Xoves 28 Marzo 2024

Sae á luz o campamento militar romano da Fonsagrada

O grupo de investigación Romanarmy comeza a ver resultados da súa procura dos campamentos militares romanos que investigan na fronteira entre Galicia e Asturias. As escavacións na Fonsagrada sacaron á luz un parapeto defensivo e un foso, característicos das fortificacións destes enclaves empregados polas lexións imperiais.

Os traballos na Penaparda permitiron atopar un “parapeto de terra e pedra, así como un foso que nunca chegou a concluírse seguindo a canónica sección en V”, segundo apuntan os investigadores. O rexistro estratigráfico fai pensar que os construtores romanos escavaron ata chegar á rocha e formaron una terraza artificial e “con seguridade sitouse sobre ela unha fiada de pedras que serviría para delimitar o terraplén cara ao interior, a modo de contención”. Este talude defensivo é a primeira evidencia arqueolóxica do campamento.

Publicidade

seccion penaparda

Nun anuncio na web de Romanarmy, os arqueólogos afirman que “o estado de conservación destas estruturas é sorprendente. Lembremos que se trata de elementos perecedoiros construídos fai dous mil anos! Agora toca exporse ou seguinte paso: protexelos, conservalos e mostralos non seu antigo esplendor”.

O grupo Romanarmy localizou catro novos campamentos militares romanos na fronteira entre Galicia e Asturias. Este equipo investigador europeo analiza tres destes asentamentos lexionarios, mentres traballa sobre o terreo nun cuarto na Fonsagrada, situado no lugar da Penaparda. Os outros tres establecementos militares da antiga Roma están localizados en OuteiroPedra Dereta e Chao de Carrubeiro, nas serras que unen Lugo e Asturias.

Romanarmy investiga outros tres campamentos militares romanos na zona

Os investigadores aínda non saben cal era o obxectivo destas tropas romanas situadas en campamentos no actual territorio entre Galicia e Asturias.  Os arqueólogos pertencen a diferentes universidades europeas e a finais de 2015 localizaron o campamento da Penaparda, que se atopa a 865 metros de altitude e ocupa máis de 10 hectáreas de terreo, o equivalente a máis e doce campos de fútbol.

A Penaparda é un dos campamentos militares romanos máis grandes localizados ata o momento. A investigación está patrocinada polo concello da Fonsagrada e financiado pola Deputación Provincial de Lugo. Desenvólvese baixo a coordinación científica do grupo de investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago, coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

esquema penaparda

O campamento da Penaparda ten as dimensións suficientes como para albergar unha lexión completa, con máis de cinco mil soldados, e a investigación parte da hipótese de que se poida tratar dun asentamento militar temporal de época romana altoimperial. A fortificación foi localizada a partir do estudo da fotografía aérea e especialmente grazas á tecnoloxía LiDAR de análise por satélite.

Os investigadores pensan que A Penaparda forme parte, xunto cos outros tres campamentos estudados, da liña de avance dun gran continxente de soldados romanos, na zona fronteiriza entre Asturias e Galicia. A invasión romana da Gallaecia tivo varios momentos, destacando os episodios de conquista que remataron co dominio efectivo romano nos días do emperador Octavio Augusto.

O grupo Romanarmy xa atopara outros campamentos romanos en campañas anteriores, como os localizados nas localidades lucenses de Sarria e Láncara. Tamén elaboraron este vídeo divulgativo sobre as campañas militares romanas na Gallaecia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.

O portentoso despregue militar dos romanos: descobren otros sete campamentos en Galicia

O equipo Romanarmy achou os recintos a través da fotografía aérea e a tecnoloxía LiDAR, que escenea o territorio e filtra a vexetación

Un cuartel romano de ata 3.500 soldados na Laracha: comeza a escavación de Santa Baia

O campamento comprende no interior un castro enteiro da Idade de Ferro

Penedo dos Lobos: un campamento romano excepcional asolado polo espolio

Un equipo de arqueólogos estima que se perdeu entre o 60% e o 70% da información do xacemento a causa dos roubos de furtivos