Xoves 18 Abril 2024

Enrique Peinador Lines, a historia dun empresario científico

Foi un empresario audaz, adiantado ao seu tempo e comprometido co seu país. Un filántropo protector da cultura galega. E un industrial con vocación científica. Enrique Peinador Lines soubo continuar e engrandecer a obra do seu pai, o médico Enrique Peinador Vela, fundador da empresa de Augas de Mondariz e do seu Gran Hotel Balneario.

Enrique Peinador Lines.

O historiador Ricardo Gurriarán publicou a biografía máis completa sobre este empresario exemplar: ” Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país”, un traballo que recolle aspectos inéditos desta notable figura do mundo político, empresarial, científico e cultural da primeira parte do século XX.

Publicidade

O libro está editado na colección ‘ Galeguizar Galicia‘ do Foro Peinador, que presideXosé González Martínez. E amósanos a un empresario empeñado en modernizar o seu país.

A obra recolle o pequeno imperio que os Peinador crearon en Mondariz. Porque deste diminuto concello saían, hai un século, 10.000 botellas diarias de auga mineral que se exportaba a Europa e América. E no seu hotel balneario e instalacións anexas traballaban, en tempada alta, máis de trescentos empregados.

Ademais, recibían a visitantes ilustres como Pérez Galdos, Emilia Pardo Bazán, Castelar ou o magnate Rockefeller III. Para atraer a tan distinguido público, Peinador Lines foi un pioneiro na publicidade, con anuncios mesmo no metro de Madrid. Ademais, é sabido que contratou a Castelao para un dos seus carteis, pois lle unía unha fonda amizade co escritor de Rianxo, do mesmo xeito que coa intelectualidade do momento, xa que militaba no Partido Galeguista e organizaba en Mondariz reunións da Real Academia Galega.

Peinador Lines impulsou a análise química das augas e un centro hidrolóxico

A familia Peinador sabía facer as cousas ao grande. Gurriarán recolle estas palabras de Emilia Pardo Bazán sobre Peinador Vela, o pai: “Para completar a silueta do creador de Mondariz, engadirei que no canto de agardar a que lle constrúa o goberno o anaco de ferrocarril que necesita para levar comodamente aos viaxeiros desde Salvaterra ata o balneario, ocorréuselle o mesmo que matinaría un yankee (con paz sexa dito): construír el mesmo o ferrocarril, e explotalo el mesmo”.

A mención ‘pacífica’ refírese a que este escrito data de 1899, un ano despois da Guerra de Cuba, que enfrontou a España cos Estados Unidos. Pouco antes, Emilio Castelar desfacíase en eloxios no Liberal: “Pero aínda queda outra marabilla en Galicia: queda Mondariz, a Compostela do enfermo, atopada e unxida pola ciencia. Mondariz, cuxas augas obran milagres de resurrección e de rexuvenecemento”.

Homenaxe a Castelao en Lugo en 1932.

Destaca Ricardo Gurriarán a vocación científica dos Peinador: “No ámbito das ciencias experimentais, na investigación e no referendo científico das augas, todos os pasos que deron os Peinador foron sustentados e acreditados por persoas da máxima cualificación; sempre lles deron voz a persoas autorizadas no terreo da ciencia”.

Ás análises realizadas no século XIX por Casares, Teijeiro e Garagarza, sumáronse no século XX as do catedrático de Química Biolóxica de Madrid José Rodríguez Carracido, en 1905, que publica o artigo “Estudo físico-químico e biolóxico da auga de Gándara en Mondariz”.

Ademais, estréase en Mondariz o Laboratorio de Radioactividade creado na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid. Nunha análise en 1904 detéctase certo nivel de radioactividade nas augas da fonte da Gándara.

En 1917, estudará as augas o catedrático galego José Casares Gil. Desde 1909, o balneario de Mondariz recibe o nome de Centro Hidrolóxico. E Peinador Lines encarga ao arquitecto Antonio Palacios o seu Sanatorio-Instituto de Hidroterapia, cuxas obras quedarían inconclusas. Pero que presumía no proxecto da súa vocación científica, prometendo terapias con ondas de luz, electricidade e radioactividade.

Peinador Lines foi tamén arqueólogo e doou pezas ao Museo de Pontevedra

A paixón científica dos Peinador tiña premio. De feito, convocou un galardón en 1921, dotado con 1.200 pesetas, para estudantes da Facultade de Medicina de Madrid que presentasen teses doutorais sobre hidroloxía médica.

Ademais, os Peinador acudían a congresos de hidrología e termalismo por toda Europa, obtendo varias distincións polos seus estudos.

Peinador Lines tamén se dedicou á arqueoloxía, facendo importantes avances. Os Peinador escavan no castro de Troña, na parroquia ponteareá de Pías. A revista ‘A Tempada‘ destaca en 1927 as doazóns que fan ao Museo Arqueolóxico de Pontevedra, que inclúen “muíños de man, un ánfora de barro, unha lanza de ferro e outros obxectos interesantes”.

A todo iso, hai que engadir a súa vocación cultural e política. Foi socio protector do Seminario de Estudos Galegos, académico da Real Academia Galega e activo defensor do Estatuto de Galicia.

En definitiva, falamos dun empresario exemplar cuxa biografía vén de publicar Ricardo Gurriarán nunha obra completísima e con abundante documentación inédita. E que nos permite coñecer a unha familia que dá nome ao aeroporto de Vigo, que en parte foi construído en terreos que lles foron expropiados en 1936, coa Guerra Civil. Enrique Peinador Lines conta cunha escultura, obra de José Molares na Escola de Empresariais da Universidade de Vigo. Ten outra no mesmo balneario de Mondariz. Son dúas merecidas homenaxes a un empresario exemplar, galeguista e científico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario