Venres 19 Abril 2024

Un estudo sitúa a orixe dos humanos modernos ao sur do río Zambeze

A revista "Nature" publica unha investigación xenética que afina a procedencia do "Homo sapiens sapiens" nunha zona hoxe situada ao norte de Botsuana

Segue sendo un debate que esperta moita controversia na comunidade científica, e o traballo que esta semana publica Nature achega máis preguntas e respostas á cuestión. Esta investigación, liderada por Vanessa Hayes, do Instituto Garvan de Investigación Médica, en Australia, sostén que a poboación fundadora dos humanos anatomicamente modernos xurdiu no humidal de Makgadikgadi-Okavango, hoxe localizado ao sur do río Zambeze, no norte de Botsuana. O rexistro fósil apuntaba cara a África oriental, mentres que as análises xenéticas indicaban que a nosa orixe estaba no sur de África, e este traballo afina o berce da nosa espeice.

No artigo detállase a análise de datos de distribución da frecuencia cronolóxica, etnolingüística e xeográfica de máis de 1.000 códigos completos de ADN mitocondrial de africanos do sur vivos. Esta información xenética superpuxérona a reconstrucións climáticas. E segundo os resultados, a poboación fundadora de todos os humanos modernos xurdiría neste paleohumidal. Por tanto, os primeiros antepasados ​​dos humanos anatomicamente modernos (Homo sapiens sapiens) xurdiron nesta zona do sur de África e viviron alí durante 70.000 anos.

Publicidade

“O ADN mitocondrial actúa como unha cápsula do tempo das nosas nais ancestrais, acumulando cambios lentamente durante xeracións. A comparación do código completo de ADN, ou mitoxenoma, de diferentes individuos proporciona información sobre como de próxima era esta relación”, explica Vanesa Hayes.

Mostras de ADN actuais para reconstruír a orixe

No estudo, os científicos recolleron mostras de sangue para establecer un catálogo integral dos primeiros mitogenomas de humanos modernos da chamada liñaxe L0. “O noso traballo non sería posible sen as xenerosas contribucións das comunidades locais e os participantes do estudo en Namibia e Sudáfrica, o que nos permitiu descubrir sub-ramas L0 novas e raras”, di Riana Bornman, coautora do traballo e investigadora na Universidade de Pretoria (Sudáfrica).

Ao combinar a liña de tempo da liñaxe L0 coas distribucións lingüísticas, culturais e xeográficas de diferentes sub-liñaxes descubriron que, hai 200.000 anos, a primeira liñaxe materna de Homo sapiens sapiens xurdiu nesta zona ao sur da conca da rexión do río Zambeze, que abarcaría toda a extensión do norte de Botsuana desde o oeste de Namibia e o leste de Cimbabue.

“Fusionamos 198 mitoxenomas novos e raros coa base de datos actual da poboación máis antiga coñecida dos humanos modernos, a liñaxe L0. Isto permitiunos refinar a árbore evolutiva das nosas primeiras ramas ancestrais mellor que nunca”, sinala Eva Chan, a científica do instituto Garvan que dirixiu as análises filoxenéticas.

A zona tivo no pasado o sistema de lagos máis grande de África, un lugar “ideal” para o desenvolvemento da vida

Andy Moore, da Universidade de Rhodes (Sudáfrica), investigou a evidencia xeolóxica, arqueolóxica e fósil existente, o que revelou que esta rexión tivo o sistema de lagos máis grande de África, o antigo lago Makgadikgadi. “Antes da emerxencia humana moderna, o lago comezou a drenarse debido aos cambios nas placas tectónicas subxacentes. Isto crearía un vasto humidal, que se sabe que é un dos ecosistemas máis produtivos para manter a vida”, explica Moore. O antigo ecosistema de humidal proporcionou unha contorna ecolóxica estable para que os primeiros antepasados ​​dos humanos modernos prosperasen durante 70.000 anos.

As primeiras migracións

Os autores do estudo propoñen que os cambios no clima de África desencadearon posteriormente as primeiras exploracións humanas, que iniciaron o desenvolvemento da diversidade xenética, étnica e cultural dos humanos actuais.

“Observamos unha diverxencia xenética significativa nas subliñaxes maternas máis temperás dos humanos modernos, o que indica que os nosos antepasados ​​emigraron da terra natal entre 130.000 e 110.000 anos atrás”, explica Hayes. “Os primeiros migrantes aventuráronse cara ao nordeste, seguidos por unha segunda onda que viaxou cara ao suroeste. Unha terceira poboación permaneceu na súa rexión natal ata hoxe. En contraste cos migrantes do nordeste, os exploradores do suroeste parece que prosperaron, experimentando un crecemento constante”, argumenta.

Os autores especulan que o éxito desta migración foi probablemente o resultado da adaptación á alimentación mariña, que está apoiada por unha ampla evidencia arqueolóxica ao longo do extremo sur de África.

Efectos climáticos

Pola súa banda, Axel Timmermann, director do IBS Centro de Física do Clima na Universidade Nacional de Pusan (Corea do Sur) investigou que factores puideron impulsar estas primeiras migracións humanas. Para iso, analizou simulacións de modelos climáticos por computador e datos xeolóxicos, cos que rexistrou a historia climática no sur de África dos últimos 250.000 anos.

“As nosas simulacións suxiren que a lenta oscilación do eixo da Terra cambia a radiación solar de verán no hemisferio sur, o que leva a cambios periódicos nas precipitacións no sur de África. Estes cambios no clima abrirían corredores verdes con vexetación, primeiro hai 130.000 anos ao nordeste e logo hai uns 110.000 anos ao suroeste, o que permitiu aos nosos primeiros antepasados ​​emigrar da a súa rexión natal por primeira vez”, asegura Timmermann.

“Estes primeiros migrantes deixaron unha poboación de orixe –engade–. Finalmente, adaptáronse ás terras secas e hoxe pódense atopar descendentes maternos da poboación orixinal na rexión do Kalahari”.


Referencia: Human origins in a southern African palaeo-wetland and first migrations (Publicado en Nature).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta a proteína responsable da sensación de frío

O estudo foi publicado na revista ‘Nature Neuroscience’ e pode axudar a comprender como perciben as temperaturas baixas os seres humanos

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

Os primeiros europeos cruzaron os Alpes hai máis de 45.000 anos

O 'Homo sapiens' adaptouse ben ao frío, un ambiente moi similar ao da actual estepa rusa, e na súa dieta destacaba a carne de reno, lobo e cabalo

Atracción fatal ou confusión? Este é o verdadeiro motivo polo que os insectos voan arredor das bombillas

Estes animais non se dirixen ao foco luminoso, senón que se inclinan cara a el, desvíanse e modifican de forma errática a súa traxectoria