Sábado 20 Abril 2024

Como a ciencia abriu a correspondencia secreta de María Antonieta

Os raios X reescriben as cartas censuradas que a raíña francesa enviou, hai máis de dous séculos, ao seu íntimo amigo, o conde de Fersen

Expertos de todo o mundo esperaban o momento. O misterio levaba 150 anos alimentando a curiosidade de historiadores e científicos. Pero o Centro francés de Investigación sobre a Conservación de bens culturais (CRC), acaba de dar resposta a boa parte da incógnita, achegando novos datos sobre a historia de Francia e os últimos anos de vida da raíña condenada en plena Revolución.

Nun artigo publicado a principios de outubro na revista Science Advances, os responsables da investigación relatan como os Arquivos Nacionais de Francia presentáronlle, por primeira vez, o desafío hai sete anos. Sobre a mesa, quince cartas escritas por María Antonieta e o conde sueco Axel de Fersen, entre xuño de 1791 e agosto de 1792, cando a monarca xa se encontraba baixo vixilancia no Palacio parisino das Tullerías, despois da saída forzada de Versalles, e a súa comunicación co exterior era arriscada e moi limitada. En todas, varios parágrafos ou liñas, atopábanse raiadas e intencionadamente modificadas por un misterioso censor. Así chegaron estas cartas ás mans do Estado cando este lle comprou a correspondencia do conde sueco, un lote de sesenta documentos, a un dos seus descendentes nos anos 80 do século pasado.

Publicidade

Son quince cartas escritas por María Antonieta e o conde sueco Axel de Fersen entre 1791 e 1972

Axel de Fersen e María Antonieta coñecéronse nun baile de máscaras na Ópera de París pouco despois da chegada da xove princesa austríaca á corte francesa. Os rumores de romance salpicaron, desde entón e durante séculos, unha das amizades máis íntimas da esposa de Luís XVI. De feito, Fersen pertencía ao círculo máis próximo á raíña, un reducido grupo de amigos cos que gozaba na intimidade do seu refuxio do Pequeno Trianón. Malia longas ausencias, Fersen estivo sempre ao lado de María Antonieta e a el atribúese a organización do intento frustrado de fuga da familia real a Varennes, para saír do país, poñendo en xogo a súa propia vida. Pegadas de conspiracións, segredos de Estado ou novas tentativas de fuxida pero tamén confirmar se Fersen era amante da raíña, eran algunhas das respostas que os científicos do CRC podían ofrecer co seu traballo.

Proceso de análise das cartas. Foto: CRC/Archives Nationales

Como parte da segunda fase do proxecto de investigación REX que comezou en 2018, os expertos do CRC subliñan dúas características dos documentos. Por unha banda, as palabras non foran borradas se non só raiadas, expresamente, iso si, para que certas informacións non pasasen á posteridade. Pero estaban alí e iso era unha vantaxe. Por outra banda, o censor das cartas fixo a conciencia o seu traballo e disimulou o contido orixinal cunha superposición de letras perfecta, grazas a unha tinta grosa moi escura e absorbente o que, para os investigadores, supoñía un enorme obstáculo. O obxectivo era, polo tanto, atopar una estratexia científica para separar as tintas e facer lexible as frases e as palabras censuradas pero sen risco de danar o documento, como na metodoloxía antiga.

O aparello co que realizaron a investigación das cartas. Foto: CRC/Archives Nationales
O aparello co que realizaron a investigación das cartas. Foto: CRC/Archives Nationales

Tras grandes debates e análises, os científicos apostaron con éxito por unha “espectroscopia de fluorescencia de raios X”, unha técnica que permite identificar a composición de cada tinta e, así, as súas pegadas, ademais de utilizar  toda unha serie de programas de procesamento de datos que permitiron analizar os resultados finais e descifrar moitas das palabras. Resultados que, a priori, non deixaban lugar a dúbidas. As palabras reveladas, “ben querido”, “a liberdade de vernos”, “adorar” ou “ámote loucamente”, probarían unha relación sentimental entre a raíña e o conde sueco. “A intensidade da linguaxe amorosa coa que se dirixen é sorprendente porque xa se coñecían hai moitísimos anos. É como se aínda estivesen na fase de adoración dun ao outro. María Antonieta e Fersen escribíanse cartas moi longas nas que falaban de consideracións políticas e, de súpeto, aparecen esas frases censuradas que son, digamos, a parte espontánea. Unha ten a impresión de escoitalos aínda que as cartas fosen escritas hai máis de douscentos anos”, afirma Isabelle Aristide, conservadora dos Arquivos Nacionais de Francia.

“A intensidade da linguaxe amorosa coa que se dirixen é sorprendente porque xa se coñecían hai moitísimos anos”

Máis prudente, a investigadora do CRC, Anne Michelin, explica que “falamos dun contexto revolucionario, de crise, e polo tanto hai unha influencia sobre a escolla do vocabulario e sobre o que se di”. “María Antonieta é consciente de que a súa situación empeora cada día e isto ten un impacto na súa elección das palabras. Ela xa utilizaba ese tipo de vocabulario coas súas amigas pero é claro que existe unha relación de cariño profundo entre eles. Aínda así, non podería afirmar se eran amantes, simplemente porque eu non estaba alí”, engade.

A sorpresa do censor

O traballo do CRC, un servizo de investigación que asocia o Museo de Historia Natural, o Centro Nacional da Investigación Científica e o Ministerio da Cultura franceses, tamén tiña como obxectivo descubrir a identidade do censor das cartas de María Antonieta e resolver así outro dos misterios cos que tiña pasado á historia esta correspondencia. Ata agora, a hipótese que dominaba e que os científicos recollen no seu artigo, era que un sobriño neto de Fersen, o Barón de Klinckowström, tiña raiado e censurado os textos orixinais na segunda metade do S. XIX para protexer a reputación da familia. Ata o célebre escritor austríaco Stefan Zweig, na biografía de María Antonieta que publica nos anos 30, fala de “dúas notas raiadas con tinta pola man pudibunda do descendente do famoso fidalgo” ao recoller nalgún capítulo o contido lexible das cartas de Fersen, coñecidas moito tempo antes de que pasasen a ser propiedade pública.

Comparativa das cartas. Foto: CRC/Archives Nationales
Comparativa das cartas. Foto: CRC/Archives Nationales

Botando man da grafoloxía, os investigadores descubriron que algúns dos documentos atribuídos a María Antonieta, eran, en realidade, copias escritas polo propio aristócrata sueco. Unha práctica habitual nese tempo, asegura o equipo do CRC, cando se facían duplicados das misivas importantes por cuestións políticas ou administrativas. Pero comparando máis tarde a composición da tinta das copias realizadas por Fersen e a das letras que superpuxo o censor para disimular o contido orixinal das cartas, os científicos puideron finalmente revelar que os dous, eran a mesma persoa. O sobriño neto do conde quedaba inmediatamente absolvido pola ciencia. En canto a Fersen, o equipo do CRC afirma no seu artigo que o aristócrata puido querer protexer a honra da raíña ou, simplemente, defender os seus propios intereses.

Os Arquivos Nacionais non son os paparazzi da Historia

Esta é a mensaxe, medio en broma, medio en serio, de Artistide á prensa francesa que se fixo eco da nova. De feito, os investigadores responsables deste estudo, aseguran tamén na súa publicación, que o máis importante dos resultados non era confirmar a relación sentimental de María Antonieta e Axel de Fersen, se non restaurar a integridade da correspondencia para facilitar unha lectura histórica da mesma e reconstruír o seu particular procedemento de elaboración e transmisión. Nas conclusións do proxecto destácase, ademais, a importancia deste testemuño da Historia, representativo de como a sociedade do momento tivo que xestionar as emocións e a incerteza provocadas pola Revolución Francesa fronte ao colapso do Antigo Réxime, do “vello mundo”.

Xunto coas palabras sentimentais que a raíña de Francia e o seu íntimo amigo se dedicaron, ambos facíanse eco dos acontecementos sociais recentes e da actualidade política. A transcrición total de todas estas frases e liñas censuradas saíu por fin á luz a finais de outubro nun libro publicado en Francia pola Editorial Michel Lafon. Un libro moi esperado, da conservadora Isabelle Aristide, no que se presenta, agora xa completa, a correspondencia de María Antonieta e o conde de Fersen no seu contexto histórico e cunha coidada interpretación. O equipo do Centro francés de Investigación para a Conservación advirte, pola súa banda, de que o misterio segue vixente xa que só 8 das 15 cartas ofreceron finalmente resultados positivos á fluorescencia dos raios X.

Só 8 das 15 cartas ofreceron finalmente resultados positivos á fluorescencia dos raios X

Se na comunicación das descubertas, os investigadores sinalaban a necesidade dunha reflexión ética sobre o feito de revelar segredos que resistiron ao paso da Historia, no seu artigo non esconden que se o conde de Fersen quixese facer desaparecer para sempre as pegadas da súa estreita amizade con María Antonieta, podería ter queimado, por exemplo, as cartas. “María Antonieta e o conde Axel de Fersen dixéronse moitas cousas íntimas, cousas que non se sabían naquela época e que Fersen quixo esconder. Unha pregúntase nalgún momento se non está a abrir a porta da habitación sen chamar antes. Evidentemente, é delicado tratar este tipo de documentos. Boa parte da información revelada son contidos amorosos pero creo que esa relación está magnificada nestas cartas”, asegura Isabelle Aristide.

Coa súa censurada versión da correspondencia preparada para a posteridade, para a conservadora dos Arquivos Nacionais, “Fersen falaba tamén del mesmo nas cartas. O aristócrata non era un simple amante da raíña, tiña unha misión do rei de Suecia en Francia e quería ser tratado como un diplomático, como alguén importante nas cortes europeas. Se non destruíu totalmente as cartas foi, quizais, por razóns sentimentais pero tamén para asegurarse de que o papel que tivo na Historia fose coñecido”.


Anne Michelin: “Chegar ao fin desta historia foi todo un desafío científico”

A investigadora Anne Michelin do CRC. Foto: CRC/Archives Nationales
A investigadora Anne Michelin do CRC. Foto: CRC/Archives Nationales

Anne Michelin é investigadora do Centro francés de Investigación sobre a Conservación de bens culturais (CRC).

—Por que elixiron a espectroscopia de fluorescencia de raios X ?

—Para nós foi a mellor técnica porque as tintas que tiñamos que tratar son ferrogálicas, tintas que están compostas por sulfato de ferro mesturado con taninos. Ese sulfato de ferro non é puro, é de orixe mineral, e nel atopamos outros elementos como o cobre ou o zinc. Dependendo da súa fabricación, a composición das tintas podía ser lixeiramente diferente. Iso é o que buscabamos. Centrámonos nese tipo de espectroscopia porque é xustamente unha técnica que nos dá acceso á composición das tintas. Nunha primeira fase do proxecto seguimos outras estratexias pero a tinta utilizada para modificar as frases era moi grosa e a superposición de letras perfecta facendo coincidir así ao milímetro as dúas tintas e sendo un gran obstáculo para o noso traballo.

Esta técnica non é nova, verdade?

—Trátase dunha técnica clásica utilizada en moitos outros sectores. Nós achegamos algo novo no tratamento de datos resultantes. O noso traballo foi establecer una metodoloxía con diferentes enfoques, do máis simple ao máis complexo, para propoñer solucións aos obstáculos que atopamos nas nosas análises de cada unha das cartas.

“A tinta utilizada para modificar as frases era moi grosa e a superposición de letras perfecta”

Esta metodoloxía que aporta de cara ao futuro da investigación?

—É unha técnica que pode seguir sendo utilizada para tratar casos similares de textos raiados ou censurados pero o importante é que a metodoloxía que nós establecemos pódese aplicar a outras moitas áreas. O importante é que nós respondemos a pregunta de como separar dúas informacións superpostas.

Que sentiu a primeira vez que puido ler o que escondían as frases censuradas?

—Traballamos con documentos importantes do pasado que inclúen informacións que levan escondidas moitísimos anos. É moi satisfactorio chegar ao fin desta historia porque levounos moito tempo atopar a boa técnica e o procedemento posterior para ler os resultados. Para nós é unha vitoria ter superado este desafío científico.

—No seu artigo, móstrase prudente á hora de afirmar que María Antonieta e o conde de Fersen eran amantes, por que?

—Eu non son historiadora, o meu traballo non era interpretar os textos descubertos e creo que tampouco era o noso obxectivo principal aínda que foi o que máis entusiasmo espertou. O contexto dos documentos é moi particular, é un contexto revolucionario, de crise, e polo tanto hai unha influencia sobre a escolla do vocabulario e sobre o que se di. María Antonieta é consciente de que a súa situación empeora cada día e isto ten un impacto na súa elección das palabras. Ademais, na súa correspondencia con algunhas das súas amigas tamén utiliza palabras como “meu corazón”. Ela xa utilizaba ese tipo de vocabulario, aínda que  sexa un estilo que ninguén agarda dunha raíña. Pero está claro que existe unha relación de cariño profundo entre eles. Aínda así non podería afirmar se eran amantes, simplemente porque eu non estaba alí e todo o que vexo é un texto. A relación entre eles é unha parte da historia destes documentos pero non toda. Os historiadores terán moito que contar.


Referencia: 2D macro-XRF to reveal redacted sections of French queen Marie-Antoinette secret correspondence with Swedish count Axel von Fersen (Publicado en Science Advances)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan gravados neandertais con máis de 57.000 anos de antigüidade en Francia

Nunha cova do val do río Loira descobren unha serie de marcas non figurativas que foron realizadas coa man de forma deliberada

Ernest Bazin, un colosal inventor na ría de Vigo

O enxeñeiro francés patentou revolucionarios buques e aeróstatos, e presentou na ría grandes adiantos para rescatar os tesouros de Rande

Son preocupantes as infeccións asociadas ao consumo de pizzas contaminadas en Francia?

O produto, que non foi distribuído en España, contiña a bacteria 'Escherichia coli' produtora da toxina Shiga, que causou a morte de dous nenos

Ibuprofeno e COVID-19: isto é o que precisas saber

Esta tribuna científica resume todo o coñecido ata agora pola polémica do uso do ibuprofeno ante os síntomas da infección polo coronavirus SARS-COV-2