Sábado 20 Abril 2024

Francisca Herrera: a primeira académica galega

A escritora, veciña e amiga de Rosalía de Castro, foi homenaxeada no Día das Letras Galegas de 1987, nun desagravio á súa figura

O 4 de marzo de 1945, era nomeada por primeira vez unha muller para o seu ingreso na Real Academia Galega. Nada na Coruña en 1869 e falecida o 4 de novembro de 1950, Francisca Herrera Garrido foi unha escritora senlleira, quen en 1987 foi homenaxeada no Día das Letras Galegas. O ano 1945 poida semellar bastante serodio para a primeira galega académica, pero hai que lembrar que en Francia, por exemplo, a primeira escritora en ingresar na Academia Francesa foi Marguerite Yourcenar en 1980. Malia todo, a realidade é que Francisca Herrera Garrido non puido exercer o seu nomeamento, ao ser vítima dun escandaloso retraso no proceso de ingreso, que só pode ser explicado se non foi casual senón deliberado.

O Día das Letras Galegas fixo xustiza coas circunstancias do seu nomeamento como membro numerario da RAG, que se rexistrou o 4 de marzo de 1945, pero unha sucesión de despropósitos fixo que xamais puidera tomar posesión efectiva do seu cargo. Primeiro, foi nomeada dous anos despois do pasamento de Lisardo Rodríguez Barreiro, que morrera en 1943 e cuxa praza tiña que ocupar.

Publicidade

Francisca Herrera.

Pero nunca chegou a ler o seu discurso de ingreso, sobre Rosalía e os poetas da raza, polo atraso inexplicable do presidente da Academia en mandarllo ao académico Antonio Couceiro Freijomil, para que redactase a resposta, e a demora deste para entregala na Academia, cousa que non fixo ata o 28 de febreiro de 1949. Dous anos estiveron cada un dos homes para sumar catro anos sen que puidese ler o seu discurso. Francisca Herrera morreu á espera dun acto de ingreso que nunca chegou.

Herrera Garrido foi veciña, alumna e amiga de Rosalía de Castro. E o seu estilo literario seguiu o modelo rosaliano. Escribiu case toda a súa obra en galego así como algunhas novelas en castelán (PepiñaRéproba e Familia de lobos) e a súa temática céntrase no ruralismo, a muller como nai, e a renuncia feminina. A súa obra amosa unha gran riqueza lingüística, cun galego rico e coidado.

 

A RAG dedicoulle este texto no seu portal que retrata ás figuras do Día das Letras Galegas:

Nada na Rúa do Príncipe da cidade da Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada na mesma cidade o 5 de novembro de 1950, foi unha escritora fundamental nas nosas letras e a primeira muller escollida membro de número da Real Academia Galega.

Filla do arrendador Manuel Herrera Hernández e de Josefa Garrido Matos, filla esta de Andrés Garrido, un famoso banqueiro local, Francisca Herrera Garrido naceu no seo dunha familia da burguesía acomodada. Sendo a menor de cinco irmáns, pasou unha infancia de atencións e coidados na Coruña. No entanto, coa morte da nai en 1909 e sendo recente morte do mozo por mor da tuberculose, marchou a Madrid en agosto dese mesmo ano e alí viviu coa maior das súas irmás. Mentres residiu na capital española, regresou a Oleiros polo verán e o Nadal, pois non foi ata a chegada da Guerra Civil cando as dúas irmás regresaron definitivamente á Coruña.

Na súa feliz infancia foi educada en principios tradicionais e nunha viva fe relixiosa. Por outra parte, a súa formación intelectual foi a propia dunha muller do seu medio e do seu tempo, agás no que atinxe ao seu excepcional e temperán gusto pola literatura, onde a obra de Rosalía funcionou como lectura de cabeceira. A súa actividade literaria comeza, porén, xa cumpridos os corenta anos, cando en 1913 publica, en Madrid, Sorrisas e bágoas, unha obra inspirada no ambiente rural de Oleiros, onde pasa os veráns. Entre 1913 e 1925 escribiu e publicou as súas obras en lingua galega, mentres dalgunha maneira se relacionaba cos intelectuais e escritores galeguistas da época. Aínda que Francisca Herrera pasaba os invernos en Madrid e, polo tanto, non podía asistir con asiduidade ao famoso faladoiro coruñés da Cova Céltica, ou a outros encontros para o debate e o intercambio de ideas entre os intelectuais da altura, debemos supoñer que non só non estaba á marxe do medio literario galego, senón que gardaba contacto con el. Así se explica que o seu segundo libro, Almas de muller… ¡Volallas n’a luz!, leve un limiar de Manuel Murguía, que ela mesma prologue unha edición de Cantares Gallegos, de Rosalía, ou que dúas novelas da súa autoría fosen publicadas nas editoriais Lar e Céltiga.

Coa Guerra Civil comezaron as dificultades na vida, ata o momento relaxada, da nosa autora. Francisca e a súa irmá maior Queta abandonaran Madrid fuxindo da tensión e dos perigos da guerra, pero, no seu regreso a Coruña, coidaban retornar á capital española nun futuro próximo, calculando que aquelas revoltas eran só eventuais. Deixaron, polo tanto, en Madrid bens persoais e todo o seu capital nos bancos. Cando, pasados tres invernos en Oleiros, volven a Madrid coa intención de recuperar as súas pertenzas, xa non restaba nada do que era seu, tendo que mudar radicalmente o seu nivel de vida. Así, pasada a guerra, comezaron a vivir moi modestamente grazas á axuda que Josefa, a criada de toda a vida, lles ofreceu.

O 4 de marzo de 1945 a Real Academia Galega escolleu a Francisca Herrera Garrido membro numerario. Malia que a todos os efectos a escritora foi membro de número da corporación, a súa morte no ano 1950 aconteceu antes de que se celabrase o solemne do seu ingreso, no que daría lectura ao seu discurso sobre Rosalía de Castro, con resposta de Antonio Couceiro Freijomil.

Martes d’Antroido, de Francisca Herrera.

Na obra de Francisca Herrera transloce unha ideoloxía conservadora e relixiosa cando manifesta a súa convicción de a muller estar destinada ao amor incondicional, xustificando toda renuncia e sacrificio e considerando a relación materno-filial un paradigma das relacións que debe establecer a muller. A súa obra, maioritariamente escrita en galego, encóntrase espallada en diversas publicacións periódicas coma El Eco de Galicia, Cultura Gallega, Galicia, Alma Gallega, Nós, ou mesmo A. C. G., a revista do Auto-Aero Club de Galicia, onde fai visibles poemas, inéditos ou xa publicados, ensaios e recensións. As súas publicacións exentas, tamén abondosas, recollen poesía e narrativa,cando a narrativa en lingua galega constituía un xénero de escasa tradición, carente, xa que logo, de obras que puidesen servirlle de modelo lingüístico ou estrutural.

O seu arquivo, no que se poden consultar documentos privados e manuscritos, encóntrase no Museo de Pontevedra. Finalmente, a súa traxectoria comezou a recoñecerse ao serlle dedicado o Día das Letras Galegas do ano 1987.

No Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega podes atopar a biografía de Francisca Herrera feita por Dolores Vilavedra

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro