Derrubamento nun dos emblemas do Pasatempo de Betanzos

O desprendemento no templete, un dos emblemas do parque, produciuse durante o baleirado do estanque. Foto: Concello de Betanzos.
O desprendemento no templete, un dos emblemas do parque, produciuse durante o baleirado do estanque. Foto: Concello de Betanzos.

Un dos emblemas do Parque do Pasatempo de Betanzos sufriu un derrubamento esta mañá. Parte do templete central do Estanque do Retiro, que contiña a figura dun barco, caeu esta mañá durante os labores de baleirado da auga do recinto, dentro das obras de urxencia que o Concello de Betanzos aprobou no pleno no mes de setembro, segundo informou o propio consistorio. Ante este derrubamento, o Concello decidiu pechar a zona histórica para que os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta, á que xa se lle deu aviso, avalíen a situación e indiquen as medidas a tomar con carácter urxente.

Os 50.000 euros que se destinaron ás obras de urxencia investiranse agora na reparación do templete

Os traballos que se estaban realizando para frear o deterioro que vén sufrindo o parque tiñan previsto apontoar o templete, que xa contaba con graves problemas estruturais, visibles nalgunhas fendas. Segundo informou o Concello, xa se acometera o selado dalgunha greta na zona que hoxe se desprendeu, ademais doutras medidas de seguridade. O baleirado do estanque comezou este mércores, tal e como indicou o consistorio, para saber con exactitude o grao de afectación da fenda e proceder ao seu completo selado.

Advertencias anteriores

“Ao quitar a auga, a forza que fai contra o muro desaparece, e o muro cede”, explica o aparellador Jose Souto, da Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo. O ano pasado, durante o episodio de seca, Souto lembra que “xa se viran fendas importantes, que medraban pouco a pouco”.

Esta mesma mañá, ao coñeceren a chegada de máquinas de bombeo, o propio Jose Souto chamou ao concello para advertir de que non realizaran o baleirado polo risco que supón, “pero ninguén me puido dar resposta”, lamenta.

Segundo sinalou o Concello betanceiro nunha nota de prensa, os 50.000 euros aprobados para as obras de urxencia “destinaranse agora os traballos que, segundo Patrimonio, haxa que realizar no templete”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.