O III Reich tivo nunha aldea de Lugo unha das instalacións vitais para a Segunda Guerra Mundial. Dende Arneiro, en Cospeito, o “Elektra Sonne“, un complexo de antenas de 112 metros de alto, axudaba á navegación á Armada e á Aviación da Alemaña de Hitler. Xunto a outra antena instalada en Sevilla, e a rede levantada en Alemaña e na Francia ocupada, o “Sonne” era a instalación de máis alto rango. E mantívose moitas décadas en pé tras da guerra, para ser empregada pola Aviación Civil ata 1971.
A construcción do “Elektra Sonne” espertou unha grande actividade dos servicios secretos aliados, que chegaron a planear unha misión de comandos para sabotar a antena.
Xa desde o comezo da Guerra Civil, tiñan os alemáns a idea de instalar un gran complexo de radio en España. Hitler precisaba un sistema de comunicacións eficaz para os avións da Luftwaffe e os barcos e submarinos da Kriegsmarine. Dispoñía de instalacións “Sonne” en Alemaña e, en 1939, logrou de Franco a cesión de terreos en Galicia para levantar a maior antena do Reich, que garantise ás comunicacións das súas unidades no Atlántico Norte.

Así, os nazis levantaron o “Elektra Sonne” no municipio lucense de Cospeito. A estación estaba formada por unha antena de 112 metros de alto, dúas repetidoras máis baixas, un edificio para maquinaria, almacén e operador, xunto a outro para residencia do persoal de mantemento. A instalación construíuse na parroquia de Arneiro e dende alí daba unha cobertura de 1.000 millas cunha precisión alta, o que permitía cubrir as augas do Atlántico.
Deseñado polo enxeñeiro checo Ernst Kramar nos anos trinta, o sistema “Elektra Sonne” permitía a avións ou submarinos determinar a súa posición con exactitude o radiar unha secuencia de puntos e raias que podía ser interpretada nun plano. Kramar, que traballaba para a empresa alemá Standard Elektrik Lorenz, era un xenio da enxeñería radioeléctrica. Do seu traballo, xurdiu a patente do Lorenz Landing System, abreviado como sistema LLS, base do “Elektra Sonne”. Na actualidade, máis de medio século despois, unha evolución desta tecnoloxía, coñecida como ILS (Instrument Landing System) é a que seguen a empregar os avións de todo o mundo para aterrar nos aeroportos. Pero, a pouco de comezar a II Guerra Mundial, o invento era unha auténtica revolución para a navegación aérea e marítima.
Adolf Hitler entusiasmouse de inmediato coa idea. O mariscal Hermann Goering, mando supremo da Luftwaffe, prometeu ó führer que, cun bo sistema de posicionamento, a arma aérea alemana podería, case por si mesma, gañar a guerra. E o contraalmirante Karl Doenitz, xefe da escuadra de submarinos, estaba convencido de que os seus U-boot só precisaban coñecer ben a súa situación para someter ao Reino Unido ao bloqueo comercial que asfixiaría ós británicos e poría Londres ós pes de Berlín.
Así que Hitler non perdeu o tempo e conseguiu de Franco autorización para levantar bases “Elektra Sonne” en España. Unha levantouse en Sevilla, para a orientación do tráfico en Xibraltar, o Mediterráneo e o Atlántico medio. Pero a máis importante íase erguer en Cospeito, na Terra Chá. Camións chegados desde Alemaña transportaron ata a parroquia de Arneiro os equipos, construídos pola casa Telefunken. O aeródromo de Rozas xugou un papel fundamental para o transporte de persoal e pezas.

O investigador coruñés José Cadaveira, que ten documentadas diversas ruinas militares en Galicia, afirma que o “Elektra Sonne” chegou a ser tan vital que os aliados trazaron plans para sabotalo. “Máis que para transmitir voz, a antena utilizábase coma un rudimentario GPS, porque emitía sinais que os avións da Luftwaffe podían interpretar, gracias a un escanner, e determinaban así en qué posición se atopaban”, explica.
A presenza do Sonne e as minas de wolframio provocaron que Galicia fora un fervedoiro de espías. En especial, na zona de Vigo, onde se atopaba un dos portos de abastecemento dos submarinos U-boot do almirante Doënitz, as “mandas de lobos” que acosaban á flota mercante inglesa e americana no Atlántico Norte.
No Vigo neutral, convivían refuxiados franceses, ingleses ou noruegueses, xunto ás delegacións comerciais do III Reich, que atendían, entre outros negocios, á estratéxica industria da extracción do wolframio, o mineral clave para fabricar obuses e blindar os tanques.

Tras a ocupación de Francia, o III Reich completou a súa rede de grandes antenas levantando outras na costa atlántica francesa, aínda que a de Lugo, pola situación, foi a máis estratéxica de todas. Os Estados Unidos chegaron a estudiar un desembarco na praia ferrolá de Doniños, co obxecto de sabotar as torres de Arneiro e interromper a producción de wolframio e desartellar toda a infraestructura de apoio ós nazis, e os submarinos de Doenitz, creada en Galicia.
Ao remate da guerra, a antena de Cospeito pasou a propiedade do Exército español. En 1962, as instalacións –que os veciños da zona chamaban “As torres de Arneiro”— foron abandonadas polos militares e pasaron á autoridade da Aviación Civil. Finalmente, o “Sonne” foi abandonado en 1971. En 1980, foi desconectado por completo. Desde entón, as tres antenas foron usadas en ocasións por radioafeccionados. E no ano 2009, co paso do ciclón extratropical Klaus sobre Galicia, caeu a terra a derradeira das tres antenas que aínda se mantiña en pé.
Pero queda o recordo de que no corazón da Terra Cha estaba unha das antenas máis importantes da contenda. Baixo a súa guía, libráronse moitos enfrontamentos bélicos no litoral galego entre a aviación aliada e os submarinos de Doënitz. Con toda seguridade, en Berlín, Londres ou Washington, falouse de Cospeito como un enclave estratéxico da Segunda Guerra Mundial.
Pros que tamén gostedes de ler historia novelada moi recomendable «O exército de fume» de Manuel Gago.
Aí aparecen referencias a isto e ó que suponhía na práctica.