Roteiro entre Bracara Augusta e Asturica Augusta na antiga Gallaecia.

Crean o ‘Google Maps’ da Antiga Roma que inclúe as vías de Gallaecia

O sistema creado pola Universidade de Stanford permite planificar viaxes como na actualidade polos roteiros do Imperio

É unha xenialidade que chega dende unha das dez mellores universidades do mundo: a de Stanford, nos Estados Unidos. Ao longo dos últimos anos, todos vimos recreacións do sistema vial da Antiga Roma, incluindo a súa representación como o plano dun metro. Pero agora chega un auténtico ‘Google Maps’ que nos permite planificar unha viaxe polo Imperio, escollendo desprazamento a pé, en burro, dacabalo, en carro ou cuádriga. E con todas as funcionalidades do mundo de hoxe adaptadas ao mundo antigo.

ORBIS é un proxecto de dous profesores, Walter Scheidel e Elijah Meeks, da Universidade de Stanford, que nos traslada ao Imperio Romano mediante un Sistema de Información Xeográfica (GIS) co que poderemos consultar roteiros comerciais, calzadas romanas ou roteiros marítimos que conectaban os distintos puntos do Imperio Romano.

A web inclúe roteiros e localizacións da Antiga Roma.

Este proxecto é unha translación ás condicións do Imperio Romano dun problema bastante actual e que, por exemplo, téntase responder coa investigación operativa ou a teoría de grafos: a optimización do transporte e os desprazamentos. O equipo de Stanford desenvolveu un sistema interactivo capaz de demostrar que un dos condicionantes que determinaron a expansión da civilización romana estaba no custo dos desprazamentos.

Este sistema dinámico permite publicar información e tamén ser utilizado como ferramenta para xerar novos datos e posibilita aos usuarios facer cousas que non se poden facer sobre o papel. Neste GIS engadiuse información xeorreferenciada de todos os roteiros e téñense en conta factores asociados á climatoloxía, á época do ano, tipo de transporte a usar (barco, carromato, caravana de camelos, etc) para calcular o custo asociado á viaxe e o tempo empregado en realizalo coa idea de ofrecer un cálculo aproximado ao que podería avaliar unha persoa que tivese que enfrontarse a este tipo de viaxes na devandita época.

Roteiro de Bracara Augusta a Flavium Brigantium.

Con esa idea, no mapa teremos dispoñible un planificador de roteiros no que consignaremos o punto orixe e destino do roteiro, o mes do ano no que iniciar a viaxe para obter os roteiros e os custos en base ao medio de transporte ou as restricións que definamos.

O proxecto lembra ao planificador de roteiros de Google Maps pero trasladado ao ano 200 da nosa era e no que se representaron 751 asentamentos entre cidades, colonias e portos. Así poderemos viaxar pola Gallaecia, dende Bracara Augusta ata Flavium Brigantium ou a Asturica Augusta, empregando os viais romanos. A aplicación espera as achegas dos propios usuarios, que co tempo poderán trazar todas as poboacións da Gallaecia e os seus camiños.

E aquí podes acceder a ORBIS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.