Xoves 28 Marzo 2024

“España non necesita sabios”… así mataron a Francisco de Caldas

O Museo de Pontevedra inaugurou o 17 de outubro unha exposición dedicada ao Sabio Caldas, no 250 aniversario do seu nacemento. Para a maioría, falamos dun perfecto descoñecido. Pero este brillante científico, considerado hoxe un heroe nacional en Colombia, non só ten as súas orixes en Galicia, con antergos na vila de Caldas de Reis. Senón que a súa vida, e sobre todo a súa morte, fálannos do máis escuro do desprezo pola ciencia en España, case que á altura do ‘Que inventen eles!’ pronunciado por Unamuno a comezos do século XX. O militar absolutista Pablo Morillo ordenou en 1816 fusilar a Caldas cunha frase tan vergoñenta como reveladora: “España non necesita de sabios”.

O Sabio Caldas.

Francisco José de Caldas e Tenorio naceu en Popayán en outubro de 1768. Pertencía á clase de criollos ilustrados que, aproveitando a guerra napoleónica en España, se levantaron contra o vicerrei de Nova Granada, territorio que coincide coa actual Colombia. Antes de se converter en protagonista desta guerra de independencia, Caldas foi un científico de éxito, que destacou como enxeñeiro militar, xeógrafo, botánico, astrónomo, naturalista e xornalista.

Publicidade

Dirixiu o Observatorio Astronómico de Bogotá e, entre os seus inventos, destaca o ‘hipsómetro de presión’, un trebello que permitía determinar a altitude sobre o nivel do mar. O hipsómetro consistía nun recipiente cilíndrico cun líquido que era quentado. Como, a maior altitude hai menor presión atmosférica e, por tanto, a auga ferve a menos temperatura, coa axuda dun termómetro podía calcular a altura dun territorio.

Din que Alexander Von Humboldt -con quen compartiu algunhas semanas de traballo- chegou a utilizar nas súas expedicións americanas o invento de Caldas.

Caldas deseñou o hipsómetro de presión para determinar a altitude

Ademais foi un notable botánico, que describiu numerosas especies de plantas. De feito, a abreviatura Caldas emprégase para indicar que é a autoridade na descrición e clasificación científica de varios vexetais. Boa parte destes descubrimentos fíxoos durante os catro anos en que percorreu o Ecuador para colaborar na Real Expedición Botánica que dirixiu José Celestino Mutis, un científico que en España pasaría a ser popular no século XX porque se lle dedicou un billete de 2.000 pesetas.

Ademais dun notable científico, o Sabio Caldas tiña un compromiso social e político. Desde 1811, o noso home, que contaba con antepasados en Caldas de Reis, súmase á guerra pola independencia de Colombia. Ata 1815, atopámolo en varios destinos, sexa fortificando Nova Granada ou creando fábricas de munición e fusís. Ata que, en 1815, é apresado e levado a Bogotá para ser xulgado nun consello de guerra.

Cando o Sabio Caldas escoitou a sentenza de morte, a tradición di que pediu clemencia a Pablo Morillo. Falamos do mesmo personaxe que, sete anos antes, se convertera nun heroe da Reconquista de Vigo fronte aos invasores napoleónicos. Desta volta, comandaba en América as forzas monárquicas que tentaron esmagar a rebelión a sangue e lume.

A resposta de Morillo foi terrible: “España non necesita de sabios”. Algunhas teorías sosteñen que esta frase en realidade pode ser un remedo da que un xuíz da Revolución Francesa dixo ao condenar á morte ao científico Antoine Lavoisier, cando pronunciou: “A república non necesita sabios”. Pero, con todas as dúbidas, a cita pasou á posteridade atribuída a Morillo.

O 29 de outubro de 1816, Francisco José de Caldas era fusilado por detrás xunto ás escalinatas da Universidade do Rosario. E o seu cadáver foi enterrado na igrexa da Veracruz, aínda que en 1940 os seus restos pasaron ao Panteón dos Próceres de Poyapán.

Cartel da exposición no Museo de Pontevedra.

O Sabio Caldas está considerado hoxe un heroe nacional en Colombia. Na propia España, a longo prazo as palabras de Morilo tamén se consideraron vergoñentas. En desagravio ao Sabio Caldas, instalouse unha placa de mármore na sede da Biblioteca Nacional en Madrid.

Agora, Galicia rende homenaxe ao Sabio Caldas. O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago dedicoulle un acto reivindicativo a mediados de outubro. E o Museo de Pontevedra acolle ata o vindeiro 18 de novembro a exposición ‘O Sabio Caldas’, que fai repaso da excepcional traxectoria deste científico con orixes galegas que foi fusilado cunha sentenza terrorífica: “España non necesita sabios”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.