Carlos II (retrato de Luca Giordano) e Margarita de Austria (obra de Juan Pantoja de la Cruz) son dous dos reis da dinastía dos Austrias nos que se estudou a influencia da endogamia no seu rostro. Imaxes: Museo del Prado.
Carlos II (retrato de Luca Giordano) e Margarita de Austria (obra de Juan Pantoja de la Cruz) son dous dos reis da dinastía dos Austrias nos que se estudou a influencia da endogamia no seu rostro. Imaxes: Museo del Prado.

A endogamia causou a “mandíbula dos Austrias”, segundo científicos galegos

Un estudo xenealóxico constata, a través da análise de retratos pictóricos, que a consanguinidade deixou trazas no rostro da dinastía

Carlos II, o Enfeitizado, era fillo dun tío e a súa sobriña (Felipe IV e Mariana de Austria). O último rei dos Austrias antes da chegada dos Borbóns a España tivo graves problemas de saúde desde a súa infancia, e de aí quedoulle o alcume; así, foi case un milagre que puidera vivir durante 39 anos (35 deles como monarca, aínda que baixo a rexencia da súa nai Mariana ata a maioría de idade). Os cadros que describían o seu físico amosaban un aspecto feble, cunha face como caída, e unha mandíbula saínte (trazo coñecido clínicamente como prognatismo), propia da dinastía dos Austrias. Un traballo publicado este luns en Annals of Human Biology por un equipo internacional de investigadores, entre os que están xenetistas galegos, constata que a endogamia, e con ela unha herdanza recesiva, está detrás desta característica física da realeza.

A investigación está asinada por un equipo do que tamén forman parte investigadores do departamento de Cirurxía Oral e Maxilofacial do Hospital Infanta Cristina de Badajoz, que achegaron a visión clínica deste trazo. “É a primeira vez que se ten confirmado que existe unha relación directa entre a endogamia e a aparición da mandíbula habsburga”, indica Román Vilas, investigador da USC que liderou o estudo. Outro dos científicos galegos que participa no traballo é Francisco C. Ceballos, formado na USC pero actualmente investigador convidado na institución, xa que está contratado por unha universidade turca. A da consanguinidade é, de feito, unha liña de investigación que Ceballos ten “como afección”, e sobre a que leva traballando desde 2009 xunto ao profesor de Xenética Gonzalo Álvarez, que acaba de xubilarse, e que tamén asina o traballo, xunto a outros científicos da universidade compostelá, como o propio Vilas e Laila Al-Soufi.

Árbore xenealóxica dos Austrias ata Carlos II, que amosa a endogamia.
Árbore xenealóxica dos Austrias ata Carlos II, que amosa a endogamia.

“O noso principal obxectivo era coñecer a arquitectura xenética da cara dos Austrias”, explica o investigador. Ao non poder acceder a mostraxes de ADN, o estudo enfocouse cara ás arbores xenealóxicas da dinastía e os cadros da realeza pintados entre os séculos XV e XVII. En total, foron unhas 20 xeracións completas, cun total de 6.000 individuos, que permitiron configurar estes trazos físicos. “A cara dos Austrias é unha combinación de dúas cousas: o prognatismo e a deficiencia do maxilar, que provoca que as fazulas, o nariz, os ollos, etc. estean caídos”, conta Ceballos.

Os resultados levaron á conclusión de que a endogamia está máis relacionada coa mandíbula saínte, pero non coa deficiencia maxilar. Unha evidencia que se constatou co estudo de 66 cadros de diversos membros dos Austrias, como Felipe I, II, III e IV, Carlos I, Isabel de Portugal, Margarita de Austria ou o emperador Maximiliano I.

Consanguinidad hasta Felipe VI

“Os resultados amosan claramente que a mandíbula dos Habsburgo garda relación coa endogamia, pero as causas deste vínculo seguen pouco claras. O incremento no grao de prognatismo coa homocigosidade (xenes comúns nos ancestros) parece a explicación máis probable, polo que neste caso, a estendida hipótese dun xene dominante non podería ser sustentada”, expoñen os autores no traballo.

Explica Ceballos que o traballo é “unha primeira aproximación” que debería marcar o camiño de estudos máis amplos cos que poderían constatar estes trazos. Entre outros proxectos, este científico prepara na actualidade estudos sobre a consanguinidade de todas as familias reais de Europa. As dinastías son “auténticos laboratorios de xenética humana, porque existe unha ampla documentación xenealóxica e, debido á consanguinidade, é posible estudar os efectos que esta causa”. Estas investigación sairán adiante, con todo, se consigue un novo contrato nalgunha universidade para poder seguir investigando. “En poucos meses acábase o meu contrato, e se non consigo financiamento, estou pensando en deixar a carreira investigadora“, lamenta Francisco.


ReferenciaIs the “Habsburg jaw” related to inbreeding? (Publicado en Annals of Human Biology). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.