Olalla López Costas, autora do estudo sobre Al-Andalus.
Olalla López Costas, autora do estudo sobre Al-Andalus.

Cristiáns e musulmáns comían o mesmo no Al-Andalus

Unha investigación realizada pola científica galega Olalla López Costas (USC) e as investigadoras Sara Inskip, da universidade de Cambridge e Andrea Waters Rist e Gina Carroll, das universidades de Calgary e Western Ontario, en Canadá, reconstruíu a dieta das clases populares do Al-Andalus a partir do estudo dos restos óseos atopados na necrópole de Écija, datados entre os séculos IX e XIII.

 A alimentación “parece moito máis conectada cos recursos dispoñibles que coa relixión”, di o estudo

O traballo, publicado en Archaeological and Anthropological Sciences, conclúe que “na época medieval non existía un tipo de dieta diferenciada entre a sociedade cristiana e a islámica, salvo produtos concretos”. A alimentación “parece moito máis conectada cos recursos dispoñibles que coa relixión”, explica Olalla López Costas, especialista en paleodieta.

López Costas ten realizado estudos en Galicia sobre este aspecto, o que permitiu que sexa un dos territorios nos que máis se avanzou no estudo da dieta básica dos devanceiros. Para isto, analízanse os isótopos estables de diversas partes dos ósos e dos dentes. Unha técnica xa usada en Galicia pero aínda pouco avanzada en Andalucía.

A dieta de Al-Andalus

O traballo confirma tamén, por primeira vez, o consumo de cana de azucre en Al-Andalus, un produto que chegou á Península coa expansión árabe. Nestes anos, cultivábase de forma familiar, antes da exportación masiva de anos posteriores.

Ademais disto, entre os habitantes da necrópole de Astiya (nome musulmán de Écija) había un alto consumo de vexetais e pequenas cantidades de leite e carne, sobre todo bovino e caprino, aínda que non se descarta o porco, un alimento hoxe vedado no Islam.

A dieta era distinta á do norte da Península, onde comían peixe e paínzo

Astiya era unha poboación multicultural, xa que convivían musulmáns, mozárabes e xudeus nun marco islámico, que condicionaba a súa economía, cultura e sociedade. O estudo recolle tamén que tanto homes e mulleres como nenos e nenas comían o mesmo, sen diferenzas de sexo ou idade.

Porén, ao contrario que as poboacións coetáneas do norte peninsular, o estudo recolle que estas persoas non comían peixe nin paínzo, alimentos que si aparecen na zona septentrional. Nos restos dos habitantes de Astiya hai tamén sinais que denotan a aridez e salinidade á beira dos ríos Genil e os lagos salgados da contorna.

O artigo enmárcase nunha colaboración internacional de varios grupos que aborda os xacementos medievais de Écija, e ten por obxectivo comprender os cambios sociais e culturais impulsados polo Islam no sur da Península.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.