Atopan un posible enterramento infantil nun xacemento castrexo en Larouco

Os traballos realizados no xacemento do Castrillón descobren un depósito votivo no interior dunha cabana castrexa con restos de sementes, ósos e carbóns

Lugar onde foi atopado o depósito votivo no xacemento do Castrillón (Larouco). Foto: Xeitura.
Lugar onde foi atopado o depósito votivo no xacemento do Castrillón (Larouco). Foto: Xeitura.

Moi preto do punto onde os ríos Xares e Bibei unen as súas augas de camiño ao Sil, no concello ourensán de Larouco elévase o lugar do Castrillón, un poboado fortificado da Idade do Ferro que, malia ser coñecido desde moito tempo atrás, non fora obxecto de ningunha intervención arqueolóxica ata outono do ano 2020. Os primeiros resultados, avanzados esta semana polo equipo técnico responsable da execución destes traballos (Sociedade Cooperativa Xeitura: xestión integral do Patrimonio) e a Xunta de Galicia apuntan ao achado de restos óseos que, posiblemente, pertenzan a un enterramento infantil localizado dentro dunha cabana castrexa.

Os traballos que deron pé a este novo achado iniciáronse a comezos do mes de outubro, combinando a mellora paisaxística do sitio coa investigación arqueolóxica. A continuación dos traballos de roza selectiva, xa iniciados en 2020, serviu para consolidar a presenza de especies endóxenas fronte a outro tipo de vexetación foránea en case tres hectáreas de terreo.

En paralelo deron inicio as escavacións arqueolóxicas concentradas desta volta por baixo da cabana rupestre descuberta no outono de 2020. Martiño Xosé Vázquez, director dos traballos, apuntaba que “a razón para realizar neste lugar a escavación e non noutro emprazamento, era rescatar novas estruturas que xa tiñamos á vista e que nos permitirían comprender como era o urbanismo do poboado, ao tempo que poderiamos xerar un espazo facilmente comprensible para o visitante”.

Análise do interior do depósito, no que se atoparon sementes, ósos e carbóns. Foto: Xeitura.
Análise do interior do depósito, no que se atoparon sementes, ósos e carbóns. Foto: Xeitura.

Neste contexto, o equipo de arqueólogos deu cun “excepcional achado“. Baixo o pavimento dunha vivenda castrexa rescataron unha ola típica do fin do mundo dos castros que fora enterrada e tapada cunha lousa. Unha práctica propia do final da Segunda Idade do Ferro que reincidía na datación xa adiantada na campaña de 2020, segundo explican desde Xeitura.

“Falamos de depósito votivo porque a ola que recuperamos foi enterrada intencionadamente baixo o pavimento da cabana que a ocultaba. E non só por baixo deste senón que tapada cunha lousa en horizontal e disposta nunha pequena fosa escavada na propia rocha. Un enterramento que anulaba a propia función da ola. Polo que nos decantamos por outros usos simbólicos da mesma ou incluso un enterramento pois no seu interior foron recuperados restos óseos”, afirma Martiño Xosé Vázquez. Contémplase a posibilidade de que se trate dun enterramento infantil, aínda que non se atreve a aventurar que tipo de ritual se representaría con esta ofrenda.

“A día de hoxe mantemos abertas dúas posibilidades: un depósito fundacional con alimentos a modo de banquete festivo ou un enterramento infantil. Malia a non ser un fenómeno habitual no mundo dos castros, si existen varias referencias que poden orientarnos en ambas direccións. A escavación en laboratorio do seu interior permitiu recuperar varias sementes, restos óseos e de carbóns. Esperamos agora ao resultado do C14 para datalo e a análise da composición química das terras e un maior estudo dos restos óseos para axudarnos a decantarnos por unha das dúas posibilidades. Pero a verdade é que de momento, cos datos que manexamos, ambas opcións poderían ser igualmente plausibles”.

Traballos no xacemento do Castrillón, en Larouco. Foto: Xeitura.
Traballos no xacemento do Castrillón, en Larouco. Foto: Xeitura.

O xacemento do Castrillón, enmarcado dentro da Rede Natura, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e nunha Área de Especial Interese Paisaxístico, comezou a ser analizado a partir da iniciativa conxunta das administracións local e autonómica no ano pasado. No enclave desenvolvéronse dúas sondaxes arqueolóxicas en diferentes puntos coa finalidade de poder obter unha primeira valoración con respecto a súa cronoloxía. Na primeira delas, acometida na parte superior do recinto, localizouse unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular, que sería datada co método do carbono 14 no cambio de era, hai pouco máis de 2.000 anos.

Despois dos bos resultados da primeira intervención, o Concello de Larouco e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinaron un convenio, cun orzamento de 30.000 euros, para ampliar as investigacións arqueolóxicas así como a mellora paisaxística do sitio e a creación dun itinerario de visita con soportes informativos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.