Como conseguía levantar o voo o maior pterosauro do mundo?

Un estudo aporta novos indicios sobre os métodos de engalaxe, voo e aterraxe do Quetzalcoatlus northropi, o animal voador máis grande que se coñece

Quetzalcoatlus northropi choutaba e batía as ás antes de despegar. Foto: James Kuether
Quetzalcoatlus northropi choutaba e batía as ás antes de despegar. Foto: James Kuether

Hai 67 millóns de anos, os ceos do noso planeta non estaban surcados por aeronaves, senón polo maior animal voador coñecido até a data: o pterosauro Quetzalcoatlus northropi. Agora, un novo estudo sobre esta criatura e o seu recentemente descuberto familiar, o máis reducido Quetzalcoatlus lawsoni, aportan novos indicios non só de como o Q. northropi voaba, senón mesmo de como chegou a despegar.

Os coñecementos que agora temos sobre o Quetzalcoatlus northropi xurden, fundamentalmente, de centos de fósiles achados no actual estado de Texas. Porén, o método que este pterosauro empregaba para engalar viña sendo obxecto de certo debate. Algúns científicos suxerían que, do mesmo xeito ca un albatros, corrían para aumentar a súa velocidade xusto antes de botar a voar. Outros apuntaban a que, coma un morcego, se balanceaba nas puntas das ás. Finalmente, había quen mesmo poñía en dúbida que chegase a elevarse no ar.

Secasí, esta nova investigación suxire que o pterosauro botaba man dun salto de até 2,5 metros no aire, seguido do aleteo das súas ás de até 11 metros de lonxitude, para elevarse no ceo. “Se fosen quen de saltar o dobre da altura da súa cadeira, até 2,5 metros, as ás serían capaces de aplanar o camiño, e poderían executar un golpe de voo máis profundo”, di o paleontólogo Kevin Padian do Museo de Paleontoloxía da Universidade de California. “Esta pode ser a mellor opción para despegar, aínda que depende dunha potencia suficiente nas pernas”.

No aire, o Q. northropi sería moito máis parecido a un cóndor, surcando os ceos e empregando unha cabeza relativamente grande como axuda no momento de virar por completo. Os investigadores pensan que o máis probábel é que as ás só estivesen unidas ás extremidades dianteiras, como sucede nas aves que coñecemos hoxe en día.

Unha aterraxe pouco convencional

Xa no momento de aterrar, faría dun xeito semellante a como fan os nosos avións, diminuindo a velocidade no aire antes de tocar terra firme, dando un pequeno salto por cuestións de estabilidade. “O animal tiña que bater as ás para frear o seu descenso, antes de aterrar coas patas traseiras e dar un pequeno salto”, explica Padian. “Entón baixaba os pés dianteiros e, adoptando unha postura de catro patas, endereitábase e marchaba camiñando“.

Os indicios deste estilo tan pouco convencional de aterraxe e camiñar tamén proceden de pistas fosilizadas, descubertas anteriormente en Francia. Unha vez xa no chan, suxiren os científicos, a criatura usaría o seu peteiro, semellante a un pauciño, para atrapar e tragar peixes, invertebrados e pequenos anfibios da auga, do mesmo xeito que unha garza.

Novos achados

“Esta é a primeira vez que temos algún tipo de estudo exhaustivo”, di o paleontólogo Matthew Brown da Universidade de Texas en Austin. “Aínda que o Quetzalcoatlus se coñece desde hai 50 anos, é pouco coñecido”. Estes novos achados, repartidos en seis artigos publicados, porporcionan unha mellor comprensión destas bestas prehistóricas, e abren a porta á posibilidade de que haxa máis especies que atopar.

De feito, a primeira análise exhausta dos ósos máis pequenos atopados no lugar de Texas revelaba tamén unha especie máis pequena e recentemente identificada de pterosauro: Q. lawsoni, que parece ter unha envergadura duns 4,5 metros. Amais, presenta diferenzas significativas co seu curmán máis grande, incluíndo a estrutura do cranio e a columna vertebral.

Outros temas tratados neste conxunto de publicacións dan máis información sobre a propagación, o hábitat e a árbore xenealóxica evolutiva da especie Quetzalcoatlus. Así e todo, outros estudos tamén deberían poder responder ás preguntas restantes sobre este pterosauro, incluída a forma da membrana das súas ás.

Un final caído do ceo

Tras dominar os ceos durante millóns de anos, os pterosauros atoparon o mesmo final dramático que o resto dos seus contemporáneos. Porén, e mediante unha análise minuciosa dos fósiles, é posíbel traelos de volta á vida. Polo menos, até certo punto. “Estes antigos réptiles voadores son de lenda, aínda que a maior parte da concepción pública do animal é artística, non científica”, di Padian.

Con todo, estas últimas investigacións probablemente constituirán a fonte de referencia definitiva para estas criaturas durante moitos anos. “Esta é a primeira ollada real á totalidade do animal máis grande que xamais voou, polo que sabemos. Os resultados son revolucionarios para o estudo dos pterosauros: os primeiros animais, despois dos insectos, que evolucionaron nun voo motorizado”, engade.


ReferenciaMemoir 19: The Late Cretaceous pterosaur Quetzalcoatlus Lawson 1975 (Pterodactyloidea: Azhdarchoidea) (Publicado en Journal of Vertebrate Paleontology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.