Mércores 24 Abril 2024

Os dous galegos que deron a primeira volta ao mundo

A colosal aventura de Vasco Gómez e Diego Carmona, ambos os dous naturais de Baiona, na expedición de Magallaes e Elcano

Hai case 500 anos, o 20 de setembro de 1519, partía de Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) a expedición de Fernando de Magallaes que daría a primeira volta ao mundo. O navegante non a puido completar, pois morreu en 1521 en Filipinas a mans dos aborixes cebuanos da illa de Mactán. O seu periplo foi rematado polo vasco Juan Sebastián Elcano, que arribaría tres anos máis tarde a Sevilla, en setembro de 1522.

Agora, España e Portugal celebran os fastos do centenario, centrándose en Magallaes ou Elcano. Pero hai outros protagonistas que nin sequera son mencionados. Porque coa nao Vitoria regresaron 18 tripulantes, entre eles Elcano e o escribano Antonio Lombardo Pigafetta, que é quen nos deixou a crónica da viaxe. As procedencias eran diversas: vascos, italianos, gregos, andaluces e… dous galegos.

Publicidade

O cronista Antonio Pigafetta.

Poucos detalles sabemos do mariñeiro Diego Carmona Galego e do grumete Vasco Gómez Galego, alcumado O Portugués. Segundo figura na relación de embarque, ambos eran naturais de Baiona, na ría de Vigo. E con eles viaxaban outros tripulantes de Galicia, como é o caso do grumete Gonzalo de Vigo, que quedou como náufrago na illa de Guam, no arquipélago das Marianas, no corazón da Micronesia. Sería recollido e remataría a súa propia volta ao mundo moito máis tarde, ao chegar a Sevilla en 1526, despois de ser rescatado nunha expedición posterior: a de Jofre García de Loaísa.

Pero, aínda que a historia de Gonzalo de Vigo, que conviviu tres anos cos aborixes do Pacífico, parece moito máis interesante, non foi menos apaixonante a dos baioneses Diego Carmena e Vasco Gómez, que sobreviviron a todo tipo de penurias.

Se seguimos o relato de Pigafetta, tiveron que fuxir dos antropófagos que poboaban a actual costa do Uruguai. Soportaron terribles tormentas nas que se perderon varias das naves. Recordemos que saíron cinco de Cádiz: a capitá Trinidad, San Antonio, Concepción, Santiago e Victoria, que foi a única que completou o percorrido.

No estreito que logo se chamaría ‘de Magallaes’ pasaron tanta fame que tiveron que alimentarse de pingüíns. “Esisten en tal abundancia e son tan mansos que nunha hora collemos provisión abundante para as tripulacións das cinco naves”, explica Pigafetta, que se queixa de que “son tan gordos que para desplumarlos vímonos obrigados a quitarlles a pel”.

Fernando de Magallaes.

Tiveron que atravesar o Pacífico “durante o espazo de tres meses e vinte días, sen probar nin un alimento fresco”. Como narra Pigafetta, “o biscoito que comiamos xa non era pan, senón un po mesturado de vermes que devoraran toda a súa substancia, e que ademais tiña un fedor insoportable por atoparse impregnado de ouriños de rata. A auga que nos viamos obrigados a beber estaba igualmente podre e hedionda”.

E, aínda por riba, os homes morrían coa lingua inchada dentro da boca, sen saber sequera que a súa enfermidade chamábase escorbuto.

Ao chegar á Micronesia foron atacados polas tribos aborixes. Nunha das refregas morreu o propio Magallaes. Finalmente, houberon de regresar á carreira, xa con Elcano ao mando, tentando evitar calquera porto ou cruzarse con outras naves, pois a ruta polo Índico e o Atlántico coincidía co gran imperio portugués da época. Navegar por aquel mar estaba vetado e Elcano sabía que serían feitos prisioneiros.

“Descubrimos e redondeamos toda a redondeza do mundo, indo polo occidente e vindo polo oriente”, escribiu Elcano ao chegar a Sevilla. Con el viaxaban dous galegos: Diego Carmona e Vasco Gómez, naturais de Baiona. Que tamén serán esquecidos este 2019 das celebracións do quinto centenario desta aventura formidable da historia da Humanidade.

2 COMENTÁRIOS

  1. Home, eso de que foron esquecidos por la historia non sei. De feito hai unha praca, lembro que en Sanlúcar de Barrameda cos nomes de a lo menos os supervivintes da nao Victoria, e ahí estan os dous galegos. Así que gostaríame saber de onde saca vostede eso de que foron esquecidos por la historia. Un saudo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización