A investigadora Lúa García é a autora da tradución da novela
A investigadora Lúa García é a autora da tradución da novela "As aventuras de Mikołaj Doświadczyński".

Publican en galego a considerada como primeira novela polaca

A investigadora Lúa García traduce “As aventuras de Mikołaj Doświadczyński”, da que non existe versión en castelán nin en portugués

En 1776, o escritor polaco Ignacy Krasicki publicou Mikołaja Doświadczyńskiego przypadki, a considerada como a primeira novela escrita na lingua polaca. É por tanto, unha obra crucial para unha lingua que hoxe falan máis de 40 millóns de persoas en Polonia. Porén, non existe aínda tradución en castelán ou portugués. Pero o galego adiantouse aos seus idiomas veciños grazas ao traballo de Lúa García, investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela, graduada en Filoloxía Clásica e Lingua e Literatura españolas, e á editorial Rinoceronte, de Cangas, que publicaron este mes de xullo As aventuras de Mikołaj Doświadczyński. 

A obra narra as aventuras de Mikołaj, un nobre polaco de apelido Doświadczyński, que significa ‘sabio’ ou ‘experimentado’, e que lembra a súa vida en primeira persoa cunha clara intención didáctica. Entre estas peripecias destaca a súa estadía en Nipu, unha illa ficticia na que Ignacy Krasicki sitúa unha utopía política que emprega como contrapunto para satirizar a sociedade europea da época. 

A idea desta tradución, segundo explica a súa autora, ten orixe nunha estancia Erasmus na cidade polaca de Poznan, no curso 2013-2014, o que lle permitiu mergullarse na sociedade do país. Tempo despois, segundo explica Lúa García, “grazas á profesora da área de Filoloxía grega Teresa Amado, quen me falou deste marabilloso grupo de tradutores, entrei a formar parte de Vétera en 2017 e neste contexto xurde a idea, por parte de Raúl Gómez Pato, director da colección, de dar cabida a literaturas e linguas pouco representadas no mundo editorial en galego e proponme traducir esta novela polaca”.

Tal e como explica a propia Lúa García, “o protagonista remóntase á súa infancia e censura a educación que recibiu, contaminada por demasiadas supersticións, cuxas pegadas percibe aínda na idade adulta e contra o que ten que loitar como home ilustrado”. A medida que avanza a obra, que se divide en tres libros, Mikołaj aprende a comportarse como un bo cidadán.

O traballo de García vai tamén acompañado dunha introdución e notas explicativas para contextualizar a novela. A tradución intégrase na colección Vétera de Rinoceronte Editora, dirixida por Moisés Barcia e con sede en Cangas, como novidade de xullo, xunto con Vivir na fin do mundo de Christina Lilliestierna, traducido do sueco por Marta Dahlgren e Camiño Noia, na colección Nova da mesma editorial. 

Como indican na súa páxina web, Rinoceronte “é a primeira editorial especializada na publicación de obras traducidas ó galego. Naceu en Cangas do Morrazo no ano 2005 coa intención de importar para a nosa lingua literatura estranxeira, fundamentalmente recente, e en especial de ámbitos culturais e lingüísticos inéditos en galego”. Acolle, sobre todo, obras anteriores ao ano 1800, e especialmente literatura clásica e medieval.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.