Venres 29 Marzo 2024

Desleixo, ignorancia e lume: por que se destrúe o patrimonio en Galicia

O descoñecemento, a falta de concienciación e unha deficiente xestión provocan danos irrecuperables en xacementos milenarios

A destrución de varios túmulos no concello do Irixo ao utilizar maquinaria pesada para plantar piñeiros é o último exemplo dun problema crónico sobre o patrimonio que ten un diagnóstico máis ou menos claro, pero ao que non se lle aplican solucións. Miles de cidadáns propietarios de terras en Galicia descoñecen (e tampouco ninguén os informa) do valor dos tesouros milenarios que teñen nos seus terreos. Así, ante a ignorancia e a falta de información e medidas efectivas por parte das Administracións, prodúcense de forma periódica feitos nos que, con só unhas padas de escavadora, desaparecen miles de anos de historia.

Un repaso rápido ás hemerotecas devolve, pinga a pinga, unha destrución dun patrimonio irrecuperable. Alén do rebumbio mediático e político de casos recentes e puntuais, como o das pintadas da catedral de Santiago, a lista de agresións, mesmo no caso de obras públicas, é longa. “Os eucaliptos esnaquizan 40 sitios arqueolóxicos no norte de Lugo“, “Un veciño do Rosal destrúe un xacemento arqueolóxico para reencher unha estrada“; “A Fiscalía arquiva a denuncia contra o cultivo de kiwi sobre os restos romanos de Oia“; “A Fiscalía investiga se a Xunta permitiu que unha canteira destruíra un xacemento arqueolóxico protexido” entre Mondoñedo e Lourenzá, e outros casos flagrantes, como o do castro desaparecido durante as obras do porto exterior de Punta Langosteira.

Publicidade

Durante séculos de actividade agrícola e gandeira nun territorio moi explotado polo ser humano, como é Galicia, poucos elementos ficaron sen descubrir, sobre todo despois da mecanización a partir do século XX. “Hai catalogadas unhas 10.000 mámoas en Galicia, e bastantes delas foron remexidas no pasado”, explica a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás. A concienciación avanza, pero os episodios recentes subliñan que o problema persiste.

Destrúen no Irixo tumbas neolíticas de 6.000 anos para plantar piñeiros

E aínda que o camiño por diante é moi longo, hai administracións que tomaron a iniciativa para frear a sangría. En Vimianzo, capital da Terra de Soneira, as mámoas e dolmens cóntanse por ducias. O concello ía ser un dos eixes do parque do megalitismo da Costa da Morte, anunciado pola Xunta despois do Prestige, gardado despois nun caixón e que agora intenta rescatar a Deputación da Coruña. E neste concello tamén coñecen ben o dano que pode facer o descoñecemento: un dos megálitos do municipio, a Arquiña de Vilaseco, quedou ferida en 2014 por uns traballos forestais.

Manuel Rial, que leva anos como técnico de patrimonio en Vimianzo, expón que a falta de información pode desembocar nestes sucesos: “Hai veces nas que o dano se fai a sabendas, porque se considera que ter estes restos na túa propiedade é un problema, pero na gran maioría dos casos simplemente non se sabe o que se ten”, expón.

Para isto, desde o concello vimiancés decidiron hai uns anos formar e informar aos propietarios dos principais dolmens do termo municipal para conciencialos do tesouro que tiñan nas súas terras. “Foi unha actividade que, para nós, é un modelo do que se debería facer, e a experiencia foi moi fermosa. Convidamos a expertos como Ignacio Vilaseco ou Fernando Carrera, para que lles explicaran aos donos destes bens o que eran, por que e para que se construíron, e por que é tan importante protexelos”, explica Rial.

Neste esforzo formativo incide Mañana Borrazás, que opina que “as medidas non poden ser só punitivas, e actuar como reacción aos danos; hai que previr explicando e educando para saber que son anacos da nosa historia, que nos contan como viviamos hai miles de anos, e que precisamos conservar”. Así, subliña os casos de “comunidades de montes que traballan para protexer e dar a coñecer as mámoas nos seus terreos; hai algunhas, pero deberían ser máis, e ese é o camiño a seguir, desde un punto de vista positivo, e non achegarse ao lugar só cando o desastre está feito”.

Vista aérea da zona do Irixo onde o patrimonio megalítico resultou destruído nuns traballos forestais. Fonte: Google Maps.
Vista aérea da zona do Irixo onde o patrimonio megalítico resultou destruído nuns traballos forestais. Fonte: Google Maps.

A burocracia

O problema, con moitas arestas, tamén toca á burocracia: a dificultade e a lentitude para obter os permisos necesarios leva a algúns propietarios a tomar o camiño fácil á marxe da lei, e realízanse plantacións e movementos de terras sen autorización e, por tanto, sen supervisión das autoridades. “Os traballos forestais son os que agora mesmo están causando máis danos neste sentido”, explica a arqueóloga.

Do mesmo xeito, estas e outras fontes subliñan a falta de comunicación e xestión da información entre distintos departamentos, como Medio Rural ou Patrimonio, como outro obstáculo para supervisar e previr actuacións que poñan en perigo restos de gran valor patrimonial.

Os incendios

En outubro de 2017, alén das irreparables perdas humanas, os danos materiais e a catástrofe medioambiental, outra traxedia da que se falou menos afectou aos montes galegos. O patrimonio destas zonas, nalgúns casos con miles de anos de antigüidade, resultou seriamente danado. Só no lume de Chandebrito, en Nigrán, que chegou ata Coruxo, en Vigo, contabilizáronse máis de 100 elementos afectados, entre mámoas, petróglifos e outros restos prehistóricos, prerromanos, romanos e medievais. No lume das Neves, que arrasou gran parte da superficie do municipio, as lapas pasaron por riba do xacemento de Porto Maior, onde están as evidencias máis antigas do poboamento humano en Galicia, que se salvou de milagre grazas á limpeza da zona para realizar as escavacións.

Protexer o patrimonio, coidar o territorio

Porén, hai tamén oportunidades e bos exemplos para poñer remedio ao desleixo desta parte da historia. Nunha charla que abordaba os efectos dos incendios de 2017, Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, explicaba como o coidado do patrimonio pode tamén ser un cortalumes. Expuxo (pode verse neste vídeo, a partir do minuto 49.00) como os traballos de conservación da área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas, frearon o avance dun dos incendios máis voraces da vaga daqueles días.

Do mesmo xeito, segundo apuntas estas mesmas fontes, estes bos exemplos de recuperación dos xacementos (que en moitos casos seguen ocultos baixo grandes masas de cultivos forestais ou mato) poden ser un antídoto contra o abandono de gran parte do territorio e o despoboamento, dinamizando as zonas rurais, nun momento no que estas dúas problemáticas entraron de cheo na axenda pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución