Sábado 20 Abril 2024

Galicia en 1583 no ‘Espello de Mariños’ de Waghenaer

O notable cartógrafo holandés debuxou un dos máis fermosos mapas das costas galegas a mediados do século XVI

É unha obra de arte que retrata a costa de Galicia no século  XVI, trazada por un dos máis grandes  cartógrafos da historia: o holandés Lucas Janszoon Waghenaer. No ano 1583, saía á luz o primeiro dos seus volumes de mapas baixo o título conxunto de “Spieghel  der  Zeevaerdt van de nauigatie der Westersche Zee”, que se traduce como “Espello de mariños para a navegación do mar occidental”. Trátase das cartas das costas europeas que se converteron no primeiro atlas marítimo impreso, unha obra que colleitou un éxito sen precedentes na súa época.

O “Espello de mariños” saíu da imprenta de dous gravadores  neerlandeses: Joannes e Baptista van Doetichum. E o seu traballo acadou unha circulación enorme, mesmo con traducións a outras linguas como o francés e o inglés, ademais do orixinal en latín e holandés. Ademais, co paso dos anos Waghenaer foi engadindo novas cartas, ata a súa última edición en 1609.

Publicidade

As cartas náuticas do cartógrafo holandés son as primeiras que amosan cifras de sonda, expresadas en brazas con valores de marea media. Outra das súas innovacións é empregar signos convencionais para indicar fondeadoiros, referencias en terra, baixos ou rochas. Como valor engadido, algunhas versións están  coloreadas a man, dando ao conxunto maior beleza. Estas cartas, no estilo dos ‘portulanos’ que se popularizaron nos albores da Idade Moderna, foron de grande utilidade para a navegación de cabotaxe, permitindo unha singradura costeira seguindo os principais accidentes xeográficos á vista do temoneiro.

Unha parte do fermoso mapa da costa de Portugal.

A costa de Galicia está perfectamente trazada na obra de Waghenaer. Dunha banda temos un espectacular mapa das Rías Baixas, desde o cabo Fisterra ata a desembocadura do Miño. O gravado está coloreado a man e trazado a escala 1: 400.000. Entre os seus accidentes máis salientables está o cabo Fisterra, ao que seguen as rías de Muros e Noia, co promontorio de Monte Louro moi destacado. Na ría de Arousa, o cartógrafo sinala a vila de Cambados, mentres que na de Pontevedra vemos debuxada a illa de Tambo. Tamén aparece sinalada a illa de Sálvora e as illas Cíes, que aparecen  rotuladas coa súa denominación antiga de ‘Illas de Baiona’. Na ría viguesa, destácanse Vigo, Redondela e Baiona, xunto a Cangas na beira oposta.

Finalmente, na desembocadura do Miño o cartógrafo confunde ambas as beiras, situando Caminha na costa española e o monte Trega na costa lusa. Tamén aparece destacada a vila de Valença.

O gráfico contén tres perfís costeiros e está decorado cun barco e unha criatura mariña. As escalas de barra están en ligas inglesas, españolas e holandesas. E este exemplar, conservado polo  National  Maritime  Museum de Greenwich, atópase encadernado dentro dun libro encargado por Lord Howard de Effingham, quen ademais ordenou traducir a obra de  Waghenaer.

Doutra parte, temos un mapa que representa a costa no golfo Ártabro, co cabo Ortegal, A Coruña, Malpica, Cabo Prior ou as Sisargas.

Lucas  Janszoon  Waghenaer (1534 – 1606) foi unha figura notable da Idade de Ouro da cartografía holandesa, coñecido polas súas contribucións pioneiras no tema da cartografía náutica. Cando contaba 16 anos, comezou a embarcarse en buques mercantes e navegou durante 29 anos, ata 1579, en singraduras por toda Europa nas que mantivo contacto con mariños do que hoxe serían portugueses, españois e italianos. Tamén coñeceu as cartas náuticas da súa época.

A súa primeira publicación, Spieghel  der zeevaerdt (“Espello do mariñeiro”), apareceu en 1584. Este libro combinaba un atlas de cartas náuticas e direccións de navegación nas augas costeiras occidentais e noroccidentais de Europa. Foi o primeiro deste tipo na historia da cartografía náutica e foi un éxito inmediato. Unha segunda parte publicouse ao ano seguinte, foi reimpresa varias veces e traduciuse ao inglés, alemán, latín e francés. En 1592 , publicouse o seu segundo libro piloto,  Thresoor  der  zeevaert (“Tesouro da navegación”). A súa terceira e última publicación foi lanzada en 1598.

Os mapas de Waghenaer están considerados unha obra cume da cartografía náutica, con indubidable influencia posterior. Galicia e a súa costa aparecen trazados nestes atlas, cuxa beleza vai camiño de acumular cinco séculos de historia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204