Venres 19 Abril 2024

Elba do Courel estrea rostro na ampliación do Museo Xeolóxico de Quiroga

Unha recreación da muller que viviu hai máis de 9.300 anos na serra e que foi atopada nunha sima en 1996 preside unha das salas

Uns  9.300 anos despois, segundo as datacións realizadas aos seus restos, e uns quilómetros ao sur de onde acabou a súa vida, a muller do Courel atopada nunha sima revive no Museo Xeolóxico de Quiroga. A ampliación das instalacións, que se inauguraron o pasado 28 de agosto, e que converten este espazo nun dos puntos de referencia para a divulgación do Xeoparque Montañas do Courel, acolle unha recreación a tamaño real da humana bautizada como Elba, cuxos ósos se localizaron en 1996 na zona do Chan do Lindeiro, que hoxe se corresponde con Pedrafita do Cebreiro, xunto a tres uros (uns devanceiros do boi hoxe extintos) no fondo dunha dolina. A investigación científica liderada desde entón polos científicos Aurora Grandal d’Anglade e Juan Ramón Vidal Romaní, coa que se coñeceron detalles relevantes sobre a fisionomía e o estado de Elba no momento no que morreu, fructificou na imaxe da muller, de pel escura e con algúns achaques que tamén se amosan na escultura. Así se tirou das últimas análises do ADN realizadas pola científica Gloria González Fortes.

Recreación dun oso das cavernas atopado no Courel. Foto: Turismo Ribeira Sacra.
Recreación dun oso das cavernas atopado no Courel. Foto: Turismo Ribeira Sacra.

Segundo detallan os responsables da empresa Paleoymás, encargados da reconstrución, Elba loce “apoiada sobre unha vara, como descansando xa que, segundo o estudo forense, presentaba unha lesión no pé”. A análise dos restos realizouna Fernando Serrulla, da Unidade de Antropoloxía do Hospital de Verín, que atopou nos restos óseos da pastora sinais de malnutrición, secuelas dun traumatismo craneoencefálico e artrose, aínda que probablemente non pasara dos 40 anos. Unha vida complicada coa mirada de hoxe, pero a norma nunha persoa que viviu no Mesolítico. As investigacións apuntan a que a muller ía acompañada polos uros e caeu no fondo da sima, pouco despois de que esta se abrira, xa que estaban na capa máis profunda dos restos que se foron acumulando nela.

Publicidade

Así foi a agonía de Elba hai 9.300 anos

A imaxe de Elba loce xunto a outro dos vestixios máis relevantes atopados na serra courelá, unha estalagmita coa secuencia máis longa de Europa (550.000 anos de rexistro continuo do clima). Ao acto de apertura, que estaba previsto para abril pero foi adiado polo estado de alarma causado pola Covid-19, asistiron, entre outras personalidades, o conselleiro de Cultura Educación e Universidade, Román Rodríguez, os investigadores Aurora Grandal d’Anglade e Juan Ramón Vidal Romaní, o presidente do Colexio Oficial de Xeólogos de España Manuel Regueiro, o director do Museo Xeolóxico, Ramón Vila Anca, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, entre outras autoridades e veciños.

O novo museo está situado á beira da estrada que vai de Quiroga á serra do Courel, e a poucos quilómetros dun dos emblemas do Xeoparque, o pregamento de Campodola-Leixazós, que amosa a simple vista as engurras que os movementos das distintas capas da Terra van facendo ao longo de centos de millóns de anos.

Medio millón de anos nunha estalagmita do Courel

As instalacións pasaron de 120 a 150 metros cadrados, nas que se percorre a historia xeolóxica e paleontolóxica da zona. Entre outras pezas de importante valor científico e de divulgación, hai unha réplica dun oso das cavernas, rexistros fósiles, utensilios paleolíticos, e vestixios da explotación de minerais como a lousa, o ouro, o ferro, a calcaria e a antiomonita en enclaves como a mina da Toca, Vilarbacú ou o túnel romano de Montefurado. A Serra do Courel é desde 2019 o primeiro Xeoparque da Unesco en Galicia, o que fixo incrementar o interese polo potencial do turismo científico na área.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A natureza ábrese paso na Serra do Courel, arrasada polo lume hai un ano

Os expertos subliñan a necesidade de definir unha estratexia de recuperación do monte consensuada cos propietarios da terra

A erosión do solo derivada dos lumes impedirá reforestar os espazos naturais

Investigadores da USC adiantan unha importante degradación das superficies queimadas e unha menor existencia de masa arbórea no futuro

O mapa do Paraná do galego José Quiroga

O matemático e relixioso cartografou as misións xesuíticas en Sudamérica e trazou un plano da cidade de Bos Aires

O incendio de Ribas de Sil afectou ao sinclinal de Castro Dares, no xeoparque do Courel

Este pregamento é un dos lugares de interese dentro do parque recoñecido pola UNESCO polo gran valor xeolóxico que acolle