Venres 19 Abril 2024

Galicia ensina a Londres a esnifar rapé

O rapé chegou ás illas británicas dende a baía de Vigo. Cando menos isto asegura a marca inglesa máis popular de tabaco aspirado, Wilsons & Company, aínda que o adxectivo ‘popular’ non sexa demasiado apropiado para unha variedade que actualmente ten un consumo francamente residual. Wilsons & Company Ltd naceu en Sheffield en 1737, aínda que tamén fabrica a marca Fribourg & Treyer, que iniciou a súa produción en 1720. A especialidade emblemática da casa é a ‘Wilsons SP’, sendo estas dúas últimas letras as iniciais de ‘Spain‘.

Wilsons SP, o tabaco aspirado que chegou dende Galicia.
Wilsons SP, o tabaco aspirado que chegou dende Galicia.

A propia casa explica que todo comezou na batalla de Rande, en 1702. Grazas á cal chegou ao rapé ata Londres: “A práctica do tabaco aspirado fíxose popular en Inglaterra no século XVIII, tras comezar antes en Francia e en Escocia. O uso do rapé probablemente era orixinario de América Central e Suramérica, antes da chegada dos españois, que trouxeron este hábito a Europa“, explican en Wilsons.

Publicidade

O tabaco aspirado foi visto con receo ao longo dos tempos. A web de Wilsons sostén que o rei Luís XIII de Francia prohibiu este vicio, agás por prescrición médica. O papa Urbano XIII ameazou coa excomunión para quen esnifase nas igrexas. E o tsar Miguel I de Rusia foi máis aló, ao decretar que lle fose cortado o nariz a quen consumise esta variedade de tabaco.

Estes precedentes deberían disuadir ao consumidor de rapé, pero tamén é posible que lle animasen a converterse nun proscrito cun par de narices.

O tsar Miguel I de Rusia decretou cortarlle o nariz aos consumidores de rapé

Wilsons explícanos logo como chegou o tabaco aspirado ás illas británicas. “Probablemente a mellor mestura de rapé do mundo é a coñecida como ‘SP’. Esta variedade obtivo o seu nome dunha batalla naval nun porto de España: Vigo, en 1702“, asegura a casa tabaqueira. “A escuadra francesa estaba a protexer un rico convoi de galeóns españois, que navegaran desde as Indias Occidentais, cando foi atacada por unha frota combinada inglesa e holandesa, baixo o mando do almirante Sir George Rooke“, engaden.

Foi no decurso da batalla na baía de Vigo cando os ingleses descubriron as virtudes do rapé, aínda que non como droga, senón para a extinción de incendios. En concreto, o que afectaba o buque ‘Torbay‘, que foi o primeiro en rachar a cadea do estreito de Rande aquela tarde de 1702: “Todo acontecía cando o capitán Hopson estaba en extremo perigo de ser abordado por un brulote francés que, abarloado ao buque ardente, non era quen de desengancharse. O brulote embarcara na Habana un gran cargamento de tabaco. Cando o lume alcanzara a santa bárbara, a explosión do brulote expandiu no aire unha nube de po de tabaco que caeu sobre o Torbay e afogou rapidamente o incendio, impedindo que o barco se queimase por completo”

A casa Wilson remata a súa narración: “Chorando, os mariñeiros bótanse á auga nadando desesperadamente para afastarse deste inferno. Cento quince homes morren asfixiados“. Tras tanto drama, chega a hora de recoller o botín. E, coa prata xa evacuada a Castela días antes da batalla, os ingleses levan as mercadorías que poden, entre elas grandes fardos de tabaco en po. Así chegaría o rapé ás illas británicas. cando menos segundo contan dende Sheffield. Desde aquel outono de 1702, os ingleses esnifan grazas a Galicia e súa batalla da baía de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204