Eduardo Méndez Quintas, na garganta de Olduvai, en Tanzania, outro dos xacementos nos que traballa.
Eduardo Méndez Quintas, na garganta de Olduvai, en Tanzania, outro dos xacementos nos que traballa.

Un galego lidera en Etiopía un estudo nun xacemento clave do Plistoceno Inferior

O arqueólogo Eduardo Méndez Quintas dirixe un traballo sobre a distribucións dos restos en Melka Kunture, na bacía do río Awash

Na bacía do río Awash, que cruza Etiopía desde o sur da capital, Adís Adeba, ata a fronteira con Djibuti, localízanse algúns dos restos de homininos máis interesantes para o estudo da orixe humana. Por exemplo, á beira destas augas atopáronse, no ano 1974, os célebres restos de Lucy, unha femia da especie Australopithecus afarensis, de arredor de tres millóns de anos de antigüidade, e que está considerada como unha das máis valiosas pezas de investigación para a evolución. Río arriba, non lonxe de Adís Adeba, está Melka Kunture, outro xacemento de grande relevancia, aínda que máis recente, xa que se enmarca no Pleistoceno Inferior.

E alí desenvolve unha interesante investigación Eduardo Méndez Quintas, un arqueólogo galego adscrito ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, e responsable tamén de escavacións de grande interese en Galicia, como os xacementos de Porto Maior (As Neves), O Cabrón (Arbo) e Gándaras de Budiño (Porriño). O lugar, destaca o científico, “é unhas das grandes secuencias do Rift africano, fundamental para entender a evolución humana do últimos 1,5 millóns de anos”. E nel baséase un artigo que se acaba de publicar no Journal of Archaeological Science, e cuxo autor principal é Eduardo.

O traballo, que se enmarca nun estudo amplo sobre o sitio de Gombore II, dentro de Melka Kunture, e datado en arredor de 850.000 anos antes de agora, aborda, segundo explica Méndez Quintas, “o estudo dos patróns de formación dos xacementos, tanto no referente aos restos humanos como as ferramentas que se atopan neles. Cando atopamos restos deste tipo, en moitos casos non temos a certeza de que se depositaran ambos elementos no mesmo tempo, ou se pola contra foron procesos posteriores e alleos ao ser humano (movementos tectónicos, resedimentación, etc.) o que fixo que acabasen xuntos”.

Xacemento de Gombore II, no enclave de Melka Kunture, en Etiopía, onde traballa Eduardo Méndez.
Xacemento de Gombore II, no enclave de Melka Kunture, en Etiopía, onde traballa Eduardo Méndez.

A investigación busca diferenciar os restos arqueolóxicos dos que se corresponden a procesos de erosión e sedimentación de orixe natural

Tal e como explica o arqueólogo galego, os restos prehistóricos desta zona de Etiopía aparecen inseridos nunha longa secuencia estratigráfica de máis de 50 metros da formación sedimentaria de Melka Kunture. Nel atopáronse, por exemplo, restos de mamíferos, artefactos da chamada industria acheulense e fragmentos fósiles de homininos, que poderían pertencer á Homo heidelbergensis. Son os movementos tectónicos e a erosión os que os fan aflorar aos ollos actuais.

Porén, tal e como expoñen no artigo Eduardo Méndez e o resto de compañeiros que traballaron en Etiopía, investigadores de universidades como a Sapienza (Roma), Ferrara, Cagliari, Rovira i Virgili ou o Cenieh de Burgos, existen métodos xeoarqueolóxicos e xeoestatísticos que permiten determinar se estes conxuntos se conservan máis ou menos na súa situación orixinal ou, se pola contra, aparecen como produto dunha mestura heteroxénea formada por procesos erosivos e sedimentarios. “Podemos chegar a deducir se hai relación espacial e concomitancias nas fábricas sedimentarias entre os restos de animais e as ferramentas de pedra, e se son distintos aos cantos naturais do río”.

Neste caso, os resultados apuntan a que “existen diferenzas substanciais nas características xeoarqueolóxicas e os patróns espaciais entre o rexistro arqueolóxico (ferramentas de pedra e restos de fauna) e os clastos naturais, tanto os pertencentes ao xacemento como do leito do río actual”, expoñen. Con isto suxiren “diferentes procesos de deposición ou eventos temporais”, polo que se chega á conclusión de que “os restos producidos polos homínidos non se acumularon ao chou despois dunha extensa erosión e re-sedimentación”, senón que, pola contra, “conservan un grao razonable de integridade tafonómica e espacial e son posiblemente representativos de diferentes actividades”, conclúen.

O traballo de Melka Kunture en Etiopía, onde Méndez Quintas volverá a partir de outubro, coincidindo coa estación seca na rexión, é un dos proxectos nos que o GEAAT do campus de Ourense traballa en África. O outro é o de Olduvai, en Tanzania, outro dos xacementos que se considera como un dos berces do estudo dos primeiros homínidos. “A nosa idea é que no futuro poidamos levar a máis investigadores desde Galicia para estudar estes lugares”, expón Eduardo Méndez.

Referencia: Gombore II (Melka Kunture, Ethiopia): A new approach to formation processes and spatial patterns of an Early Pleistocene Acheulean site (Publicado en Journal of Archaeological Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.