O mapa que incorpora o novo portal web.

Crean un roteiro pola lírica medieval galega en Compostela

A web permite facer percorridos pola cidade seguindo os escenarios de grandes fitos da literatura da Idade Media

O equipo científico da USC formado por Yara Frateschi Vieira, Maria Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo presentou este luns o Roteiro Virtual da Lírica Medieval, con foco inicial nas relacións entre a lírica galego-portuguesa e a cidade de Santiago de Compostela e arredores. Os tres son integrantes do Grupo Graall (Grupo de Análise de Aspectos Lingüísticos e Literarios da Lusofonía) da USC, sendo a primeira da Universidade de Campinas-São Paulo, e os segundos profesores titulares da compostelá. A xestora e organizadora do tratamento virtual é a doutoranda Janaína Marques Ferreira Rocha.

Integrantes do Grupo Graall, autores do portal web.

O obxectivo do proxecto, que contou co apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, foi a creación dunha páxina web que permita acompañar o recurso dese movemento na súa totalidade xeopolítica e no conxunto dos diversos aspectos artísticos (literarios, musicais, arquitectónicos e iconográficos) que engloba. Hoxe presentouse a súa posta en marcha coa indicación de autores, textos e lugares, deixando abertas as vías para unha segunda fase en que será introducida a música. Igualmente, en datas próximas o proxecto virtual poderá ser ampliado a outros espazos, principalmente os concellos limítrofes de Santiago.

Nun mapa artístico da cidade de Compostela, especialmente composto para o proxecto pola artista plástica María Meijide, aparecen identificados e marcados puntos específicos referentes aos trobadores e xograres con eles relacionados. A partir destes o usuario será remitido directamente para informacións relevantes sobre o perfil biográfico de cada autor, comentarios para a comprensión e interpretación dos versos e vídeos dos lugares, destacándose neles os aspectos mais salientables e outros menos coñecidos para o público en xeral, coa colaboración técnica de Ricard di Pace, responsable do deseño gráfico e tratamento dixital.

Entre as investigacións previas derivadas deste Roteiro Virtual da Lírica Medieval, destacan especialmente os libros O amor que eu levei de Santiago, publicado en Galicia (Vieira, Morán Cabanas, Souto Cabo, 2011), e O caminho poético de Santiago (Vieira, Morán Cabanas, Souto Cabo, 2015) , que saíu do prelo no Brasil, así como diversas iniciativas divulgativos de tipo turístico e didáctico, especialmente proxectados a través da realización de varios roteiros presenciais en Compostela e nos seus arredores desde 2012.

O roteiro virtual poderá ser utilizado por persoas de calquera parte do mundo, un maior impacto, en termos académicos e educacionais, naqueles sitios onde a lírica galego-portuguesa tivo unha importancia especial en virtude de ser matriz literaria de temas e formas posteriores, como nos países onde se fala o galego e o portugués. Os autores e autoras non descartan o seu atractivo para todos os lugares de fala española “grazas ao papel que a nosa lírica tivo no desenvolvemento posterior das literaturas nesa lingua. Da mesma forma que falantes de catalán, francés, italiano e alemán poderán encontrar informacións complementarias a aquelas relativas ao trobadorismo occitano, francés, siciliano e xermánico”.

Aquí podes acceder ao Roteiro Virtual da Lírica Medieval

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.