O devanceiro que camiñaba coma un humano pero gabeaba coma un simio

Un estudo con participación do CSIC vén de descubrir vértebras fósiles da columna lumbar do Australopithecus sediba, un antigo parente humano

Reconstrución da locomoción en situación arbórea do A. sediba (esquerda) e restos fósiles das vértebras lumbares. Fonte: Scott A. Williams et al.
Reconstrución da locomoción en situación arbórea do A. sediba (esquerda) e restos fósiles das vértebras lumbares. Fonte: Scott A. Williams et al.

Un equipo internacional do que forman parte investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC), vén de atopar vértebras fósiles de dous millóns de anos de Australopithecus sediba, especie dun antigo parente humano xa extinta. Xunto con vértebras descubertas previamente, a recuperación de novos restos dun único individuo deste devanceiro dos humanos modernos dan forma a unha das columnas lumbares máis completas do rexistro fósil e dan unha idea de como este antigo parente humano camiñaba e rubía.

Unha recuperación virtual

O achado dos fósiles tivo lugar en 2015, durante as escavacións dunha vía mineira que corre xunto ao sitio de Malapa, Patrimonio Mundial Berce da Humanidade, situado ao noroeste de Johannesburgo (Sudáfrica). Malapa tamén é o lugar onde, en 2008, o profesor Lee Berger da Universidade de Witwatersrand e o seu fillo de nove anos, Matthew, descubriron os primeiros restos do que sería unha nova especie de antigo parente humano, chamado Australopithecus sediba.

“Os fósiles do sitio datan de aproximadamente dous millóns de anos antes do presente. As vértebras descritas no presente estudo recuperáronse con ferramentas de morfoloxía virtual nunha rocha consolidada semellante ao cemento, coñecida como brecha, en case articulación”, explica Markus Bastir, investigador do MNCN-CSIC e un dos autores do estudo xunto a científicos da Universidade de Nova York (EUA), a Universidade de Witwatersrand (Sudáfrica) e da Universidade Complutense de Madrid.

Para minimizar o risco de danar os delicados ósos, os fósiles preparáronse virtualmente tras escanealos na Universidade de Witwatersrand. A continuación, as vértebras engadíronse a aqueles restos recuperados durante o traballo anterior. Os científicos atoparon que se articulaban perfectamente coa columna vertebral do esqueleto fósil; isto é, con parte dos espécimes tipo orixinais de Australopithecus sediba descritos por primeira vez en 2010.

A descuberta tamén estableceu que, do mesmo xeito que os humanos, sediba tiña só cinco vértebras lumbares. “A rexión lumbar é fundamental para comprender a natureza do bipedalismo nos nosos primeiros antepasados e para comprender que tan ben adaptados estaban para camiñar sobre dúas pernas”, sinala o profesor Scott Williams da Universidade de Nova York e a Universidade Wits e autor principal do artigo.

Posición anatómica dos novos fósiles no esqueleto completo e reconstrucción virtual coas novas vértebras lumbares. Foto: CSIC
Posición anatómica dos novos fósiles no esqueleto completo e reconstrucción virtual coas novas vértebras lumbares. Foto: CSIC

Dos homínidos antigos máis completos

Alcumado como “Issa” (‘protector’ en suahili), o achado dos novos espécimes converte a este esqueleto feminino nun dos que conservan tanto unha columna inferior relativamente completa como unha dentición do mesmo individuo, o que permite ter certeza sobre a que especie pertence a columna vertebral.

“Se Issa era xa un dos esqueletos máis completos dun homínido antigo xamais descuberto, estas vértebras practicamente completan a parte inferior das costas e fan que a rexión lumbar de Issa sexa un competidor non só polo homínido mellor conservado xamais descuberto, senón tamén probablemente o mellor preservado”, sinala Berger, autor do estudo e líder do proxecto Malapa. “Esta combinación de integridade e preservación deulle ao equipo unha mirada sen precedentes á anatomía das costas baixas da especie”, engade.

O estudo tamén amosa que a lordose de sediba era máis extrema que en calquera outro australopitecino descuberto até o momento. Así, o grao de curvatura da columna só foi superada pola observada na columna vertebral do neno Turkana (Homo erectus) de Quenia, fai 1,6 millóns de anos, e a dalgúns humanos modernos.

Un esqueleto de transición

Respecto á integración da columna lumbar con outras rexións do esqueleto,“a capacidade de usar o medio arbóreo para a locomoción tamén se observa nalgunhas outras rexións anatómicas, por exemplo no seu estreito tórax superior”, indica o investigador Daniel García Martínez, da Unidade de Antropoloxía da Universidade Complutense de Madrid e membro afiliado do CENIEH. “Estes resultados de sediba encaixan moi ben noutras reconstrucións de torsos de homínidos de transición procedentes do proxecto de investigación que temos no MNCN, onde tamén vemos a evolución en mosaico noutros sistemas anatómicos relacionados”, engade Markus Bastir.

Nos estudos previos realizados sobre esta especie antiga subliñáronse as adaptacións mixtas a través do esqueleto, entre as que se inclúen características estudadas nas extremidades superiores, nas inferiores e na pelve. Estas indican a súa natureza transicional entre o camiñar coma un humano e as adaptacións gabeadoras.

Os resultados amosan que sediba é unha forma de transición dun antigo parente humano, e que a súa columna ten unha forma claramente intermedia entre as dos humanos modernos (e neandertais) e os grandes simios. “Issa camiñaba como un humano, pero podía rubir como un mono”, conclúe Berger.


ReferenciaNew fossils of Australopithecus sediba reveal a nearly complete lower back (Publicado en e-Life)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.