Imaxe das escavacións realizadas nos anos 60 polo equipo liderado por Aguirre. Cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Imaxe das escavacións realizadas nos anos 60 polo equipo liderado por Aguirre. Cedida por Eduardo Méndez Quintas.

As escavacións que poderían cambiar a Prehistoria de Galicia

Un equipo de arqueólogos retoma o traballo nas Gándaras de Budiño, o que podería rachar coa idea do "atraso secular" galego desde o Paleolítico

As escavacións nas Gándaras de Budiño, en Porriño, marcaron un antes e un despois no estudo da Prehistoria en Galicia. En 1961 descubriuse un xacemento no que un equipo encabezado polo científico galego Emiliano Aguirre (que anos despois sería un dos impulsores de Atapuerca) rescatou para a historia máis de 700 útiles de pedra tallada, que inclúen machadas, picos triédricos, buriles, bifaces, puntas e pequenos rascadores. Considérase que esta foi a primeira escavación moderna do Paleolítico galego.

As evidencias achadas nas Gándaras permitiron saber, por exemplo, que a moderna industria da pedra que hoxe se estende polo val da Louriña tivo os seus antecesores canteiros na Prehistoria. Naquel tempo, entre glaciación e glaciación, é posible que chegaran a aparecer por alí animais hoxe exóticos, como os elefantes.

A controversia

Porén, aínda que o achado de Aguirre, Desmond Collins e Karl Butzer foi moi relevante, a datación das ferramentas atopadas foi posta en cuestión. As probas realizadas naquel momento apuntaban a unha cronoloxía duns 26.000 anos. Porén, aquela tecnoloxía era moito máis atrasada que a que se podía ver noutros lugares da península Ibérica nesa mesma época da Prehistoria. Comezou a espallarse entón unha idea: Galicia xa estaba atrasada no Paleolítico.

As escavacións realizadas nos anos 80 e 90 xa suxerían que a cronoloxía das Gándaras era máis antiga

Agora, un equipo internacional de investigadores españois, portugueses, franceses e australianos, liderados polos arqueólogos do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (Cenieh) Eduardo Méndez Quintas e Manuel Santonja, vai retomar os traballos de investigación nas Gándaras 20 anos despois dos últimos estudos no lugar.

Segundo sinala Méndez Quintas, as datacións feitas naquelas primeiras escavacións de Budiño levaron á idea de que “no noroeste da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do suroeste de Europa. Isto supuña un argumento para defender a idea do ‘atraso secular de Galicia’, o cal xa arrincaba no Paleolítico”.

Imaxe das escavacións realizadas nos anos 60 polo equipo liderado por Aguirre. Cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Imaxe das escavacións nas Gándaras de Budiño nos anos 60. Cedida por Eduardo Méndez Quintas.

Porén, traballos recentes en lugares moi próximos, como os que se realizaron en Porto Maior hai só unhas semanas, amosan datacións de ata 300.000 anos. Neste senso, as últimas escavacións realizadas en Budiño durante os anos 80 e 90 do século XX xa suxerían que o poboamento se achegaba aos 100.000 anos de antigüidade.

Do mesmo xeito, tal e como contaba o propio Méndez Quintas nunha entrevista con GCiencia, é posible que no Baixo Miño existan máis xacementos con cronoloxías semellantes. Algo que podería acontecer tamén en Budiño. “Os traballos en curso no xacemento indican que estamos ante depósitos moi antigos e con restos arqueolóxicos cunha cronoloxía que debe exceder amplamente os 200.000 anos de antigüidade”, sinala o arqueólogo do Cenieh.

O obxectivo destes traballos nas Gándaras é, por tanto, “explicar as características xeolóxicas deste xacemento e datar definitivamente os diferentes episodios de ocupación humana”.

Os traballos enmárcanse no proxecto proxecto de investigación internacional “Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño”, que se está a desenvolver de xeito simultáneo nas dúas beiras do río. Asemade, estas investigación nas Gándaras de Budiño contan co apoio económico do Concello de O Porriño. Así, en colaboración co municipio, ás 15 horas, ata o sábado 14, haberá visitas guiadas aos traballos arqueolóxicos.

Tamén podes ler:

Os canteiros do Paleolítico que cazaban elefantes no río Miño
Budiño: la industria en facies fluviales
Paleolítico e mesolítico en Galicia

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.