Como vivían hai 2.000 anos? Atopan o xacemento dun poboado en Vilar de Barrio

A zona ten unha extensión superior ás 15 hectáreas e durante as intervencións arqueolóxicas atopáronse os restos de vivendas e dunha muralla

Rebeca Blanco e Jorge Sanjurjo no proceso de toma de mostras.
Rebeca Blanco e Jorge Sanjurjo no proceso de toma de mostras.

Alá no alto, no Monte do Castelo, escóndese unha historia. Chíos dunha vida pasada que quixo gorecerse baixo a terra. Pero que devece por saír á luz. Así é que no concello de Vilar de Barrio acaban de atopar un novo xacemento arqueolóxico. Tralas sondaxes realizadas pola cooperativa Xeitura, encontráronse restos dunha muralla e vivendas con máis de 2.000 anos de antigüidade. Os novos achados confirman unha zona cunha extensión superior ás 15 hectáreas, o que obriga a ampliar a área de protección no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia. Segundo apuntan, este descubrimento de construcións e recintos non ten “paralelos en toda Galicia”.

Rede comercial co Mediterráneo

“Os nosos traballos centráronse en dúas partes claramente diferenciadas. A primeira delas correspondente á parte máis elevada do monte, onde localizamos parte dunha muralla ciclópea e cabanas circulares tipicamente castrexas. E por outra banda, aos pés mesmo deste castro, onde emerxe outro recinto monumental delimitado por un pequeno valado”, apunta o arqueólogo director da intervención, Martiño Xosé Vázquez. Amais disto, atopáronse materiais que poderían certificar a integración deste poboado nunha rede comercial co Mediterráneo durante a época romana. Por outro lado, esta zona tamén atraeu a atención dos investigadores Rebeca Blanco Rotea e Joâo Fonte, das universidades de Santiago de Compostela e Exeter (UK) respectivamente.

Restos de construcións localizadas na intervención.
Restos de construcións localizadas na intervención.

“No ano 2018 realizamos unha prospección con técnicas xeoespaciais na contorna da hoxe extinta Lagoa da Antela e observamos que arredor do castro existía unha delimitación que parecía non ter que ver con este. A visita posterior ao lugar e as escavacións arqueolóxicas confirman agora a existencia dese recinto e todo un complexo sistema de construcións en materiais perecedoiros. Conxunto sen paralelos en Galicia que podería sacar á luz unha ocupación do sitio en época tardía e medieval”, afirma Rebeca Blanco Rotea.

Un xacemento excepcional

Segundo indican dende a investigación, Vilar de Barrio contaría cun dos xacementos arqueolóxicos máis excepcionais de toda Galicia se as anteriores hipóteses se chegan a confirmar. Sería un lugar rechamante pola monumentalidade e pola localización, posto que estaría dominando os vales da Limia e Maceda. Así mesmo, sería salientable pola súa antigüidade e longa historia. De feito, os investigadores están a analizar agora a posibilidade de que o lugar estivera habitado tamén na época medieval.

Precisamente co obxectivo de datar esas singulares estruturas, Jorge Sanjurjo do Grupo de Patrimonio Cultural e Xeolóxico da Universidade da Coruña, recollía esta semana abundantes mostras no lugar para obter a súa cronoloxía mediante o método da Luminiscencia Ópticamente Estimulada (OSL, polas súas siglas en inglés). Finalmente, cabe indicar que estes traballos están promovidos polo Concello e financiados pola Deputación de Ourense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.