Órbita do asteroide Vigo, entre os planetas Marte e Xúpiter.

Este asteroide leva o nome da cidade de Vigo

O planetoide 127870 foi atopado no ano 2003 e foi bautizado en honor á cidade galega onde naceu o seu descubridor, o astrofísico Ignacio Ferrín

Non é seguro que as luces de Nadal de Vigo se vexan dende o espazo, como suxire o alcalde da cidade, Abel Caballero. Pero o que resulta indiscutible é que hai un Vigo alén do cosmos, situado entre os planetas Marte e Xúpiter.

Trátase do asteroide 127870, unha gran rocha descuberta o 24 de marzo do ano 2003 polos astrónomos Ignacio Ferrín e Carlos Alberto Leal, dende o Observatorio Astronómico Nacional de Llano del Hato, na cordillera de Mérida, en Venezuela. E, dende o seu descubrimento, está bautizado oficialmente co nome de ‘Vigo’ pola Unión Astronómica Internacional (UIA), que sinala que se refire á cidade máis poboada de Galicia, “un porto activo a costa atlántica española nunha fermosa baía e que ten unha grande flota pesqueira”.

Recreacion do Cinto de Asteroides entre Marte e Xúpiter.

A razón última do nome é sinxela: o astrónomo Ignacio Ferrín naceu en Vigo en 1943, aínda que emigrou a Venezuela a moi curta idade. Doutorado na universidade estadounidense de Novo México, foi máis tarde profesor de Física na Universidade dos Andes. E, dende alí, conseguiu identificar nove novos asteroides entre os anos 2000 e 2006. Un deles é Vigo, unha homaxe á súa cidae natal, onde de cativo veu as primeiras estrelas no firmamento sobre a ría viguesa.

O asteroide Vigo está situado entre Marte e Xúpiter. Está localizado no principal cinto de asteroides, a unha distancia aproximada de 2,76 unidades astronómicas (unha unidade astronómica é aproximadamente igual á distancia media entre a Terra e o Sol).

A Galicia marciana: Viveiro dá nome a un cráter de Marte

Vigo ten unha órbita máis excéntrica que a Terra, describindo unha acusada elipse.

Vigo é a única cidade galega que dá nome a un asteroide. Pero no planeta Marte hai un cráter dedicado a Viveiro e no planeta Venus, hai outro que leva o nome de Rosalía de Castro.

Ademais, hai un asteroide chamado Lugo (4583), pero non pola cidade das murallas, senón polo enxeñeiro Raymond Lugo, un dos responsables da misión da NASA New Horizons, con destino a Plutón.

No firmamento tamén se atopan cidades de España como Madrid (14967), Barcelona (945) ou Valencia (5941).

Este é o cráter Rosalía de Castro no planeta Venus

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.