Venres 29 Marzo 2024

Descobren que un galego inventou as pinzas dos tirantes grazas a unha foto familiar

Ás veces, as grandes historias fican agochadas nunha gabeta agardando a que alguén as faga saír á luz. Manuel Rodríguez-Arijón Pallas, como tantos outros galegos anónimos, deixou a súa terra natal, Carballo, e emigrou a Estados Unidos con só 16 anos. Como tantos outros, buscou e rebuscou para gañarse a vida, e imaxinación non lle faltaba.

Páxina da patente na que se amosa o esquema de funcionamento do invento. Fonte: Phottic / Carballo na memoria.
Páxina da patente na que se amosa o esquema de funcionamento do invento. Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

A súa historia seguiría no esquecemento, anónima como tantas outras, se non fose porque, moitos decenios despois, o proxecto Carballo na Memoria, impulsado por este concello e a plataforma Phottic, que compila o patrimonio fotográfico desta vila galega, atopouse cun descendente de Manuel. Foi durante un traballo de recollida de imaxes que están realizando polas parroquias do municipio. Os responsables de Phottic non deron crédito ao que tiñan entre as mans: entre as imaxes aportadas polo descendente de Rodríguez-Arijón había unha patente das pinzas dos tirantes, datada en 1938 en New York. Foi a confirmación da solicitude que realizara dous anos antes, en 1936.

Publicidade

Sóubose, grazas a este encontro, que Manuel chegou primeiro a Tampa (Florida) onde foi retratado, elegante, na imaxe que figura baixo estas liñas, cun feixe de billetes. Envioulla á súa familia galega, como síntoma de que as cousas ían ben. Viaxou despois a New York. Alí inventou e patentou os ‘clips’ dos tirantes, e posteriormente, rexentou un negocio no que fabricaba e vendía o seu propio invento.

Rodríguez-Arijón, retratado en Tampa (Florida). Fonte: Phottic / Carballo na memoria.
Rodríguez-Arijón, retratado en Tampa (Florida). Fonte: Phottic / Carballo na memoria.

O mecanismo de suxeición dos tirantes foise perfeccionando desde o século XIX, pero ata o enxeño creado por este galego, eran sostidos normalmente con botóns ou corchetes. No documento da patente, o propio Rodríguez-Arijón expón, durante catro páxinas, o mecanismo de funcionamento, con gráficos e unha longa descrición de texto.

A idea deste carballés tivo unha grande acollida en New York, segundo contan os seus descendentes, e o seu éxito propiciu que o convidaran a ser membro do “Chartered Institute of American Inventors” que daquela era unha das asociacións de inventores máis prestixiosas do mundo.

Este curioso achado foi posible grazas ao traballo de compilación de fotografías que Phottic comezou a realizar recentemente nas parroquias do Concello de Carballo, onde xa hai publicadas na web milleiros de fotografías de todas as épocas que reflicten a vida dos veciños do municipio. Phottic impulsou tamén proxectos semellantes noutros concellos galegos e con clubes deportivos como o Deportivo da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un carballo galego, no podio do concurso ‘Árbore do ano en España’

Está situado en Pontevedra e consegue o terceiro posto, por detrás detrás dunha aciñeira cántabra e dun plataneiro valenciano

Morder a lingua… e comulgar con rodas de muíño

A posverdade e a corrección política son dous termos que naceron nas universidades estadounidenses e que representan dous síntomas da nosa “sociedade líquida”

Tres investigadores da USC realizarán estadías en EEUU grazas ás bolsas Fulbright

Carlos Ferrás Sexto, José Manuel Miranda López e Alberto Ruano Raviña participan nun programa de intercambio científico con máis de setenta anos de historia

Falece o primeiro paciente en recibir un corazón de porco

O hospital continúa investigando para coñecer a causa do pasamento, aínda que tamén recoñece os episodios infecciosos que atravesaba David Bennet