Xoves 18 Abril 2024

O galego que inventou o Tecnefón: a máquina que falaba

Non era o Siri nin o Cortana. Pero emitía sons que imitaban a voz humana. Porque a  voz artificial é hoxe tan común que mesmo resulta molesta. Abusan dela por teléfono os servizos de atención ao cliente. Acompáñanos de viaxe cando activamos o GPS. E ata é a forma de comunicarse que emprega o científico Stephen Hawking. Pero, hai un século e medio, un sintetizador de voz era un soño inalcanzable. Con todo, conseguiu crealo un galego de Cotobade, Severino Pérez Vázquez, que patentou o Tecnefón, unha especie de piano de parede que, por un sistema de teclas e foles, falaba.

O Tecnefón non construía grandes frases, pero funcionaba. Presentado entre aplausos en Madrid, somentes a burocracia impediu o triunfo de tan orixinal invento. Severino Pérez naceu en Cotobade en 1840 e ao longo da súa vida foi músico, enxeñeiro acústico, inventor, profesor, xornalista e político. Licenciado en Letras pola Universidade de Santiago, xa asombrou en 1858, con só 18 anos, ao presentar a súa primeira creación na Exposición Agrícola, Industrial e Artística de Galicia. Tratábase do malvis, un piano harmónico.

Publicidade

Rematada a carreira de Letras, o inventor desprázase a Madrid, onde se emprega como colaborador da Gaceta e profesor no colexio de Carabanchel Alto. E, ao pouco de instalarse na capital, onde presenta o seu gran invento: o Tecnefón.

Severino Pérez descríbenos a súa creación nunha memoria escrita en 1865 e presentada ante o Ministerio de Fomento, con obxecto de pedir unha subvención para as súas investigacións. A máquina era unha caixa de madeira con forma de piano de parede. Un teclado permitía transmitir ao Tecnefón o texto para pronunciar. No interior da caixa, situábase o chamado nexo oral, un sistema de foles e tubos con membranas que reproducían os fonemas, xunto cun aparello chamado modulador, que facilitaba a entoación, con tres variantes: enunciativa, exclamativa e interrogativa.

A investigadora Elena Battaner, da Universidade Rey Juan Carlos, publicou unha extensa monografía sobre o Tecnefón, na que conclúe que a máquina foi “a primeira incursión española na síntese de voz, aínda que poida parecer temperá tal denominación”. Co seu propio enxeño, Severino Pérez buscou a fórmula para que o aparello pronunciase palabras, seguindo así a liña que en Europa se iniciara no século XVIII coa larinxe artificial de Wolfgang von Kempelen (1734-1804). A orixinalidade do creador galego é que non tenta reproducir os órganos humanos para a fala, senón que imita a voz a través de membranas e foles.

O Tecnefón foi moi aplaudido no Ateneo e na Sociedad Económica Matritense

Con todo, o Tecnefón nunca pasou da fase de desenvolvemento. Cando Pérez fixo as súas primeiras demostracións, conseguía reproducir tres vocais e un puñado de consonantes. Na súa estrea no Ateneo e na Sociedad Económica Matritense, o aparello pronunciou frases como “Safo amaba”, “amasaba pan” e “amaba su fama”. Como vemos, faltáballe variedade. Aínda que xa podía xerar entoacións, o que demostrou coa frase “Safo usaba sofá?”.Habituados hoxe ás voces sintéticas, o repertorio non é para entusiasmarse. Pero si logrou convencer aos cidadáns da súa época, aparecendo reportaxes nos principais xornais e revistas, mentres o Colexio de Sordomudos de Madrid publicaba textos laudatorios, vendo no Tecnefón unha oportunidade para comunicarse.

“O tecnefón pronuncia con moitísima claridade gran número de palabras e fala en sentido interrogativo, afirmativo e admirativo, o que constitúe o maior eloxio que puidésemos facer do Señor Pérez”, escribe esta asociación.

Pero Severino Pérez non terá o mesmo éxito coa administración e coa comunidade científica. O Ministerio de Fomento prestou escasa atención ao Tecnefón, aínda que se lle concedeu unha subvención para desenvolver o seu invento. Con todo, o verdadeiro obstáculo chegou coa Real Academia de Ciencias, que fixo un informe demoledor sobre o aparello, non xulgando o seu funcionamento, senón criticando a Pérez por non ter estudos de anatomía e de fisioloxía comparadas, o que na opinión dos académicos é imprescindible para crear unha máquina dedicada a reproducir a voz humana.

O Ateneo de Madrid, a finais do XIX.

A investigadora Elena Battaner censura este ditame, que considera “corporativista”. Parecía que os académicos desprezaban un invento non pola súa propia bondade intrínseca senón porque o inventor non viña do mundo científico convencional. Perdoándolle a vida a Severino Pérez, o informe académico conclúe con estas despectivas frases: “Cren algúns que nas ciencias físicas se puideron facer descubrimentos importantes debidos á casualidade e ao empirismo, e que talvez o tecnofón de Severino Pérez sexa un exemplo patente de tal aserto. Pero se algunhas veces a Sabedoría Suprema concede ao home certo tino con que chega a albiscar os efectos de causas que non coñece, e a executar certas operacións para realizar o fin que se propuxo, tamén é indubidable que o home empírico sen as luces e auxilios da ciencia non pode traspasar estreitos límites”.

É interesante comprobar que a Real Academia non se molesta nin en chamar polo seu nome ao invento: refírense a el como Tecnofón. E o propio Pérez lémbralles nun carta posterior que o bautizou Tecnefón e non Tecnofón.

Decepcionado polo escaso apoio, o inventor galego chegará a escribir: “Se con todos estes datos hai alguén que queira construír o Tecnefón, cédolle gustosísimo o meu posto, e aínda o banco da paciencia na que verifico os meus proxectos”. Como afirma Elena Battaner, esta historia “posúe todas as características do que significa a investigación en España: burocracia, incomprensión académica e falta de orzamento. Por suposto, estas foron as circunstancias que marcaron o devir desta máquina parlante e do seu entusiasta inventor”.

Severino Pérez regresaría a Galicia para afincarse na cidade de Pontevedra, onde faleceu no ano 1915. Aínda tería tempo de presentar outro invento, a vocalina, un instrumento musical mixto entre frauta e ocarina e accionado por un fol. No Museo de Pontevedra consérvase un exemplar desta postremeira creación do pioneiro galego da voz sintética.

1 comentario

  1. Ola! Son editor habitual da Wikipedia. Quería subir o gravado do Tecnefón ao repositorio de imaxes para a Wiki para incluíla no artigo sobre Severino Pérez Vázquez, pero precisaba saber a orixe da imaxe. Poderiades indicar en que publicación apareceu?

    Un saúdo!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cerco dos aeroxeradores nubra o ceo nos observatorios de Forcarei e Cotobade

O impacto dos muíños eólicos proxectados na zona compromete o futuro de dous dos escasos centros existentes en Galicia

“Podería haber máis sismos do norte ao sur de Galicia”

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní sinala que hai "unha liberación importante en canto á tensión acumulada" na zona de Ponte Caldelas

Máis de 30 terremotos en Pontevedra nun enxame sísmico

Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade foron o epicentro de sismos que superaron na maioría dos casos a magnitude 2

Adega denuncia ante o TSXG as batidas de lobo autorizadas pola Xunta

Consideran que os permisos concedidos non se axustan á legalidade do Plan de xestión do lobo