Sábado 20 Abril 2024

Un estudo atopa gran diversidade xenética na lepra que asolou a Europa medieval

Grupos de investigación de nove países analizaron o xenoma dunha das bacterias causantes da lepra (Mycobacterium leprae), presente en dezasete esqueletos medievais procedentes de Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Hungría, República Checa e Italia. Os seus resultados, recentemente publicados na revista PloS Pathogens, revelan que das oito cepas desta bacteria coñecidas a nivel mundial, catro delas xa estaban presentes en Europa entre os séculos V e XIV. De feito, en Dinamarca e Hungría atopouse a cepa máis ancestral que, actualmente, causa lepra no sureste asiático.

Asemade, a cepa máis prevalente nos esqueletos daneses, tamén presente nos do Reino Unido, atópase agora únicamente en América. O artigo expón as dúas hipóteses, aínda en debate, que poderían explicar a alta diversidade xenética da lepra na Europa medieval. A lepra puido orixinarse na Eurasia occidental expandíndose desde alí ao resto do mundo ou ben distintas cepas de M.leprae chegaron a Europa procedentes doutras rexións do planeta antes ou durante a Idade Media.

Publicidade

Hai dúas hipóteses sobre a orixe das cepas: que puideran orixinarse en Eurasia ou que chegara desde outras rexións

O feito de que a meirande parte das cepas bacterianas atopadas na Europa medieval sexan ancestrais ás cepas modernas apoia a primeira hipótese. Por contra, que a cepa máis ancestral que se coñece estea presente nos nosos días no sureste asiático semella apoiar a segunda hipótese. Ata que non se analicen datos xenómicos antigos para rexións clave de África e Asia non se poderá dilucidar cal destas dúas hipóteses é correcta.

Os cranios da ilustración representan cepas de M. leprae procedentes de restos osteolóxicos da Idade Media. Os cranios contornados en negro representan os xenomas de M. leprae obtidos neste traballo de 2018. Os cranios grises corresponden a mostras que non produciron datos con calidade abonda para seren analizados.

"Modificado de Schuenemann e colaboradores (2018), baixo licenza Creative Commons".
“Modificado de Schuenemann e colaboradores (2018), baixo licenza Creative Commons”.

Os cranios contornados en azul representan xenomas secuenciados noutros traballos pero analizados conxuntamente neste. As principais liñaxes de M. leprae aparecen representadas por distintas cores. As siluetas humanas representan a distribución xeográfica das cepas modernas. O tamaño das siluetas representa o número de xenomas de M. leprae analizados nesa rexión (desde 1 na India ata 36 en América do Sur). As siluetas de animais representan as cepas de M. leprae atopadas no esquío, armadillo e tres especies de primate.

Reservorios e características das cepas bacterianas

Os resultados deste traballo confirmaron a hipótese de que os esquíos (Sciurus vulgaris), que tamén poden sufrir esta doenza, presentan actualmente a devandita cepa de M.leprae que xa estaba infectando aos humanos do Reino Unido e Dinamarca entre os séculos V e XIV. A infección de persoas por contacto con esquíos era factible, tendo en conta a súa gran importancia na época medieval como especie cinexética. Dos esquíos aproveitábase a carne e maila pel, ademáis de utilizarse como animal de compañía.

O traballo confirma que os esquíos infectaron de lepra a humanos entre os séculos V e XIV

Porén, outros mamíferos poden actuar como reservorio desta bacteria: chimpancés (Pan troglodytes) en África, macacos (Macaca sp.) en África e Asia e unha especie de armadillo (Dasypus novemcinctus) en América. Malia que estes animais non manteñan un contacto frecuente cos humanos, é posible que se puidesen infectar mutuamente en casos illados.

M. leprae non é o único microorganismo que produce a lepra. Un grupo de investigación da Universidade de Texas describiu en 2008 unha lepra endémica de México e Costa Rica causada pola bacteria Mycobacterium lepromatosis. De feito, xa se teñen atopado armadillos e esquíos infectados con M. lepromatosis. Porén, polo momento non se atopou ningún caso de co-infección das dúas bacterias nun mesmo individuo. M. leprae e M. lepromatosis evolucionaron a partir dun antepasado común de hai 14 millóns de anos. Os seus xenomas son practicamente iguais en tamaño e organización do contido xénico, sendo a súa identidade na secuencia de ADN dun 88%.

A historia da lepra

A lepra tivo unha alta prevalencia na Europa medieval, sobre todo nos séculos XII-XIV, para logo desaparecer do noso continente no século XVI. Isto debeuse a varias causas: unha maior hixiene e a selección natural. O crecemento das cidades unido á elevada mortalidade provocada pola tuberculose e a peste provocaron que gran parte da poboación urbana que sobreviviu a ese periodo herdase variantes xenéticas que tamén confiren inmunidade á lepra.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os mecanismos exactos de transmisión da lepra aínda non se coñecen totalmente. Ademáis do contaxio por contacto coas secrecións corporais de persoas enfermas ou con outros mamíferos infectados polas bacterias causantes, aínda non se pode descartar a transmisión mediante picaduras de insectos. Actualmente detéctanse 200.000 novos casos cada ano, principalmente na India, Indonesia e Brasil. En 2015 algúns deles diagnosticáronse en Alemania, Reino Unido e España. De feito, un dos oito novos casos de lepra detectados en España no ano 2017 corresponde a un varón residente en Galicia aínda que contaxiado noutro país.

A lepra en Galicia

Pouco se sabe da historia da lepra na Galicia medieval. A doutora Olalla López Costas, antropóloga da Universidade de Santiago de Compostela, aclara que “ata o século XX confundíanse lepra e sífilis debido á semellanza dos síntomas morfolóxicos, como falanxes distais de mans e pés deformadas, perda de incisivos e orificio nasal ancho”. Desgraciadamente, é moi difícil de atopar estas deformacións nos esqueletos. Malia iso, cómpre destacar un leprosarium do século XIII no Hospital de Sant Llatzer (Barcelona) no que se identificaron doce individuos con lepra e outro de Pamplona no que se atoparon sete pezas óseas que presentaban algún destes síntomas. A localización destes descubrimentos no norte de Península Ibérica probablemente estea vencellada ao Camiño de Santiago.

Aínda que en Galicia non se recuperaron esqueletos completos con sinais inequívocos de lepra, si se atoparon en Santiago restos de cal coas bacterias causantes. A súa presenza na cal explícase probablemente pola utilización da mesma para cubrir os restos mortais de individuos leprosos. Ademais, no 2002 atopáronse en Santiago restos de medio cranio do século XI con síntomas de lepra. En calquera caso, a importante presenza desta doenza ao longo da historia galega vese reflectida no noso vocabulario e toponimia. Por unha banda, os termos gafo e malato son sinónimos de leproso. Por outra banda, ademais dos topónimos derivados destes, coma o Río dos Gafos en Pontevedra ou o barrio da Malata no Ferrol, están a trintena de lugares que levan o nome de San Lázaro, patrón dos leprosos.

Referencia bibliográfica: Schuenemann VJ, Avanzi C, Krause-Kyora B, Seitz A, Herbig A, Inskip S, et al. (2018) Ancient genomes reveal a high diversity of Mycobacterium leprae in medieval Europe. PLoS Pathog 14(5): e1006997. https://doi.org/10.1371/journal.ppat.1006997.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos