Xoves 28 Marzo 2024

Unha tese debulla a creación das elites locais do franquismo na Galicia desde 1939

O historiador Adrián Presas analiza 4.840 nomes que conformaron o poder local de Galicia tras o final da Guerra Civil

“Clarificar a construción da ditadura franquista a nivel local en Galicia a través dos consistorios municipais das sete cidades galegas”. Este é o obxectivo que se marcou o historiador Adrián Presas na súa tese de doutoramento. Para acadalo, nela analiza 4.840 nomes que formaron parte das elites políticas e do poder local na Galicia urbana entre 1939 e 1951. Entre as súas conclusións rebate a consideración de que “a ditadura foi un sistema continuista do caciquismo de épocas anteriores”.

A tese foi presentada este curso académico na Facultade de Historia do campus de Ourense baixo a dirección do profesor Julio Prada. “O que pretendemos nesta tese foi estudar a continuidade e descontinuidade das elites políticas nas sete cidades galegas entre 1917 e 1951”, comenta o historiador. A elección de 1917 como punto de arranque, detalla, débese a que “foi o ano no que se produciu a revolución rusa e que supuxo unha crise de identidade para a dereita europea, española e galega, que viron a aplicación do modelo comunista nun país europeo”.

Publicidade

Adrián Presas, o autor da tese. Fonte: Duvi.
Adrián Presas, o autor da tese. Fonte: Duvi.

Na súa investigación Adrián Presas afondou na orixe dos homes que ocuparon os cargos municipais nas cidades galegas na ditadura franquista no período estudado, realizando unha base de datos con 4.840 nomes. Froito da análise destes datos a tese conclúe que “o réxime que máis elites destruíu foi a ditadura de Primo de Rivera, moito máis que a etapa da Segunda República ou da Restauración borbónica”. A ditadura franquista, detalla o historiador, “comezou a súa andadura botando man dos homes de sempre, aqueles que foran concelleiros en épocas anteriores a xullo de 1936. Pero a partir de outubro de 1937, a cousa cambia e comezan a ocupar os cargos municipais con homes sen experiencia política previa ou que comezaran a tela en xullo de 1936”. A conclusión fundamental do seu estudo, subliña Adrián Presas, é que “a pesar do que vén dicindo a historiografía sobre a ditadura franquista no mundo local, que considera a ditadura como sistema continuista do caciquismo de épocas anteriores, demostramos que o réxime configúrase con elementos propios que nada teñen que ver co anterior a xullo de 1936”.

Experiencia e nivel socioeconómico

“O que se viviu nas cidades galegas dende o preciso instante no que se produciu o golpe de Estado de xullo de 1936 foi un proceso de construción das elites políticas urbanas e de toda a trama institucional que esas empregarían no seu día a día”, comenta Adrián Presas. Segundo recolle a tese de doutoramento, a análise dos homes que constituíron a elite política urbana galega ofrece varias claves interpretativas. Por un lado, detalla, obsérvase a recorrencia a homes cunha determinada experiencia anterior no campo da política municipal; “homes que, unha vez iniciado o golpe de estado de xullo de 1936, comezaron o seu proceso de asociación e identificación pública cos postulados do movemento”.

“O réxime configúrase con elementos propios que nada teñen que ver co anterior a xullo de 1936″, apunta o autor, quitándolle relevancia á influencia do caciquismo

Pola outra banda, engade Adrián Presas, iniciouse a creación dunha elite propia ditatorial con elementos que careceron de traxectoria política previa a xullo de 1936; “homes que se asociaron e identificaron co movemento polo que de defensor dos seus intereses persoais e colectivos tivo para eles”. A observación da orixe socioeconómica da maioría deles, sinala Adrián Presas, apunta a que a ditadura preferiu a aqueles que contaron cun traballo estable. “Semella que as autoridades da ditadura franquista puxeron todo o seu esforzo na creación dunha elite política fundamentada nun binomio determinado: a experiencia política previa á ditadura, sumada a unha posición económica desafogada resultaría o modelo ideal de xestor municipal ou concelleiro para as autoridades ditatoriais. É dicir, que a ditadura franquista sustentou o seu crecemento político e administrativo nunhas elites políticas determinadas pola súa orixe política e polo seu nivel económico e social”, sinala o xa doutor.

Na tese, engade o historiador, tamén estudaron a figura dos gobernadores civís galegos, interesándonos por cal foi a súa actuación administrativa. “Descubrimos que unha das súas grandes preocupacións foi a fame entre a poboación. Ata tal punto estaban preocupados que temeron que os cidadáns puidesen rebelarse contra as autoridades da ditadura”, afirma Adrián Presas.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Anunciación Casado, a ‘Pasionaria de Viana’: comezan os traballos de exhumación

As accións enmárcanse no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023 liderado por un equipo interdisciplinario da USC

A Xustiza ordena aos herdeiros de Franco a devolución do Pazo de Meirás

A investigación histórica foi clave na sentenza, ao corroborar a doazón ao autoproclamado "xefe do Estado" e a simulación da compravenda

Recuperan en Salamanca a novela inédita que levou ao cárcere a Méndez Ferrín

O investigador Fernando Ramallo localizou exemplares de "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro", pola que o escritor foi acusado de "propaganda ilegal"