a industria do fósforo

A fábrica de Zaragüeta na Coruña foi a máis potente na produción de mistos, un invento clave do século XIX

Caixa de mistos de Zaragüeta fabricados na Coruña.

A industria do fósforo tivo a súa capital na Coruña a través da fábrica de Zaragüeta, a grande industria destinada á produción de mistos en Galicia desde finais do século  XIX. O seu fundador, Enrique  aragüeta, comezara os seus negocios no seu Irún natal, pero a inseguridade das guerras carlistas levárono a instalarse na cidade herculina, onde adquiriu uns terreos en Castiñeiras de Arriba, na zona dos Mallos. En 1871, comezaba a produción de fósforos baixo o nome comercial de ‘La Vasco Galaica’.

Naquel momento, había xa na cidade outras dúas fábricas máis modestas, a de Manuel Docampo e a de Antonio Bescansa, fundada cara a 1840 e situada no Orzán. Esta última estaba na vangarda do seu tempo, xa que a invención do misto seguro foi un labor arduo ao longo de todo o século  XIX.

O principio para prender un misto consiste en alcanzar a temperatura de ignición mediante unha fricción que produce calor e unha reacción de redución-oxidación que inflama o combustible que está situado na cabeza.

Xa na China fabricábanse mistos polo menos desde o século X utilizando o xofre. Pero a historia deste invento cambiou en 1669 cando o químico  Henning  Brandt illou o fósforo. Pouco despois Robert Boyle (o da famosa lei dos gases) impregnou de fósforo un papel e revestiu de xofre un pequeno pau para crear o primeiro prototipo de misto.

Caixa de fósforos Zaragüeta.

A comezos do século XIX, en Francia fixéronse varias demostracións públicas dos primeiros mistos, algunhas das cales usaban  clorato  potásico e remataban provocando perigosas explosións. Pero foi o inglés John  Walker quen ideou en 1827 uns fósforos que se comercializaron como ‘lucifers’, que ademais de producir grandes faíscas desprendían moi mal cheiro.

Máis tarde probouse co fósforo branco, que era moi tóxico e rematou sendo prohibido en toda Europa desde finais do século XIX. Así que o misto moderno, que usa  clorato  potásico e sesquisulfuro de fósforo, en lugar de fósforo puro, atribúese aos químicos franceses Savene e Cahen, que en 1898 perfeccionaron o invento, que finalmente deu paso aos mistos de seguridade, que son os que se popularizaron no século  XX.

Galicia non foi allea a toda esta historia e xa contaba con fábricas de mistos desde o primeiro terzo do século  XIX. Aínda que, sen dúbida, a de Zaragüeta foi a factoría máis importante do país, especialmente desde que en 1892 comezou o monopolio estatal do fósforo polo que o Estado era o propietario dos dereitos e vendía concesións polo prazo de quince anos.

É aquí onde Zaragüeta dispara a súa produción, mentres que en toda España apenas sobrevivían 55 das 87 fábricas existentes. A industria coruñesa daba traballo a un cento de mulleres ao comezo do século  XX, que eran coñecidas popularmente como as ‘misteiras’.

As caixas de Zaragüeta ían decoradas con gravados.

En 1906, un  pavoroso incendio devorou a fábrica de mistos da Coruña, poñendo en perigo a súa continuidade. “O  voraz incendio levou a miseria a cen honrados e modestos fogares, alimentados ata hoxe por reducidos, pero ben administrados xornais”, explicaba o diario La Voz de Galicia na crónica do día seguinte.

Pero unha industria nada para o lume, conseguiu tamén sobrevivir ao lume. E, tras as obras de restauración, apenas uns meses máis tarde, en decembro do mesmo ano, volvía ao traballo, aínda que non recuperaría a plena produción ata mediados de 1907.

De feito, tras aquel pavoroso incendio, a gran fábrica galega de mistos aumentou a súa produción ata límites antes non acadados, aproveitando o tirón dun produto que vivía a súa idade de ouro no primeiro terzo do século  XX. En 1929, o historiador Juan Carmona  Badía calcula que a factoría daba traballo a 350 operarios, na súa meirande parte mulleres. Neste sentido, do mesmo xeito que sucedeu coas fábricas de conservas de peixe, esta industria contribuíu á emancipación da muller en Galicia a través do traballo asalariado.

“Os mistos levaban a marca La Torre”, explica a historiadora da UDC Elvira Lindoso Tato, que destaca que o capital da empresa, que se achegaba ás cen mil pesetas, permitiu á fábrica resistir ao monopolio estatal.

Durante décadas, Zaragüeta atravesou por diversas crises, sobre todo pola falta de materias primas, especialmente nas dúas guerras mundiais e durante a Guerra Civil. Porque presicaba uns materiais químicos que non eran sempre de doado acceso, xa que os seus mistos levaban  clorato  potásico, cola,  estearina, vidro moído, algodón e resina. De feito, algúns destes produtos básicos podían ser moi perigosos, polo que por exemplo o fósforo vivo chegaba desde Inglaterra, recuberto de auga e envasado en cilindros de ferro galvanizado.

A mediados dos anos 50 do século XX, pechaba a fábrica de  Zaragüeta na Coruña, a gran industria do lume común en Galicia. Comezaba a avanzar, lenta pero implacable, a tecnoloxía do chisqueiro e o seu gas. Pero queda para o recordo aquela primeira industria do misto como pequeno milagre da química.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.